Saltar navegación

1. AS NAVES

A arte románica significa a síntese e tamén a culminación de diversas contribucións artísticas anteriores, conformando unha linguaxe común a todo o occidente. Co descubrimento da tomba do apóstolo e o nacemento do Camiño de Santiago, Compostela convértese nun  dos referentes da cultura medieval europea. No ano 1075 inícianse os traballos da nova basílica pola cabeceira, sendo bispo Diego Peláez, baixo a dirección do mestre Bernardo o Vello ao mando de cincuenta canteiros.

      "Os mestres canteiros que empezaron a edificar a catedral de Santiago chamábanse Don Bernardo o Vello, mestre admirable, e Roberto, con outros cincuenta canteiros pouco máis ou menos que alí traballaban asiduamente baixo a administración dos fidelísimos don Wicarto e don Segredo, prior de Canónica, e o abade don Gundesindo, no reinado de Afonso, rei de España, e no episcopado de don Diego primeiro, esforzadísimo guerreiro e xeneroso varón. A igrexa comezouse na era MVXVI (ano 1078)." (Codex Calixtinus)

Exiliado o bispo Peláez, a segunda etapa construtiva parece que foi acometida polo mestre Estebo, sendo  promotor Diego Xelmírez, mesmo antes de ser nomeado bispo. Durante o cambio de século (1092-1109) realízanse obras no deambulatorio e no cruceiro. Xelmírez busca apoios na poderosa Cluny e na propia Roma, a onde viaxou en dúas ocasións. Manda cóengos a Francia para que aprendan as novas técnicas escultóricas e arquitectónicas que se están empregando alí. Ergueu igrexas, mandou facer naves de guerra, acuñou moeda, trouxo reliquias de santos de Braga... Os seus adversarios acusábano de se comportar coma se fose o propio papa. Parece que foi home culto, implicado nas loitas políticas do momento. Durante unha gran revolta cidadá en 1117 na que se produce o incendio da catedral ten que fuxir coa raíña Urraca polos tellados do templo. En tempos do mesmo prelado correspóndelle a Bernardo o Novo a cubrición das bóvedas.

No diagrama seguinte  podedes ver as sucesivas etapas construtivas:

Os dous vídeos que se propoñen a continuación poden axudar a entender mellor eses primeiros tempos da catedral e particularmente a figura do que foi o seu principal impulsor: o arcebispo Xelmírez

 

A catedral compostelana inclúese sempre dentro do grupo das grandes igrexas de peregrinación (Sainte Foy de Conques, Saint Martial de Limoges, Saint Sernin de Toulouse, Saint Martin de Tours), entre as que sería o exemplo máis acabado. O espazo articúlase en torno a unha gran planta de cruz latina con tres naves, tanto no brazo maior como no cruceiro. A grandiosa cabeceira do santuario rodeada de capelas radiais, con amplo deambulatorio ou xirola, permite ós peregrinos rodear a capela maior onde se encontra o altar coas reliquias. Aínda que as capelas situadas na parte leste do templo foron obxecto de numerosas remodelacións algunhas conservan parte da fábrica románica. Comentarémolas ao seu tempo.

 

A nave central cóbrese con bóveda de canon, sobre arcos faxóns lixeiramente peraltados. Nalgún momento os arquitectos medievais comprenderon que as pesadas bóvedas dos templos podían descansar o seu peso sobre arcos (e despois sobre nervios), podendo reencher o resto da estrutura con materias máis lixeiros. Ese é un dos grandes descubrimentos do románico. As naves laterais cóbrense con bóvedas de aresta. Sobre elas, unha tribuna ou triforio con bóveda de cuarto de canón rodea o edificio e contrarresta o empuxe da bóveda principal que pode así ser moito máis alta que a dunha igrexa normal, transmitindo o seu peso aos muros e abríndose á nave central por arcos de medio punto sobre columnas pareadas. A tribuna cumpría a función de ampliar a capacidade do recinto e mellorar a súa iluminación (en realidade a catedral contaba con gran número de ventás pero moitas  cegáronse posteriormente). Coma desde un miradoiro privilexiado, “quen recorre por enriba as naves do triforio, aínda que suba triste, volve alegre e gozoso ao contemplar a espléndida beleza do templo” (Codex Calixtinus).

O seguinte vídeo ofrece en menos de 2 minutos unha magnífica perspectiva en 3D da catedral románica e dalgunha das súas fases de edificación. Fíxate na planta de cruz latina, nas tres portadas e na cabeceira. Repara tamén nas torres e nas cubertas.

