Saltar navegación

2. AS CAPELAS

As capelas veñen sendo como pequenas igrexas dentro da gran catedral. As que rodean a cabeceira sitúanse en pequenas ábsidas ou absidiolos. Encargábanse do culto nelas e da custodia da tumba apostólica os monxes de San Paio de Antealtares. Son as que máis nos interesan porque algunhas conservan aínda parte da fábrica románica. Non é necesario que aprendas os seus nomes nin o de todo o que hai en cada unha. Déixate ir e pon atención. Imaxina centos e centos de persoas a través dos séculos erguendo bóvedas e cúpulas, cicelando a pedra, para que ti poidas velo agora. Algo haberá que che interese entre todo o que fixeron. Coa páxina Libro de Pedra é moi doado que te sitúes e que localices as cousas. Usarémola tamén para a realización de diferentes actividades.

Deterémonos entón especialmente na zona da cabeceira.Veremos obras románicas pero tamén de outros estilos. No seguinte esquema desa parte do templo figuran marcadas de cores as zonas que se foron reformando nos sucesivos períodos artísticos.

                                         Cabeceira da catedral. Adaptación a partir de Conant.

CAPELA DO SALVADOR (28 no diagrama do Libro de Pedra)

O altar, de mármore policromado, é renacentista (século XVI), de estilo plateresco, obra de Juan de Álava. Falaremos deste autor máis adiante pois vaise encargar tamén da execución do claustro. A imaxe central do Salvador amosando as chagas é anterior, de época gótica. Fíxate que as súas formas son máis rídas que as das figuras que o rodean. Desde a antigüidade clásica é común pintar de cores non só a madeira senón tamén a pedra e o mármore. Lembra que o propio Partenón estaba decorado con pinturas rechamantes . Mesmo o noso Pórtico da Gloria, como veredes máis adiante, conserva aínda restos da súa policromía.

             

Por esta capela empezouse a construír a catedral románica. Destacan sobre todo os capiteis. Dous deles están no arco de entrada ao recinto e tes que situarte no pto. 27 para velos. Levan carteis alusivos ao rei Afonso VI  e ao bispo Peláez que promoveron a obra.  Están escritos en latín e sostidos por anxos de grandes alas despregadas. Chámanse fundacionais porque conmemoran a fundación do templo. Estes non presentan demasiados problemas á hora de interpretalos pero case todos os do románico si. Son símbolos e non sempre sabemos o que representan. No terceiro capitel que che propoñemos aparecen sereas de dobre cola que algúns autores relacionan cun episodio das campañas de Alexandre Magno na India. Os seus soldados quedan enfeitizados cando as ven saír espidas de entre os canavais á beira do océano e algúns, perseguíndoas, morren afogados. Fixádevos o complexas que poden ser as historias que envolven as figuras do románico. Alexandre, rei de reis, e o seu exército, que simbolizan o poder e as glorias do mundo, son seducidos polas sereas que representan a concupiscencia e o pecado. Os capiteis son exemplos, advertencias. Mesmo o propio monarca e o bispo que fundan este templo teñen estar vixiantes fronte á tentación.

Á esquerda do altar hai un sartego gótico. A figura xacente representa un burgués de Compostela vestido cun alto gorro e cun tabardo, agarrando a empuñadura dunha espada. Na catedral hai enterrados reis e príncipes, bispos, nobres e tamén burgueses. Veremos algunha desas tombas.

          

Sitúate no punto 27 DE LDP en plena xirola. Dun lado tes o impresionante altar barroco do templo  rodeado de vidrieras e de grandes columnas salomónicas  que sosteñen fragmentos dun entaboamento partido, a maneira de ménsulas enormes sobre as que se erguen anxos. As columnas están decoradas con follas de viña e grandes acios de uvas, símbolos da eucaristía.

