4. BIBLIOTECA
Está no ANDAR 2, ao mesmo nivel do Claustro e da propia catedral. Na Biblioteca consérvase como xa comentamos o Códice Calixtino, ou Liber Sancti Jacobi, un fermoso manuscrito iluminado de mediados do século XII. Atribúeselle ao papa Calixto II, irmán de Ramón de Borgoña, o primeiro marido de Dona Urraca. Está dividido en cinco libros que reúnen rezos, himnos, textos litúrxicos, relatos da translación do apóstolo... O Libro IV, a Historia Turpini, é unha narración fabulosa da cruzada de Carlomagno contra os mouros en España despois de que o apóstolo se lle aparecese en soños indicándolle a súa tomba. O Libro V é unha guía de peregrinos escrita por Aymeric Picaud, na que se describen as etapas do Camiño de Santiago así como as portadas da catedral. Aínda que mestura feitos históricos e fantásticos é unha obra de primeira man para o estudo da catedral. Está decorado con preciosas miniaturas. As letras capitulares coas que se inician os diferentes episodios aparecen fermosamente trazadas. Fíxate nesta que representa a "T" de Turpin

Tamén se garda na Biblioteca o chamado "Tumbo A", un fermoso manuscrito elaborado entre os séculos XII e XIII que recolle documentación e miniaturas dos diferentes reis de Galicia na Idade Media.