Desde a páxina http://www.turgalicia.es/fotos/IMAGENES/FLASH/ARQUITECTURARELIGIOSA/vtour_santiago/index.html podes acceder a diferentes puntos do  templo con vistas en 3d. Imos recurrir en moitas ocasións a unha páxina denominada Libro de Pedra  (LDP) que permite facer un percorrido virtual da catedral. Dámosche a continuación unha serie de instrucións para usala.

Libro de Pedra. Instrucións

Situándote nos puntos 3, 7, 12, 21 ou 22 de Libro de Pedra podes ter diferentes perspectivas das naves do templo e das estruturas das que falamos. En todos eses casos estás debaixo da gran bóveda de canón da nave central e podes apreciar perfectamente os elementos comentados. Desde os puntos 11, 13, 18, 16 tes unha visión perfecta das naves laterais recubertas con bóvedas de aresta e arcos faxóns. Situándote no punto 27 ou no 33 pódeste dar unha idea da complexidade de execución da xirola e da función para a que foi concibida, permitindo o movemento dos peregrinos arredor da tomba do apóstolo.

     

                                                                 Brazo norte do Transepto

Os soportes son piares cruciformes con columnas arrimadas, sobre pedestais que alternan a forma circular e a cadrada, mostrando todo o conxunto gran solemnidade e elegancia de proporcións. A estrutura baséase, coma a doutros grandes templos románicos na repetición rítmica dunha serie de elementos fundamentais como son os arcos, os tramos de bóveda, os piares...

O templo, orientado en sentido leste-oeste (da cabeceira ós pés), é de grandes dimensións (máis de 90 metros de longo, por 65m. no transepto e 22m. de altura) e supón o remate da longa serie de buscas arquitectónicas que o precederon, a culminación dun estilo no que se logra a  perfecta harmonización das formas.

Dise no Códice Calixtino, que a  catedral de Santiago “está admirablemente construída, é grande espazosa, clara, axeitada de tamaño, proporcionada en anchura, lonxitude e altura, fermosa e indescritible na súa construción, edificada dobremente coma un palacio real”.

Durante a Idade Media as catedrais teñen tamén un aspecto de fortaleza defensiva, son lugares de culto para a comunidade pero tamén símbolos do poder da Igrexa. A de Santiago contaba con nove torres. Cando os peregrinos chegan hoxe a Compostela xa todos teñen oído falar das características do templo e visto antes fotografías pero hai que imaxinar a visión das súas torres maxestosas sobresaíndo por enriba dos tellados da cidade medieval. K.J. Conant, un dos grandes estudosos da catedral de Santiago de Compostela deixou estes dous debuxos que nos permiten imaxinar como serían as fachadas oriental e occidental no século XII. A maior parte das reproducións que vexas nos libros están inspiradas nelas e noutros traballos seus.

    Fachada occidental. Reconstrución. Conant

        Fachada oriental. Reconstrución. Conant

Tal como apuntamos máis arriba no esquema das fases construtivas, contamos coa data de 1168 para documentar a realización da estrutura arquitectónica do Pórtico da Gloria polo Mestre Mateo. No primeiro corpo, para salvar o desnivel existente entre a basílica e a praza, elévase unha cripta (a chamada Catedral Vella),  concibida como un pequeno templo con xirola, onde se usan por primeira vez as bóvedas nervadas. Esta nova solución á hora de abovedar un espazo anuncia as construcións que se van desenvolver na época gótica e vai permitir elevar considerablemente os edificio. Divídese en catro naves cubertas con bóveda de crucería e separados por arcos apuntados. Estas e outras innovacións serán despois imitadas noutros edificios. A consagración do templo realízase en 1211.

    

 Cripta do Pórtico da Gloria

   Corte transversal da catedral (Conant)

 

A catedral é un organismo vivo, que se vai transformando co paso do tempo. Aínda que  foi alterado por sucesivas reformas que cambiaron totalmente o seu aspecto externo (o claustro e o Pazo de Xelmírez impiden a visión do brazo maior da basílica, as obras barrocas ocultaron totalmente a fermosa cabeceira románica, desapareceron as torres que flanqueaban as portadas do cruceiro, a fachada do Obradoiro modifica como veremos radicalmente a entrada occidental...), a sabia distribución de todas esas ideas (coa excepción quizais da substitución do portal norte en época neoclásica) axuda a configurar un dos mellores conxuntos artísticos da arte occidental. Desde as cubertas da catedral pódese apreciar perfectamente na ábsida as feituras da vella catedral románica e algunhas das características decorativas propias dese estilo: arcos de medio punto, cornixas, columnas, canzorros, esculturas...

   

 Ábsida e Capela da Santa Fe

 Ábsida