Saltar navegación

2. O PÓRTICO DA GLORIA

 

Entre o ano 1168 e o 1188, en que se colocan os linteis, realízase na fachada occidental o Pórtico da Gloria baixo a dirección do Mestre Mateo. Os estudosos coinciden en distinguir na obra tres planos diferentes: O primeiro sería a cripta ou “Catedral Vella”, no nivel inferior da Praza do Obradoiro, que representaría o mundo terreal cuberto pola bóveda celeste, mostrada nas figuras dos anxos portadores do sol e da lúa situados nas claves (verémolas ao falar da cripta). O segundo sería o Pórtico da Gloria, aos pés do templo,  simbolizando a gloria de Deus, a Xerusalén celeste.  E por último, o Año de Deus, na clave da bóveda da tribuna superior, iluminando o mundo celestial como as luminarias do sol e da lúa iluminan o terrestre.

  Clave. Año de Deus. Vista desde a nave central

Ata o século XVI o Pórtico estaba aberto ao exterior e podíanse ver as súas figuras policromadas desde a praza. Desmontouse ese gran arco que precedía o actual, cos dous menores que o acompañaban, así como as figuras que nel estaban. As dos profetas Elías e Enoc que formaban parte das xambas consérvanse agora no Museo de Pontevedra. Nas tres primeiras páxinas deste enlace tendes información ao respecto. Polo gran rosetón central, desmantelado nas reformas do século XVIII, entraba ao pór do sol a luz iluminando a parte central do templo na que se atopaba o coro pétreo do mestre Mateo, do que falaremos. A mensaxe do Pórtico está directamente inspirada na Apocalipse de San Xoán (Cap.1, 1-18), o Libro da Revelación que relata os acontecementos que rodearán o Xuízo Final cando se produza a segunda vinda de Xesucristo.Un bispo peregrino que viaxou desde Armenia ata Compostela para ver a tumba de Santiago describiuno dicindo que nel está representado "todo o que sucedeu despois de Adán e todo o que vai suceder ata a fin dos tempos".

Primitiva portada Occidental. Obradoiro

  Corte transversal. Iluminación do coro

                                    

O tímpano central do tríptico está presidido pola imaxe de Cristo en Maxestade, resucitado, vestido con túnica sacerdotal, mostrando as chagas nas mans abertas. Aparece rodeado polo Tetramorfo cos símbolos dos catro Evanxelistas :o león de San Marcos, o touro de San Lucas, o anxo de San Mateo e a aguia de San Xoán, segundo aparecen na visión do Libro de Ezequiel. Na parte inferior, aos lados de Xesús, oito anxos portan os instrumentos da Paixón (a columna, a cruz, a coroa de espiñas...). No alto represéntanse as pequenas imaxes dos benaventurados gozando da presenza de Deus. Na arquivolta, en disposición radial, con minuciosa e maxistral descrición, os 24 anciáns da Apocalipse coma venerables trobadores afinan variados instrumentos musicais (fídulas ou violas, salterios, arpas, organistrum...) e levan nas mans frascos e redomas de perfume.

Escoita como soaría o organistrum:

Nos linteis do tímpano descríbese como foron colocadas as súas pedras no ano 1188 da Encarnación do Señor, nas calendas de abril, na igrexa do Benaventurado Santiago, polo  Mestre Mateo, que dirixiu a obra desde os seus cementos.

  

No parteluz que sustenta o tímpano a imaxe de Santiago sedente recibe ós peregrinos, ataviado co báculo na man esquerda e un pergameo na dereita que reza: “Misit me Dominus” (Envioume o Señor). Está situado no alto dunha columna, a árbore de Xesé, exquisitamente esculpida ca Xenealoxía de Cristo e rematada nun capitel no que se representa a Trindade.

