Saltar navegación

2. A FACHADA DO OBRADOIRO

O século XVIII supón a culminación da estética barroca. A arquitectura vólvese con frecuencia pura escenografía, con edificios que son verdadeiros decorados para  embelecer o espazo cidadán. A obra que mellor exemplifica sen dúbida o que vimos de comentar é a monumental fachada do Obradoiro, realizada por Fernando de Casas Novoa, un dos grandes arquitectos peninsulares, entre 1738 e 1747.

Fíxate na organización do conxunto a modo de tríptico. O gran lenzo central flanqueado polas dúas torres, coma dúas inmensas columnas, a das Campás, á dereita, e a da Carraca, á esquerda. A entrada pódese entender coma un enorme arco para darlle a  benvida ós peregrinos unha vez que ascenden a escalinata, que actúa como unha peaña sobre a que se ergue a maxestosa fachada. As formas converxen cara a ese punto central, en efecto característico do artificio barroco, procurando integrar e acoller ao visitante. Nos dous lados, nos primeiros corpos das dúas torres predominan as formas macizas e volumétricas, mentres que no centro abundan os vanos e as formas caladas e descontinuas que producen maiores efectos de dinamismo.

 Torre das Campás. Desde o Claustro

  Torre da Carraca. Vista posterior

         Fernando de Casas consegue aquí a  harmonía coas realizacións precedentes, adaptándose  ás dimensións da catedral románica. A fachada cumpre á perfección, ademais do efecto estético comentado, o cometido de protexer o Pórtico da Gloria e de iluminar o escuro interior das naves. Utiliza para iso os enormes cristais situados no corpo central, unha das maiores ventás realizadas antes da revolución industrial. A disposición lonxitudinal das mesmas reforza o sentido ascensional imprimido polas torres.Todo acentúa o empuxe vertical do conxunto, conseguindo a transición entre a parte central e as torres laterais, por medio de formas cóncavas decoradas con enormes volutas e variados elementos decorativos: trofeos militares, bandeiras, sartas de froitas, grandes landras, entrelazos... As diferentes esculturas da fachada son obra dos mellores artistas do momento.

O corpo central remata nunha gran espadana, un camarín coa estatua do apóstolo no centro ataviado de peregrino. Dous reis orantes, axeonllados diante del, simbolizan o padroado de Santiago fronte á monarquía hispana. Máis abaixo escúlpese a urna coas reliquias rodeada por unha coroa de anxos, cunha estrela na parte superior, e acompañada polos dous discípulos de Santiago enterrados con el na catedral: Atanasio e Teodoro.

As alas laterais do tríptico mostran as  estatuas dos pais do apóstolo, o Zebedeo, á esquerda, e María Salomé, á dereita. Dúas novas efixies a cada lado rematan os contrafortes que serven de base ás torres. Nas esculturas, colaboran con Casas Novoa os mellores artistas do momento. As esculturas estaban todas policromadas. Recorda que tamén as figuras do Pórtico da Gloria presentaban unha fermosa policromía que se perdeu case completamente.

                                            Figuras na Torre da Carraca: Detrás, o Zebedeo. Diante, Sta. Susana e S. Xoán

                                                      Figuras na Torre das Campás: Detrás, Mª Salomé. Diante, Santiago o menor e Sta. Bárbara

O Obradoiro preséntase como un monumental retablo en pedra granítica, a maneira de pano ou de pantalla, superposto sobre a primitiva construción románica, e contribuíndo a crear a ilusión de que actúa como cerre dunha basílica de dimensións colosais. Son os efectos que busca a arquitectura barroca, deseñando escenografías grandiosas que creen novas perspectivas na paisaxe urbana.