1.INTRODUCIÓN: AS ORIXES DE COMPOSTELA
A XEITO DE PRESENTACIÓN
A catedral de Santiago de Compostela é un espazo artístico que atrae cada ano milleiros de peregrinos ata este fin do mundo, unha escolma das mellores obras realizadas polos artistas máis importantes de cada período histórico. E vós téndela aquí ao pé das vosas casas. Para coñecela pedímosvos o pequeno esforzo de seguir estas secuencias didácticas e de realizar algunhas das actividades que propoñemos.
Ao longo destas cinco presentacións imos tratar de achegarvos aos principais elementos artísticos da catedral. Algúns deles están nos libros de texto: a importancia do Camiño e a da propia cidade que xurde no seu final, as grandes portadas románicas: Praterías e o Pórtico da Gloria, as naves, as torres barrocas do Reloxo e do Obradoiro, a análise doutros aspectos que conforman a basílica (a chamada Catedral Vella, o claustro, as dependencias do museo onde se garda o famoso Códice Calixtino).
Outras das obras que estudaremos son máis difíciles de atopar nos manuais escolares. Veredes cruces fundacionais, marcas dos canteiros, cans de pedra, homes verdes, algúns curiosos capiteis, sepulcros de diferentes momentos artísticos... O obxectivo sería a visita final á catedral, pero mentres esa non chega, traballaremos a miúdo cunha páxina de internet chamada Librodepedra que nos permite facer un percorrido virtual por toda basílica compostelá.
Dicía o gran escritor Chesterton que desde que aprendeu que os pexegos procedían da afastada Persia, ata lle sabían mellor. Descubrir as cousas que vos queremos contar pode levar o seu tempo, pero a viaxe sempre merece a pena. A catedral é un antigo bosque de pedra, un percorrido a través dos séculos no que se contan multitude de historias. Hai que ir afacendo os ollos para velas. Se sabedes mirar ben, en cada recuncho hai unha diferente, agardándovos. Algunhas queremos suxerírvolas aquí.
AS ORIXES DE COMPOSTELA. O CAMIÑO. A CATEDRAL
Hoxe sabemos que a cidade de Santiago de Compostela foi antes probablemente un castro, despois unha poboación romana e andando o tempo unha necrópole sueva que debía ter ao seu carón un núcleo habitado, pero o desenvolvemento da cidade medieval, que dará lugar á Compostela actual, xurde fundamentalmente arredor dunha tomba: o suposto sepulcro do apóstolo Santiago.
O relato do traslado dos restos do apóstolo desde Terra Santa ata Galicia hai que entendelo nese ambiente de culto das reliquias que se propaga por toda Europa nos anos centrais da Idade Media e tamén coma un elemento vertebrador na loita contra os musulmáns durante a Reconquista. A lenda xacobea non presenta máis nin menos verosimilitude que outras historia semellantes, coma a de Rómulo e Remo, poñamos por caso, sobre a fundación de Roma, pero sobre soños e lendas tamén construímos a nosa vida e a nosa historia. A de Compostela é o eixo arredor do que xira toda a historia de Galicia. O nome da cidade moi probablemente derive da forma latina “composita” (a ben composta, a cidade fermosa) e non de “campus stellae”, o campo onde o ermitán Paio veu a estrela que sinalaba o lugar da tomba apostólica, pero dá o mesmo, a arca e a estrela, nesta altura xa son símbolos máis alá das realidades ás que no seu momento se referían.
Cando no ano 829, o bispo de Iria Teodomiro anuncia o achado dos restos do apóstolo, para protexer a “arca marmórica” que os contiña e para promover o seu culto, iníciase a edificación dunha pequena igrexa de pedra e barro. Di Otero Pedrayo que Compostela pasou nese intre do anonimato dos campos e das selvas ao escenario da historia. O suposto descubrimento do sepulcro da lugar desde os primeiros momentos a unha gran afluencia de peregrinos e á aparición do Camiño de Santiago. O Camiño foi un espazo de comunicación na Europa occidental durante o medievo. Ao seu carón medran vilas e cidades e desenvólvese unha ampla actividade comercial. A través del chégannos a lírica dos trobadores, a arte románica...
O primeiro peregrino do que temos constancia histórica foi o bispo francés Gotescalco no ano 950. Seguírono outros ilustres viaxeiros (algúns quizais formen máis parte da lenda que da historia real) coma o emperador Carlomagno, San Francisco de Asís, Guillermo o Conquistador, o alquimista Nicolás Flamel, o pintor flamengo Jan Van Eyck ou o Duque de Aquitania, que acaso deu lugar ao Romance de Don Gaiferos. Paga a pena escoitalo interpretado á zanfona por Faustino Santalices.
Da importancia do Camiño de Santiago escribiron autores de todos os períodos históricos. Na "Divina Comedia" de Dante, a principios do século XIV, o poeta atópase co apóstolo Santiago entre os personaxes que están no Paraíso: "Velaí o home polo que se visita a remota Galicia". Goethe, o gran escritor alemán, decía que verdadeiramente Europa nacera da peregrinación a Compostela.