Do outro lado está a Porta Santa que tan só se abre cando é Ano Santo. Enriba dela hai unha das doce cruces procesionais que se colocaron cando se consagrou o templo en 1211. Asistiu o propio rei. O arcebispo deu tres voltas arredor da catedral bendicindo despois co incensario, nunha longa cerimonia, cada unha das doce cruces. As figuras que están aos lados son do taller do Mestre Mateo, do que falaremos máis adiante. No chan hai unha gran estrela, símbolo da cidade que se repite por todo o templo. Marca o leste, xusto diante da Capela do Salvador.

           

Enriba da porta, a esquerda e dereita hai curiosos capiteis románicos. Unha muller agarra dúas grandes serpes mentres dous sapos maman dos seus peitos. É unha imaxe moralizante contra o pecado da lascivia, inspirada en antigas representacións pagás da forza poderosa da terra nutricia. Desde esta posición podes ver un grupo importante de capiteis: dous con aguias enfrontadas que teñen no medio grandes cunchas de vieira, leóns rampantes entrelazados polos rabos, unha raposa (imaxe do demo, espreitante) devorando con crueldade unha ave, motivos vexetais, decorativos... Un bestiario, unha selva de imaxes labradas na pedra cunha forte carga simbólica.

 

CAPELA DA AZUCENA OU DE SAN PEDRO (25 en  LDP)

     

As dúas imaxes que lle dan nome están no retablo. Fíxate no sepulcro de Dona Mencía de Andrade, obra renacentista (fins do sec XVI) de Juan Bautista Celma, autor tamén dos púlpitos de bronce do altar maior ou do mecanismo do botafumeiro. Realizada en granito do país, a figura aparece recostada. A cabeza reclinada en grandes almofadas apoia a meixela nunha man, nun xesto típico doutros sepulcros galegos. Leva un rosario nas mans e ten un can aos seus pés. Repara en que o estilo nada ten que ver co dos capiteis románicos. O Renacemento busca o equilibrio das formas que se volven clásicas e repousadas fronte á expresividade e o primitivismo da arte medieval.

Sepulcro de Mencía de Andrade na capela da Azucena                                                    

CAPELA DOS MONDRAGÓN (24 EN LDP)

Nesta viaxe por algúns dos aspectos artísticos da catedral deterémonos aquí nas bóvedas estreladas de complicadas nervaduras, que forman unha estrela irregular de cinco puntas, deformada para adaptarse ao espazo. As bóvedas da catedral, ademais das que xa citamos (a de canón da nave principal, as de aresta das laterais ou a de cuarto de canón da tribuna) son de moi diferentes formas. Fíxate no debuxo da planta da cabeceira que reproducimos máis arriba. Pódese ver o debuxo de algunhas. Date de conta do que se evolucionou desde as primeiras bóvedas de canón para chegar ata este punto.Veremos outras.

 

Moi orixinal tamén é o retablo renacentista de Miguel Perrín da Piedade, ou a Lamentación. Malia que durante o século XIX se afirmaba que fora realizado coa lava do Vesubio, en realidade  está feito en barro cocido ou terracota, unha técnica pouco empregada habitualmente nestas obras.

 

CAPELA DO PILAR (23 EN LDP)

Relacionada coa aparición da Virxe ao apóstolo no Pilar de Zaragoza. É a capela máis ampla. Destaca pola variedade e riqueza dos seus materiais: mármores, xaspes, estuco... É obra do gran arquitecto Fernando de Casas Novoa, autor tamén da fachada Obradoiro, da que falaremos noutra unidade. Viaxou persoalmente a Lisboa para escoller algúns deles. Repara tamén nos mobles con incrustacións de marfil. O retablo foi realizado por Miguel de Romay, un dos máis grandes escultores do barroco.  A cúpula é octogonal. Antigamente a capela estaba dedicada a Sto. André, o primeiro discípulo de Xesús, irmán de San Pedro.

CAPELA DE SAN XOÁN EVANXELISTA (30 EN LDP)

Fíxate nos capiteis románicos e no retablo barroco doutro dos grandes mestres galegos: Simón Rodríguez. Remata nunha gran cuncha de pedra característica do autor.

