2.5.3 Teorías evolucionistas
O proceso da evolución como mecanismo que lle dá orixe á enorme diversidade de formas vivas é un feito aceptado. Máis controvertido é explicar satisfactoriamente como sucede. Ao longo da historia a diversidade biolóxica foi explicada por distintas teorías:
- Teoría de Lamarck ou lamarckismo (século XVIII): propuña a herdanza de carácteres adquiridos afirmando que o uso ou desuso de certos órganos tende a desenvolvelos ou a perdelos respectivamente, e que esta característica adquirida durante a vida do individuo é herdada polos seus descendentes.
-


Actualmente a teoría lamarckista da evolución está descartada. É certo que o uso ou desuso de certos órganos pode provocar que se desenvolvan máis ou menos ao longo da vida do individuo, pero hoxe sabemos que estas características adquiridas non poden pasar aos descendentes destes organismos, xa que os cambios non afectan ao material xenético das células reprodutoras dese individuo, así que non poden ser transmitidas aos seus descendentes.
- Teoría de Darwin e Wallace, ou darwinismo (século XIX): di que en cada xeración os individuos dunha mesma especie amosan características diferentes entre si (variabilidade natural). Algunhas destas características que se herdan proporcionan a certos individuos vantaxes sobre os demais e só aqueles individuos con características vantaxosas sobrevivirán e transmitirán as súas propias características aos seus descendentes. Darwin chamou á súa teoría evolución biolóxica por selección natural mediante a supervivencia do máis apto.
-

Dous aspectos importantes para salientar son que as características aparecen na poboación independentemente de se son beneficiosas ou non para os individuos, e que estas características poden ser transmitidas aos descendentes, xa que afectan ao material xenético.
Teorías actuais
Malia a aceptación do darwinismo, esta teoría non podía dar unha resposta satisfactoria aos interrogantes de como se transmiten os caracteres hereditarios de xeración en xeración, ou cal é a causa da variabilidade das poboacións.
- Teoría sintética ou neodarwinista. Houbo que esperar ao século XX para que ao darwinismo se lle engadiran os coñecementos da xenética mendeliana e da teoría cromosómica da herdanza, facendo unha síntese destas. Esta nova teoría di:
– A unidade evolutiva non é o individuo, senón a poboación, xa que é aquí onde se presenta a variabilidade xenética.
– En todos os individuos prodúcense mutacións ao chou, que causan variabilidade.
– Ao haber variabilidade, a natureza actúa seleccionando os individuos mellor adaptados. Estes individuos viven máis e teñen descendentes, que transmitiran mediante os seus xenes as características vantaxosas.
– O proceso vaise repetindo de xeito que o carácter de vantaxe se vai impondo nas seguintes xeracións.
Tanto o darwinismo como o neodarwinismo son teorías que sosteñen que os cambios evolutivos se producen como consecuencia da acumulación lenta e progresiva de pequenas variacións. É unha evolución regular.
- Teoría saltacionista, de Gould e Elddregde. Sosteñen que a evolución é un proceso irregular. Baséanse no feito de que o rexistro fósil amose, en xeral, que as especies adoitan ter longos períodos sen cambios, interrompidos por períodos curtos en que acontecen moitos cambios evolutivos.
S23. Moitos produtos químicos empregados na agricultura, como determinados funxicidas, perden eficacia co tempo e deben ser substituídos por novos produtos. Como explicaría este feito un lamarckista? E un darwinista?
S24. Cales son as diferenzas entre as teorías darwinista e neodarwinista?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0