Saltar navegación

Actividades

 

1. Despois de ver "O Soño de Mateo" (http://issuu.com/fundacionbarrie/docs/o_son__o_de_mateo-pdf_issuu) valorade na clase que vos parece. Que se conta nel?

2.  Sempre que podamos o mellor é acceder aos traballos dos especialistas. Neste caso está escrito para vós por unha das persoas que máis sabía sobra arte románica e  sobre a catedral de Santiago, o profesor Serafín Moralejo. Lede o seu artigo "O Pórtico da Gloria".  Podedes facer tres grupos  O primeiro, encargaríase do tímpano central; o segundo, dos apóstolos e profetas, e o terceiro, lería a información relacionada cos arcos laterais. Ao final faise unha exposición na clase e sácanse conclusións.

3. Trata de localizar as imaxes que se citan nesta páxina http://www.fundacionbarrie.org/index.php?V_dir=MCW&V_mod=showart&id=423  no Pórtico, utilizando a web de Tour  Virtual http://www.turgalicia.es/fotos/IMAGENES/FLASH/ARQUITECTURARELIGIOSA/vtour_santiago/index.html.

4. Sería moi interesante que visualizaras as conferencias do profesor  Prado-Villar, o especialista máis importante neste momento sobre o Pórtico da Gloria. Non te asustes, quizais non comprendas algunhas expresións ou algunhas partes delas. Tampouco hai que entendelo sempre todo. Aínda así, sempre che pode axudar o profesor.

5. Xeremías, Daniel, Isaías, Moisés. Os profetas do piar esquerdo do pórtico. Unha obra maxistral no tratamento dos volumes, nos pregues dos vestidos, nos rostros, na actitude dos personaxes que parecen dialogar con naturalidade entre eles.O sorriso de Daniel sobre o que tanto se escribiu, parece que ten máis que ver cunha pasaxe bíblica na que se ri dos falsos ídolos, que coa muller fermosa (Esther, a raíña de Sabá?) que está na contrafachada sobre unha columna. "¿Estarán vivos? ¿Serán de pedra/ aqués sembrantes tan verdadeiros,/aquelas túnicas maravillosas,/aqueles ollos de vida cheos?" dinos Rosalía nun poema ao que xa aludimos, no que nos parece sentir o runrun apagado das conversas. Búscao e acaba de de lelo. Que che suxire? Como remata? Segue os links e procura información sobre os profetas citados.

6. Repara neste cadro de Pérez Villamil de 1868. Rosalía andaba nesas datas por Compostela e quizais se achegou a ver como o pintaba. O Pórtico sufriu un considerable deterioro na súa policromía debido ao paso do tempo, ás humidades que se filtraban pola fachada, pero tamén como consecuencia dunha copia que se fixo en xeso en 1866 (dous anos antes de que se pintara o cadro) para o Victoria & Albert Museum de Londres. Os traballos actuais pretenden recuperar parte desa antiga coloración.

Busca información sobre eses traballos na rede. Hai moita.

7. Como sabedes, é tradición que os peregrinos coloquen os dedos da man na  árbore de Xesé, unha columna labrada en mármore do Incio (Lugo), que representa a xenealoxía de Xesucristo. Parece que ese ritual empeza recentemente, a principios do século pasado. Fíxate na fotografía de Ksado, do 1920. Nalgúns textos anteriores atribúese a marca deixada polos dedos á intervención divina para cambiar a orientación do templo. O personaxe que aquí aparece tocando a arpa, xa o vimos  noutra representación en Praterías, pero tocando outro instrumento. Quen é? Tamén se dan tres golpes coa cabeza na do Santo dos Croques, para que nos infunda a súa sabedoría. É unha imaxe de Mateo que se representou a si mesmo, humildemente,  axeonllado mirando cara o altar coa man no peito.

 Ksado.1920

 Árbore de Xesé

 Santo dos Croques

Algunhas tradicións perdéronse, coma a da Cruz dos Farrapos, que se facía nos tellados da catedral. Infórmate sobre ela. Hai outras relacionadas co culto xacobeo  que se seguen a facer a diario. Unha delas está relacionada coa imaxe do apóstolo que preside o altar maior, e temos constancia de que se realiza cando menos desde o século XVI. Trata de saber cal é.

8. O Tetramorfo é a representación dos catro elementos, das catro forzas da natureza: auga, aire, terra e fogo, personificadas nos catro evanxelistas.No tímpano do Pórtico da Gloria, cada un escribe sobre o seu símbolo. Este detalle representa a San Lucas escribindo sobre o boi que o representa.

Busca en internet outras representacións do Tetramorfos. Que significa exactamente a palabra?

9. Falamos antes dalgúns dos materiais da fachada de Praterías. Vense de descubrir agora recentemente a canteira da que proceden as pedras coas que se labrou o Pórtico. Le esta páxina e localiza o lugar: http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/01/31/o-negativo-da-cidade/

10. Nunha novela de Manuel Rivas levada tamén ao cine, durante a Guerra Civil un preso debuxa co lapis dun carpinteiro o Pórtico da Gloria. As caras das figuras son as dos seus compañeiros de cadea. Como se titula a obra? Se podes lea, ou trata de atopar esa pasaxe.

11. Lembras o vídeo "IACOBUS. El mar, la piedra, el espíritu". A modo de resumo da construción da catedral románica e dos tres pórticos podemos ver agora a segunda parte do mesmo ( a partir de 6min. 15seg)

Resúmeo, explicando nuns poucos parágrafos o significado desas tres portadas. Podes usar o esquema que poñemos no inicio desta unidade.