 

Sobre o piar esquerdo do arco central manteñen o seu eterno diálogo de pedra os profetas representantes da Antiga Lei que anunciaron a Cristo: Moisés, Isaías, Daniel e Xeremías, conservando aínda algo da policromía orixinal que adornaba o Pórtico todo, visible tamén en outras partes. As novas investigacións revelan algúns dos pigmentos empregados: ouro, lapislázuli, cinabrio...

Nos piares do arco lateral esquerdo figuran outros profetas menores. Na arquivolta superior, Israel, o pobo elixido, agarda ser liberado detrás dun groso bocel. No centro da arquivolta inferior, entre follas que parecen de repolos, aparecen  Cristo e Adán e Eva. Anxos conducen nenos (as almas dos benaventurados) a diante do Señor.

No piar dereito do arco central represéntanse os apóstolos, difusores da nova mensaxe cristiá: S. Pedro, San Pablo, Santiago e San Xoán, seu irmán, o evanxelista que tivo na illa de Patmos a visión apocalíptica do Xuízo final. As figuras continúan nos piares laterais.

Nunha metade da arcada dereita represéntase o Xuízo Final según o evanxeo de San Mateo. Cristo e o arcanxo San Miguel separan os condenados dos escollidos. Estes pasan a gozar da gloria de Deus. Na outra metade, como di Rosalía de Castro nun poema, "negrexa o inferno", os condenados son sometidos a terribles tormentos, con detalles curiosos de gran expresionismo (caricaturas de demos que atormentan ós condenados, dúas serpes pican nos peitos da muller luxuriosa, un personaxe intenta beber cabeza abaixo sen conseguilo...).

Desde as basas dos piares, obsérvannos, ameazantes, seres monstruosos de reminiscencias orientais, osos, leóns, bestas aladas mordendo extremidades e cabezas, un grifón roendo nunha cachucha dun porco, representacións do inframundo, gardiáns do templo ou símbolos do pecado sobre o que triunfa o Reino de Deus. Nada se deixa ao azar. Cada figura ten o seu sentido. Completan a visión prodixiosa de Mateo as imaxes da  contraportada con outros personaxes que dalgún xeito prediciron a chegada de Xesús  como a sibila de Cumas, Virxilio ou San Xoán Bautista, que anunciou a chegada do Mesías e aparece á dereita na imaxe superior sinalando o Año de Deus. Catro anxos trompeteiros anuncian desde as esquinas a chegada do fin dos tempos. O Santo dos Croques, representación do Mestre Mateo, coa man no peito, completa o conxunto ollando cara o altar axeonllado, de costas á súa obra: Un pórtico situado no fin do mundo para conmemorar o final dos tempos.

O seguinte vídeo é unha representación en  3D do conxunto. Merece a pena velo

A que acabamos de referir é a interpretación máis aceptada polos especialistas, aínda que outras opinións que non poden ter cabida aquí engaden matices distintos. Citar tan só a do profesor Serafín Moralejo que ve no Pórtico influencias da denominada "Ordo Prophetarum", ou "Procesión dos Profetas", un drama litúrxico que se representaba nos templos na Idade Media. Coinciden os críticos en sinalar a presenza de varios autores na execución dun programa de semellante complexidade. Serían da man xenial do mestre Mateo o Pantocrátor e os anciáns do arco central, o Santiago do parteluz e os profetas do piar esquerdo. En todas estas imaxes se perciben claras semellanzas: a conseguida corporeidade, a serenidade clásica que emanan, a brandura da modelaxe, a perfecta individualización... O Pórtico da Gloria é unha das obras claves da cultura occidental. Cerra o ciclo da tradición románica, cun canon de beleza diferente, de formas máis plenas e naturalistas, buscando a liberación das figuras do marco arquitectónico e marcando o inicio dunha sensibilidade de vangarda: a da arte gótica.

Da fundación Barrié de la Maza é o magnifico vídeo titulado Pórtico virtual, ao que podedes acceder desde aquí. Hai tamén unha versión máis curta.

 

                                                    Pórtico virtual