CAPELA DA STA. FE OU DE SAN BARTOLOMÉ (33 EN LDP)

É unha das primitivas capelas da catedral. Artistas que traballaron na igrexa da Sta. Fe de Conques, en Francia, trouxeron o seu estilo a Compostela a través do Camiño de Santiago. Represéntanse escenas da vida da santa nun dos capiteis románicos do exterior (32 LDP).

O retablo é renacentista, en mármore policromado, do mestre Arnao, autor tamén do magnífico sepulcro de Diego de Castela, en mármore branco, dentro dun gran arco con escenas relacionadas coa Resurrección. Observa as calidades que se conseguen no puído do mármore e os delicados motivos ornamentais que a pedra non permite conseguir.

CAPELA DA CONCEPCIÓN OU DA PRIMA (24 en LDP)

O nome deriva da confraría da Prima que se encargaba de manter o seu culto. O retablo é de Simón Rodríguez de quen xa falamos antes. A imaxe da Virxe é renacentista e atribúese a Cornielles de Holanda.

CAPELA DO ESPÍRITO SANTO (35 en LDP)

Ten fermosos sartegos góticos inspirados no coro do mestre Mateo e pinturas da mesma época nas paredes. Reproducimos unha Lamentación sobre Cristo morto. Nesta capela sábese que foi enterrado o gran arquitecto Fernando de Casas Novoa, pero non se conserva a tumba. A historia ás veces é caprichosa. Tampouco sabemos onde pode estar o sepulcro do arcebispo Xelmírez.

 Sepulcros góticos

  Pinturas góticas. lamentación sobre Cristo morto

No exterior un curioso capitel que podes ver desde o punto 19 do Libro de Pedra representa nunha escena historiada o avaro que arde nas chamas do inferno torturado nun patíbulo polos demos.

CAPELA DA CORTICELA

Foi, na súa orixe, igrexa independente da catedral. Reformouse en época gótica. Está dividida en tres naves separadas por columnas cilíndricas. Accédese desde o brazo norte do cruceiro por unhas escaleiras. A portada, moi traballada, é da escola do mestre Mateo e representa unha fermosa Adoración dos Magos. Fíxate que dous dos reis están nas arquivoltas e detrás deles, aparecen atados os cabalos. A capela alberga no interior varios sepulcros góticos.

A CAPELA MAIOR

Merece desde logo mención á parte. Debaixo do altar gárdase a arca coas supostas reliquias do apóstolo. A xeito de baldaquino con enormes columnas salomónicas profusamente decoradas e un gran entablamento sostido por anxos, a grandiosidade da obra  está en relación coa importancia da catedral compostelana. O arquitecto José de Vega y Verdugo realiza as trazas a imitación do que Bernini executara en San Pedro de Roma. Traballaron nela algúns dos artistas máis recoñecidos do barroco galego: Peña de Toro, Domingo de Andrade, Mateo de Prado ou Xosé Gambino.... Desde Libro de Pedra (ptos 12,17) tes magníficas vistas do altar maior. Podes visualizalo tamén con imaxe de alta calidade desde http://www.turgalicia.es/fotos/IMAGENES/FLASH/ARQUITECTURARELIGIOSA/vtour_santiago/index.html

Outras obras que poderían incluírse nesta relación serían o Santiago Matamoros de Xosé Gambino, a Capela da Comuñón coa gran rotonda neoclásica de Ferro Caaveiro ou a Capela do Cristo de Burgos, de Melchor de Velasco, pero acougamos aquí. Hai información sobre elas e sobre outras menores en diferentes lugares de internet, por exemplo  nesta páxina da Wikipedia. Dar conta de toda esa información non é posible nestas pequenas unidades. Vistes capiteis románicos, sepulcros góticos e renacentistas, retablos barrocos... Imos repasar agora algunha desas cousas nas actividades.