Saltar navegación

Actividades

 

1. A variedade de estilos e motivos dos capiteis da catedral fai pensar en mestres internacionais de moi diferentes escolas. Algúns son das mellores obras do románico e requiren unha destreza e unha execución moi precisas para conseguir eses detalles no granito do país. En grupos de catro  persoas facemos un traballo sobre os capiteis. Tratamos de localizar en Libro de Pedra os capiteis que se citan na unidade. Pódense ver desde os puntos 27, 32, 19. Facede unha captura de pantalla dos mesmos co zoom da páxina ao máximo (Impr/Pant/Sis, pegando nun programa de imaxes). Gardádeos. Indicade sempre a procedencia. Tratade de atopar estes outros:

Desde o punto número 15 intenta atopar un capitel que representa unha muller cabalgando un león, unha imaxe apocalíptica do pecado. Xa a vimos antes aínda que representada doutra maneira. Onde?

 

Desde o punto 16, trata de localizar dous capiteis moi semellantes. Lembran a vexetación das camariñas.

Aínda que as fotos están en branco e negro e pode que non che resulte moi atractiva, sen dúbida a  mellor páxina para localizar os capiteis da catedral é esta http://www.goldschmidt-zentrum.de/hispania_romanica_digitalis/santiago/

Desde esta outra http://www.arquivoltas.com/21-LaCoruna/01-Santiago-17.htm  podedes ver unha selección de moitos dos capiteis románicos da catedral. Neste caso non está indicada a súa posición. Cos que nós vos indicamos e con media ducia máis que seleccionedes clasificádeos en tres seccións: Vexetais, xeométricos, figurativos. Nós escollemos sobre todo os que teñen figuras humanas ou animais pero a maior parte deles teñen formas vexetais ou  xeométricas. Fíxate que se empregan a miúdo motivos simétricos ou liñas entrelazadas e que moitas das figuras son seres híbridos que mesturan as características de outros. Sería importante que anotaras algunhas consideracións persoais, facendo unha valoración das mesmas entre todos para despois debatelas cos outros grupos da clase.

3.Localiza as capelas das que falamos no plano da cabeceira da catedral. Fai un pequeno esquema explicando as obras que vistes en cada unha.

4. A Porta Santa só se abre cando é Ano Santo? Con que periodicidade se celebran? Cando foi o último? Cando vai ser o próximo? Nesta páxina tes información:  http://gl.wikipedia.org/wiki/Ano_Santo_Xacobeo

 5. Ao longo desta unidade  falamos dalgúns símbolos xacobeos que aparecen en diferentes lugares da catedral: estrela, vieira, urna. A estrela é o símbolo do lugar no que empeza a cidade, indicadora da tomba apostólica. A cuncha de vieira está relacionada cun milagre xacobeo. Búscao ti. Agora aos peregrinos que rematan o Camiño dáselle un diploma:  "A Compostelana". Ata o século XVI, dábanselle cunchas. Na urna gárdanse os supostos restos de Santiago. Estes símbolos volverán a aparecer nas próximas secuencias. Localiza os que aparecen nesta unidade e completa ti a información sobre eles.

 6. Que diferenzas ves entre a tumba do burgués da capela do Salvador,  a tumba de Dona Mencía de Andrade e a de Diego de Castela? Que leva cada un deles na man? De que materiais están feitas? Cal deses materiais permite un puído máis fino? Como se chamaba o burgués compostelán?

Escribe un conto sobre o can de Dona Mencía de Andrade. Imaxínao percorrendo de noite a catedral ou as rúas da cidade e tendo que volver para virarse de pedra polo día.

 7. Se te fixas no plano da cabeceira, ademais da bóveda estrelada na capela dos Mondragón, hai outras moi doadas ver. Cita algunhas. Trata de velas con Libro de Pedra.

 8. Empregando así mesmo Libro de Pedra localiza desde a xirola do templo varias columnas salomónicas. Con que están decoradas?

 9. Tamén desde a propia xirola busca no chan a estrela da que che falamos no texto. As igrexas cristiás oriéntanse sempre cara o leste, lugar por onde nace o sol, símbolo de Cristo.

 10. Para a realización dos retablos empregábase normalmente a madeira de castaño, despois de varios meses de secado. De seguido, dábaselle unha capa de xeso e aplicábase sobre a mesma unha arxila vermella chamada "bol de Armenia". Enriba desta pegábanse as láminas de "pan de ouro" que finalmente se brunían cunha pedra de ágata ou con marfín para darlle os brillos que aínda teñen os retablos barrocos da catedral e os das nosas igrexas. Busca información sobre o "pan de ouro" e sobre o "bol de Armenia" en internet. Cita un retablo renacentista e un retablo barroco da cabeceira da catedral..

 11. Neste plano tes as diferentes Cruces de Consagración do templo. En todas aparecen representados o sol e a lúa amáis a alfa e a omega, primeira e última letra do alfabeto grego, indicando que Cristo é o principio e o fin de todas as cousas. O xoves 21 de abril de 1211, na quinta feira da semana de Pascua. "cando brilla a luz do quinto día", escríbese nalgunha das inscricións, o arcebispo Pedro Muñiz dedícalle o templo a Santiago, fillo do Zebedeo. O bispo, que foi tachado de bruxo en máis dunha ocasión, polos rituais que realizaba, está enterrado diante do Santo dos Croques na catedral. No artigo da Wikipedia hai algunha información ao respecto. Usando o seguinte plano, tratade localizar no Libro de Pedra algunha outra cruz fundacional.

12. Na Capela dos Mondragón, por enriba das esculturas do grupo principal,  na representación da paisaxe e das figuras do fondo empréganse unha grande cantidade de pigmentos para acadar unha policromía tan conseguida: vermellóns, minio para os tons alaranxados, albaialde para os brancos, ocre, negro carbón para as zonas máis escuras, ouros para os dourados... Como vés de ver nestas actividades, ás veces as obras de arte requiren complexos procesos e aprendizaxes para a súa realización. Localiza algunha desas cores das que falamos aquí. Busca información sobre elas.

 13. En ocasións hai pequenos detalles que pasan inadvertidos pero que nos poden sorprender. Os artistas deixan en ocasións pequenas obras mestras nos lugares máis insospeitados. Repara nestas curiosas figuras decorativas. Están coma abstraídas,  non sabemos por que. Hai dúas, están na Capela dos Mondragón. Non coñecemos cal é o seu significado. Trata de localizalas...