Saltar navegación

Actividades

 

Hai un tipo de actividades que poderías realizar con caderno e lapis ao xeito tradicional. Outras moitas sería ben que as realizaras coa plataforma dixital Agueiro, por exemplo todas aquelas nas que facemos capturas de pantalla para traballar con imaxes de Libro de Pedra. Neste vídeo explícase como se pode empregar doadamente.

1.    Citas eses tres momentos anteriores á aparición da cidade medieval que se comentan ao principio no texto. Trata de situalos cronoloxicamente.


2.    Fai un breve resumo da lenda apostólica utilizando os dous vídeos e o artigo dos que incluímos os links. Hai moita información sobre o tema co que poderías ampliala doadamente. Tes que ser conciso á hora de expoñela. Valorade entre todos os alumnos cales dos feitos poden ter unha base histórica e cales non. Organizade un pequeno debate na clase. Anotade as conclusións.


3.    De onde era o bispo Teodomiro? Cando se traslada a sé episcopal a Compostela? Por que se produce ese cambio? Quen é o primeiro arcebispo compostelán? Na páxina    http://es.wikipedia.org/wiki/Anexo:Arzobispos_de_Santiago_de_Compostela tes un listado dos diferentes prelados. Completa a información noutras páxinas. Fíxate na súa lápida, atopada nas escavacións na catedral.


Fíxate na lápida e trata de saber cal era o seu nome en latín?


4.    Non é lugar aquí para estendernos sobre o Camiño de Santiago. Requiriría unha unha única secuencia didáctica dedicada a el. Utilizando este mapa de Galicia http://www.turgalicia.es/docs/mdaw/mdk4/~edisp/turga098257.pdf?langId=es_ES  debuxa ti o Camiño Francés en Galicia e redacta tres ou catro liñas sobre o máis significativo de cada unha dos lugares polos que pasa.

5.    Así imaxinamos que sería a primitiva igrexa dedicada ao apóstolo.

A maqueta está no Museo das Peregrinacións. Desta época, o século IX, serían probablemente tamén a igrexa do Cebreiro, así coma algunhas estruturas das Torres de Oeste. Se ollas fotos delas poderás ver semellanzas na edificación, sobre todo no aparello dos muros e nos esquinais  das edificacións. Anótaas.

6. Así imaxinamos que sería Compostela no século XI, en tempos do bispo Cresconio, antes de iniciar as obras da gran catedral románica

 Tendo en conta a escasa poboación que debía ter neses intres, por que cres que precisaba Compostela unha gran catedral?

7. No Códice Calixtino descríbese a catedral compostelana e tamén a cidade do apóstolo:

“Entre dous ríos, un dos cales se chama Sar e o outro Sarela, está situada a cidade de Compostela. O Sar está cara Oriente, entre o Monte do Gozo e a cidade, o Sarela está ao Poente. Sete son as entradas e portas da cidade. A primeira entrada chámase Porta Francesa; a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de Subfratribus; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta que leva a Padrón; a sexta, Porta de Sussanis; a sétima, Porta de Mazarelos, pola cal chega o precioso viño á cidade.”

A Porta de Mazarelos existe aínda e conserva parte da estrutura da muralla medieval. Usando o Google Maps, desde a praza do mesmo nome, trata de localizala. Intenta atopar tamén a Rúa da Porta da Pena, o curso do río Sar e o do Sarela nos arredores da cidade e o Monte do Gozo.


8.  Cales son as preocupacións fundamentais da arquitectura románica? Por que se lle chama así?