3. MUSEO
O Museo da Catedral así como o resto das dependencias que imos comentar recollen obras de diferentes períodos artísticos, pero sobre todo de época románica. Utilizaremos a páxina Libro de Pedra para visitalas, entrando desde a icona "Museo de la catedral". Podemos acceder á planta baixa e a tres andares diferentes onde comentaremos algunhas pezas importantes en cada caso. Seguiremos as referencias numeradas nos esquemas, aínda que non se van comentar todas as dependencias. Os números que preceden os comentarios indican o lugar nos diagramas.
Na PLANTA BAIXA ademais da Cripta que xa comentamos, merece a pena destacar:
1. Destacan nesta sala sobre todo os magníficos fustes de mármore da primitiva Porta do Paraíso que como sabedes estaba na actual Praza da Acibechería. Cando Xelmírez visitou Roma, probablemente puido ver unhas columnas moi similares nas que se inspiraron estas. Estaban situadas diante da basílica romana, nunha praza tamén chamada coma a nosa: Paradisus.

Podedes ver aínda neste mesmo lugar outras importantes obras románicas, un Cristo en Maxestade, a Amoestación a Adán e Eva ou unha curiosa escultura do mes de febreiro que se representa coma un home aterecido de frío, quentando as canelas.
2.Parámonos aquí na reconstrución do gran rosetón da antiga fachada románica do Obradoiro ou na figura sedente quizais procedente do antigo pórtico occidental realizada polo chamado "Mestre dos panos mollados" porque lembra as esculturas gregas que se realizaban empregando esa técnica.

4 e 5. Antigo coro pétreo realizado polo Mestre Mateo e polo seu taller. Obra fundamental da arte románica. Estaría situado debaixo de onde agora está o órgano barroco, ocupando os tres tramos da nave central do templo a partir do cruceiro e con dous niveis de asentos. Desde o "ledoiro" realizábanse as lecturas da liturxia. Foi desmontado en 1600. As partes que podedes ver nestas salas foron restauradas. Nesta páxina podedes ver algunhas das esculturas que o formaban

24 figuras do antigo coro están agora encastadas na Porta Santa, na Praza da Quintana.

No ANDAR 1 salientamos:
1. Tres obras góticas, do século XV, unha Anunciación en pedra calcaria policromada, unha Epifanía -o Tímpano da capela de Dona Leonor- tamén policromada pero en granito e o Retablo Goodyear, do que reproducimos un fragmento, en alabastro, realizado nun obradoiro inglés.
|
Anunciación |
Retablo Goodyear |

Epifanía

