Actividades
Actividades
1. Fíxate nestas dúas figuras do Mestre da Porta Francíxena, sen dúbida entre as mellores do románico, a de Eva ou a adúltera, que xa estaba colocada na fachada de Praterías cando se redacta o Códice Calixtino, e a de David que se trasladou alí no século XVIII.
![]() |
![]() |
Que semellanzas ves no tratamento escultórico das mesmas? Repara nos pregues das roupaxes, na disposición dos corpos, nos cabelos, na mirada perdida, ensimesmados no pensamento ou na contemplación de algo que se nos escapa? Imaxina en que pode estar pensando cada un deles? Fíxate nas cadeiras nas que sentan. En que rematan as patas? Son moitos os detalles nos que te podías deter. Na representación da adúltera os brazos da cadeira rematan en cabezas de leóns. Na de David vese a cabeza dun demo esmagada na esquina inferior esquerda e máis enriba, unhas mans avarentas que parecen contar moedas. Son representacións do mal, fronte á música que representa a orde, a beleza e a virtude.Trata de atopar estes motivos.
2. Escoita como soaría a viola de arco do Rei David
3. A arte románica busca a acomodación das esculturas ás formas arquitectónicas, como ben se pode apreciar nos capiteis que xa vimos nas outras unidades. Nalgúns lugares, cando se reaproveitan figuras coma aquí, os problemas para adaptar os relevos ao marco das arquivoltas son evidentes. Unha das interpretacións que se dá neste caso é que se fixeron varios cambios no primitivo proxecto da portada, reutilizando as pezas. A ver se das atopado algún exemplo que xustifique o anterior. Trata de encontrar tamén algunhas figuras que están en posicións inverosímiles, mesmo cabeza abaixo.
4. Repara nos diferentes materiais cos que está feita a portada. Hai varios tipos de pedra. As figuras do David e da da adúltera son de granito, a pedra do país. A lousa dos demoños que están á esquerda da adúltera amais outras pezas dos tímpanos son de serpentinita, unha pedra verdosa. Hai figuras coma a de Abraham ou a columna central que son de mármore branco, pero hainas tamén de mármores rosados e grises. Escolle dous exemplos de cada un dos tres materiais principais: pedra granítica, serpentinita, mármore.
|
Demos. Serpentinita |
Creación de Adán. Pedra/ Columna. Mármore |
5. Fíxate agora nas columnas. Son once, de pedra e de mármore, material que permite unha labra máis fina. Dise no Codex Calixtinus que son "de mármore branco unhas, e de pedra outras", e que están "fermosamente labradas con imaxes de flores, homes, aves e animais". As figuras que aparecen nas de mármores dos extremos son os apóstolos, a maior parte deles sen identificar, as do centro quizais fagan referencia ás doce tribos de Israel. Lembras que falamos da colocación de apóstolos no friso. Difundiron a mensaxe de Cristo e son os piares sobre os que se asenta a igrexa.

Utilizando Libro de Pedra sitúate na Praza de Praterías, distingue entre as columnas que son de mármore e as de pedra e trata de atopar nestas os seguintes elementos representados nos fustes: margaridas, pérolas, roleos de follas.
6. Na xamba esquerda da porta dereita atopamos a seguinte inscrición: "ERA / IC / XVI / V IDUS / JULLII". Aínda que na páxina http://es.wikipedia.org/wiki/Catedral_de_Santiago_de_Compostela#Fachada_sur_o_de_las_Plater.C3.ADas tes información sobre a data á que corresponde no noso calendario, en realidade as derradeiras investigacións afirman que se interpretou mal e que o ano en cuestión sería o 1103. De que data se fala na Wikipedia?
7. Os danos causados polo incendio de 1117, cando a raíña Urraca e o arcebispo Xelmírez son sitiados na catedral, seguramente fan cambiar os plans iniciais, de maneira que se abandona a execución da portada oeste, pasando un dos seus grupos (a Transfiguración) a ocupar o lugar central do friso de Praterías. Perdéronse as figuras de Cristo e Pedro, pero consérvanse dúas obras mestras realizadas en mármore que reproducimos no texto: Santiago entre os cipreses do monte Tabor e Abraham saíndo do sepulcro. Na escultura de Santiago reza o epígrafe seguinte: “Hic in monte Jhesum miratur glorificatum”. Na de Abraham pódese ler así mesmo “Surgit Abraham de Túmulo”e “Transfiguratio Jhesu”. Coa axuda do profesor de latín trata de descubrir o que significan. Co tradutor do Google pódeste dar unha idea. Explica que sucedeu na pasaxe evanxélica da Transfiguración.
8.
Ademais da Creación de Adán e da de Eva, en Praterías aparecen outras representacións de Adán e Eva. Trata de atopar estas dúas. Podes usar Libro de Pedra.
![]() |
![]() |
9.Na parte esquerda do friso represéntase un centauro. Formaba parte dos doce signos do Zodíaco da portada norte que simbolizaban o paso do tempo fronte á eternidade de Deus. Que signo representa o centauro?
![]() |
![]() |
No arco da dereita, á mesma altura que o centauro, vemos a figura á que lle dispara: unha serea de longos cabelos que leva un peixe na man e fai soar un corno. Para dar sensación de movemento, unha frecha pásalle a rentes da cabeza, a outra atravésalle o peito. As sereas trataron de enganar cos seus cantos a Ulises que tivo que tapar con cera os oídos para non escoitalos. Nos bestiarios medievais representa a tentación e o pecado. Lembras onde xa viras sereas na catedral? Inventa unha historia. Imaxina o centauro paseando pola Praza de Praterías e a sorpresa dos visitantes.
10. Fíxate na cara representada no incensario do tímpano esquerdo imitando decoracións características da ourivería. Busca información sobre os misteriosos homes verdes ou green man en internet. Sorprenderaste. Tendes algunhas representacións nesta páxina en inglés http://en.wikipedia.org/wiki/Green_Man ou neste artigo http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2009PDF/2009%20285_308%20ERIAS%20GRENN%20MAN%20c.pdf . Aínda que o texto vos poida resultar longo ou complicado podedes ollar as fotos.

11. Nun poema de Luís Seoane entran na catedral un tropel de personaxes pola porta de Praterías (xigantes, cabezudos, unha abadesa tola, unha vella que acaba de casar cunha coroa de hedras...).
"O rey David e A Adúltera do cráneo no colo,
a todol-os ven chegar cos seus ollos de pedra
dende a eternidade dos relevos do pórtico."
Se atopades o poema, lédeo. Describide a escena ou facede un debuxo sobre ela.







