Saltar navegación

1. A PORTA DE PRATERÍAS OU DOS OURIVES

AS PORTADAS ROMÁNICAS

Xa dixemos que a  arte románica é o primeiro estilo común ao occidente europeo despois da caída do Imperio Romano. A escultura, asociada ás diferentes partes dos templos ten unha clara función didáctica, a modo de catecismo en imaxes, e responde moitas veces a concepcións ideais e esquemáticas, non sempre naturalistas. As imaxes son símbolos.

As primeiras formas da plástica románica hai que buscalas como xa vimos nos capiteis do deambulatorio. Pero a gran obra da basílica serán as súas tres portadas: a norte e a sur nos brazos do transepto, e a fachada occidental aos pés do templo. O arcebispo que promove as dúas do transepto foi Diego Xelmírez. As súas viaxes non só buscan dignidades para Compostela, buscan tamén referencias en materia artística sobre as que non podemos estendernos aquí (Roma, Cluny, Conques, Jaca...) Os autores refírense á fachada norte, a actual Acibechería, reformada totalmente no século XVIII, como Porta do Paraíso (polo antigo nome da praza), Porta Francíxena ou Porta de Francia (pois por ela chegaba á cidade o Camiño Francés).  A portada occidental chamouse primeiro da Transfiguración  e quizais as súas esculturas nunca chegaron a montarse ou foron substituídas polo actual Pórtico da Gloria na segunda metade do século XII. Moitas das pezas desas dúas antigas entradas perdéronse, outros fragmentos gárdanse no museo catedralicio (soberbios son os fustes de mármore procedentes da Acibechería, esculpidos con formas clásicas, que veremos no Museo) ou foron encastados na fachada sur. Esta, a única que se conserva na actualidade dese primitivo programa, denominada Portada de Praterías ou dos Ourives,  presenta polo tanto alteracións considerables. Malia que existen varias hipóteses sobre os posibles programas iconográficos que desenvolvían as tres portadas, é seguro que respondían a un proxecto unitario executado arredor do ano 1100. Algunhas das interpretacións que se fixeron sobre o conxunto téndelas  reflectidas de xeito esquemático no seguinte cadro:

 Porta Francíxena    (desaparecida)

 Acibechería (norte)

     Pai

    O Xénese

    Antigo Testamento

   A Creación

  O Pecado orixinal

 Praterías (sur)

     Fillo

    Novo Testamento

   A Redención

 Portada da Transfiguración (desaparecida)

 Pórtico da Gloria   (oeste)

   

     Espírito Santo

   A Apocalipse

    O Xuízo Final

   O fin dos Tempos  

   A Gloria de Xesucristo

   

                                              Hipotética reconstrución da Porta Francíxena ou do Paraíso, actual Acibechería, segundo M. Castiñeiras.

 A PORTA DE PRATERÍAS OU DOS OURIVES

Se na porta norte se representaba o Pecado Orixinal, na porta sur represéntase a Redención, a vida de Cristo. Na Porta de Praterías o templo ábrese coma unha gran representación litúrxica ás rúas da cidade. Chamóuselle así porque nela se situaban as tendas dos ourives e prateiros. Para un estudo detallado distinguiremos os dous tímpanos, o friso superior e as figuras dos laterais da entrada. Nesta foto sinalamos algúns outros elementos da portada

O tímpano da dereita representa na parte inferior escenas da Paixón de Cristo. De esquerda a dereita, na primeira figura o milagre da curación do cego, que non formaría parte do ciclo. De seguido aparecería a coroación de espiñas, os soldados dispostos a flaxelar a Cristo, Cristo atado á columna, o Cireneo levando a cruz e o prendemento no Horto das Oliveiras, onde se inicia a Paixón. A disposición das figuras lembra os sarcófagos paleocristiáns. A condición divina de Xesús maniféstase na parte alta, na Adoración dos Magos, unha Epifanía moi deteriorada, así coma no anxo que descende portando unha coroa, mentres que o tema da Paixón se refire á súa dor como home. O milagre revela o seu poder como fillo de Deus.

