Saltar navegación

Actividades

 

1. Moitas das acitividade están propostas como xogos de busca, individuais ou colectivos. Utilizando Libro de Pedra, facedes varios grupos. Ides tomar diferentes imaxes das columnas e das bóvedas capturando a pantalla (Impr/Pant). Podes usar o Gimp ou calquera outro programa de software libre. Uns sitúanse nalgún punto do brazo principal (3,7,12), outros nas laterais (1,2,10,19…), un terceiro grupo no transepto (21,22) e un cuarto na xirola. Tratade de que aparezan os elementos que se explicaron na unidade: bóveda de canón, bóvedas de aresta, piares, columnas, tribuna, cornixa, arcos faxóns, columnas pareadas. Localizádeos. Buscade na Wikipedia o significado de cada un deles. Tendes enlaces no glosario final. Algunhas das fotos da unidade están tomadas desde esa páxina.

2.A arquitectura das igrexas e catedrais a miúdo está conformada por unha serie de estruturas modulares que repiten un mesmo deseño. Trata de identificar que elementos se repiten en cada tramo da nave central catedral: basa, columna, capitel, cornixa,  arco faxón, tramo da bóveda. Fai un esquema.

3. Que diferenzas hai entre a bóveda da cripta e as das naves laterais?

4. Sitúate debaixo do cruceiro en LDP. Fíxate no botafumeiro. A estrutura foi deseñada por Juan Bautista Celma do que falaremos en breve. Cantos lados ten a cúpula que o cobre? Busca na Wikipedia o que é o ciborio.

5. Trata de localizar a seguinte imaxe exterior desde a páxina http://www.turgalicia.es/fotos/IMAGENES/FLASH/ARQUITECTURARELIGIOSA/vtour_santiago/index.html  (Cubertas). Ten en conta que está bastante deformada a perspectiva. Que ves?

 6. Nunha das fotos que reproducimos dos piares, vese como van alternando os que teñen planta circular cos que a teñen cadrada. Sitúate no punto adecuado de Libro de Pedra e captura un exemplo de cada caso.

 7. Despois de ver os dous vídeos, fai un breve resumo do tempo de Xelmírez e da súa importancia coma arcebispo. Podes ampliar con este artigo da Wikipedia http://gl.wikipedia.org/wiki/Diego_Xelm%C3%ADrez  ou con outros.

7. Este é o aspecto que supoñemos que tiña Compostela no século XIV

Que cambios ves con respecto ao debuxo que puxemos na unidade anterior?

 8. Desde o punto 31 de Libro de Pedra podes ter unha vista moi semellante á da foto da ábsida da Capela da Santa Fe que reproducimos nós nesta unidade. Trata de identificar os elementos que citamos. A figura é unha muller cabalgando un león, unha visión apocalíptica do pecado que aparece nalgún outro lugar que veremos.

9.  Imaxinade ducias de canteiros traballando durante anos para erguer os piares, os muros, para soster no aire as bóvedas da catedral. Desde as mámoas megalíticas pasando polas vivendas circulares dos castros, as aras romanas, os capiteis románicos, os campanarios barrocos, os canteiros galegos traballaron a pedra, arrancárona dos nosos montes e déronlle vida, fixeron arte dela. Para elaborar o seu traballo empregan diferentes ferramentas. No libro de Xaquin Lorenzo "Os oficios", do que tiramos esta lámina, tendes cumprida información sobre o seu uso. 

Buscando no propio libro ou na rede, atopade información sobre a buxarda, o pico, o cicel e o punteiro.

10. As cuadrillas de canteiros deixaban marcas nas pedras para identificar que tramos de obra realizaba cada unha. Ás veces son tamén indicacións de como se debían colocar as pedras. Na catedral hai moitas marcas de canteiro.  Co LDP desde o punto 22, mirando cara o oeste podes ver algunhas nas columnas. Usa o zoom. debúxaas. Busca algunha outra se queres. Son moi numerosas.