1. A TORRE DO RELOXO
INTRODUCIÓN
O barroco galego comprende o século XVII e os dous primeiros terzos do XVIII e significa un dos períodos artísticos máis florecentes da nosa historia. A Compostela románica sofre agora profundos cambios para adaptarse ás novas tendencias e multiplícanse os templos por cidades, vilas e aldeas galegas.
O empeño en revestir a primitiva fábrica románica do templo, de acordo cos novos canons da estética barroca, hai que entendelo no marco da transformación que se produce na cidade toda, buscando revitalizar o seu padroádego espiritual. Lévanse a cabo importantes obras de transformación na basílica: o Pórtico Real da Quintana, a ampliación da Porta Santa, o primeiro corpo da Torre das Campás e o coroamento das ábsidas e do ciborio que se levanta sobre o cruceiro.
1. A TORRE DO RELOXO
A fins do século XVII e principios do XVIII elabora a súa obra un artista xenial: Domingo de Andrade. Home de ampla formación cultural, arquitecto e entallador, é a figura principal do primeiro barroco galego e marcará o camiño dos mestres que o suceden. Nos anos setenta ergue a espléndida Torre do Reloxo facendo ángulo entre as prazas da Quintana e Praterías. O monumental conxunto está sabiamente contrastado coas formas do románico, imprimíndolle unha harmoniosa verticalidade.
|
Torre do Reloxo desde a Quintana |
Torre do Reloxo desde Praterías |
Parece probable que a Torre do Reloxo, tamén chamada a Berenguela, non teña nada que ver co bispo Berenguel de Landoira (sec. XIV). Foi edificada un século e medio máis tarde (1468) coma un poderoso cubo pétreo para reforzar a vella catedral románica, pouco despois do asedio Irmandiño. A fins do século XV o rei de Francia, devoto do apóstolo, mandou facer para coroala dúas enormes campás que precisaron modificar a primitiva construción co fin de soportar o peso. Chamouse primeiro Torre das Campás do Rei de Francia e despois, a partir do século XVI, Torre do Reloxo.
Nese corpo anterior de planta rectangular realizado no século XV, nas súas catro caras, dispón Domingo de Andrade cinco longas bandas verticais, asentadas sobre pequenas ménsulas, a xeito de contrafortes decorativos, agás as da cara oeste, máis curtas, porque conserva aínda o arranque dos nervios quizais dun pórtico gótico que non chegou a realizarse. Despois, en sucesión decrecente, enriba dese gran prisma de pedra eleva dous corpos máis.
|
Ménsula |
Bandas verticais, ménsula e escudos |
O primeiro deles, de planta cúbica, arranca cunha cornixa crebada e unha gran balaustrada, a xeito de miradoiro no que é de supor que se situasen o arcebispo e as autoridades da cidade nas grandes celebracións barrocas. Templetes circulares nas esquinas, que quizais se usaron nalgún momento coma luminarias, mostran en cada unha das súas caras unha gran esfera de reloxo branca, asentada sobre carautas fantásticas e rodeada de motivos ornamentais. Unha soa agulla serve para marcar as horas. O seguinte corpo, de planta octogonal, empeza tamén cunha balaustrada con templetes nos seus ángulos, para rematar finalmente nunha lixeira cúpula con lanterna e pináculo. A decoración é abundantísima e dunha grande viveza, característica do mestre, con sartas de froitas e de flores, escudos militares, estandartes, caras fantásticas, cartelas, temas xacobeos coma a vieira e a cruz de Santiago... A maxistral combinación dos volumes coa variada ornamentación labrada na pedra granítica, así coma o seu enclave privilexiado, fan da Torre do Reloxo unha das realizacións máis fermosas do barroco europeo.