Nos dous vídeos que se propoñen a continuación podedes ver un pequeno filme animado sobre as orixes de Compostela e outro sobre os diferentes camiños de Santiago:
No Codex Calixtinus, un manuscrito iluminado do século XII atribuído ao papa Calixto II que se garda no arquivo catedralicio, recóllese o relato da translación do apóstolo e os seus milagres, así como unha guía para peregrinos na que se describe tanto o camiño como a propia catedral. Referirémonos a el en máis dunha ocasión porque, aínda que hai que tomar con cautela algunha das súas descricións, é unha das fontes principais na que se apoian os historiadores. Velaquí a chamada "Aparición do apóstolo Santiago a Carlomagno" descrita nas súas páxinas, que dará orixe á identificación do camiño coa Vía Láctea:
" E de súpeto veu no ceo un camiño de estrelas que empezaba no mar de Frisia e, estendéndose entre Alemania e Italia, entre Galicia e Aquitania, pasaba directamente por Gascuña, Vasconia, Navarra e España ata Galicia, onde se ocultaba, descoñecido, o corpo de Santiago. E como Carlomagno o ollase algunhas veces cada noite, comezou a matinar a miúdo no seu significado".

A fins do século IX aquela primitiva igrexa é substituída por outra máis grande de cachotería, na que tamén se empregan mármores e outros materiais nobres. Ese é o templo destruído no ano 997 por Almanzor, que seica manda trasladar as campás da catedral ata Córdoba para servir de lámpadas na Mesquita. As sucesivas remodelacións que se producen no edificio non abondan para satisfacer as demandas dunha cidade que está medrando nin as do grande número de peregrinos que se achegan para venerar as reliquias. Os privilexios dos diferentes reis, así como o apoio da orde de Cluny e do propio papado, van impulsar a creación dunha serie de infraestruturas asistenciais ao longo do Camiño (hospitais, igrexas, pontes…) que fan que se produzan desde eses primeiros séculos verdadeiras riadas de peregrinos. Compostela precisa unha gran catedral que acolla esas multitudes.
A arquitectura é a arte de ocupar o espazo, de facelo habitable, pero ese proceso pode chegar a dilatarse no tempo. As catedrais son obras colectivas nas que colaboran arquitectos, canteiros, pedreiros, albaneis, carpinteiros, escultores, ferreiros, ourives... pero nas que tamén a miúdo poden chegar a participar diferentes xeracións. A catedral é unha síntese, unha escolma dos mellores artistas, dos máis escolleitos materiais, traídos de diferentes partes do mundo. Na basílica compostelana hai mármores e xaspes, alabastro, ouro, prata e pedras preciosas, e sobre todo granito, pedra do país traballada polas mans dos mestres canteiros. Os estilos sucédense, porque coma agora, cambian as modas, os gustos. Cada época artística ten que saber aproveitarse, sabiamente, dos logros dos tempos que a precederon. Ás veces o resultado é grandioso coma no caso da fachada do Obradoiro. Outras (na Acibechería, por exemplo) botamos de menos a vella portada románica derrubada. A catedral é un organismo vivo. Para erguela hai que resolver complexos problemas de enxeñería, físicos, xeométricos, pero tamén dispor dun programa iconográfico que lle dea sentido ao conxunto. A de Compostela teno. Tentaremos de achegarnos a el. É certo que co tempo se perden algúns deses significados. A tarefa dos historiadores da arte é ver de desentrañalos.
A partir do ano 1000 apréciase no occidente europeo unha lenta recuperación económica, aumenta a poboación, melloran os rendementos agrícolas e reactívase o comercio posibilitando novamente o rexurdir das cidades. Europa espértase agora do seu letargo de séculos despois da caída do Imperio Romano cincocentos anos antes. A Reforma gregoriana e a aparición de novas ordes relixiosas propician que por todas partes xurdan novos templos. Raúl Glaber, un monxe de Borgoña, dinos que foi coma se o mundo se revestise dun “branco manto de igrexas”. Velaquí tendes algunhas:
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() ![]() |
Constrúense nun estilo e nunha linguaxe semellante en todo o oeste de Europa: a arte románica. Chamámoslle así porque recupera algunhas das características da arte dos romanos e significa a culminación de diversas achegas artísticas anteriores. A preocupación fundamental desta arquitectura é conseguir abovedar as construcións o que fai necesaria a existencia de muros sólidos e resistentes, capaces de soportar o peso, sen apenas vans. No caso de Santiago é preciso ademais, como xa dixemos, dispor dun dilatado espazo que que poida recibir os milleiros de peregrinos que se achegan a Galicia a través do Camiño. Con esa idea empezan as obras da nova catedral no ano 1075. O vídeo "IACOBUS. El mar, la piedra, el espíritu", da Fundación Barrié, nos seis primeiros minutos resume perfectamente a historia deses séculos iniciais desde o descubrimento da tumba do apóstolo Santiago ata o momento que comentamos. Para non adiantar acontecementos o resto do vídeo é mellor que o vexades no seu momento.