No tímpano esquerdo aparecen as tentacións de Xesús no deserto. Os dous anxos que rodean a Cristo (a segunda figura empezando pola esquerda) levan incensarios nas mans, aínda que un xa non se aprecie. O incensario do anxo da dereita, o que sae de entre as nubes, leva gravado un green man, un home verde, ao que lle saen follas e ramaxes da boca. Simboliza a forza e a maxia da terra e da natureza. Dous demos, un deles con cara de mono, tentan ao Señor, ofrecéndolle pedras para que as converta en pan. Por entre as follas dunha figueira repta unha serpe, símbolos do pecado orixinal e do mal. Na lastra da dereita outros demos con caras simiesca e de cans interpretan unha especie de danza macabra. Enriba deles un mozo monta un león, facendo soar un corno de caza e un can retórcese case irrecoñecible. Para algúns autores, a muller da esquerda é Eva, símbolo do pecado e da morte. O Calixtino descríbea como a Adúltera, condenada a soster a caveira do amante por toda a eternidade, alegoría da luxuria. Un motivo para a reflexión sobre a condición da muller no medievo. Sen dúbida unha das obras mestras da escultura románica, moi probablemente do mesmo autor que a figura do rei David que imos comentar agora.

         

A acumulación de temas tan diversos no friso parece producir unha certa sensación de desorde como consecuencia das sucesivas reformas, pero conserva algunhas obras excepcionais coma a de Abraham xurdindo do sepulcro, en mármore, procedente do proxecto do pórtico occidental, situado debaixo dunha imaxe do Salvador (de época gótica). Debaixo de Abraham, tamén en mármore, aparece unha pequena figura representando a Moisés e máis abaixo, un crismón e dous leóns de pedra, símbolos de Cristo, defensores do templo, que tamén aparecen nun lateral.  Á esquerda do eixe central, unha obra mestra, Santiago entre alciprestes. Na Transfiguración, Cristo revélase como Deus a Pedro, Santiago e Xoán no monte Tabor. Á dereita do eixe central, no alto, colocáronse no século XIX seis figuras procedentes do coro de Mateo. Un apostolado que debía estar no friso orixinario aparece na esquina dereita. Os apóstolos formaron parte fundamental da vida de Xesús, que é o tema da portada, e difundiron a súa mensaxe. Outros motivos recoñecibles de diferentes tamaños disponse na parte esquerda do friso: unha Expulsión do Paraíso, un centauro, outros apóstolos... Anxos trompeteiros aparecen xusto por enriba das arquivoltas.

Xunto coa porta norte ou do Paraíso e a oeste, da Transfiguración, a actual da Porta de Praterías ou dos Ourives é produto daquel primeiro proxecto de principios do século XII, pero tamén das posteriores remodelacións que xa inmediatamente se acometeron. Cando en 1770 se toma a decisión de desmontar o Pórtico do Paraíso na Acibechería, parte das esculturas son colocadas na fachada sur. Podemos efectuar a súa identificación grazas ao Códice Calixtino que describe como eran as portadas da catedral arredor de 1140. Algunhas desas obras foron colocadas no lateral esquerdo de Praterías: O Cristo en Maxestade que presidía a fachada norte, a Creación de Adán e o rei David. A perfección da súa modelaxe pode a penas darnos unha idea da beleza da antiga portada. A marabillosa figura do rei David, autor do Libro dos Salmos, represéntase tocando a fídula ou viola. Prefiguración de Xesús, aparece representado no trono, esmagando as bestas baixo os seus pés, vencedor sobre o mal. No lateral dereito un novo Pantocrátor e a creación de Eva, bastante deteriorados.

Algúns dos artistas que realizaron as esculturas de Praterías traballaron na  fachada norte, de onde proceden varias figuras, coma o chamado Mestre da Porta Francíxena, autor da muller adúltera, no tímpano, e da Creación de Adán e do rei David, no lateral esquerdo. Son personaxes moi vitais, de típicas meixelas inchadas,  formas clasicistas e pregues paralelos nas vestiduras. Outros, coma O Mestre da Transfiguración proxectaron probablemente as súas obras (o Santiago entre alciprestes e Abraham saíndo da tomba) para a fachada occidental. Os especialistas distinguen polo menos tres autores máis. O Mestre do Cordeiro realizou o Pantocrátor do contraforte esquerdo. O chamado Mestre de Conques ou das Tentacións sería autor das Tentacións de Cristo do tímpano esquerdo e das figuras centrais da Paixón de Cristo no tímpano dereito (Coroación  de espiñas, Flaxelación, Cireneo). Estas últimas aparecen esculpidas nun único bloque, mentres que as esculturas dos laterais (Prendemento e Curación do cego)  responderían á man doutro autor: o Mestre da Traizón.  Aínda que non existe un acordo total sobre o asunto, a que vimos de expor  é, resumida en catro liñas, a opinión do profesor Manuel Castiñeiras, un dos maiores especialistas en arte románica. Distinguir entre unhas figuras e outras e tarefa de expertos, pero algunhas características elementais, tamén podedes chegar a velas vós.