Saltar navegación

2.2.4 Procesos xeolóxicos internos. Dinámica litosférica

Os movementos horizontais das placas orixinan que, nos seus bordos, sucedan a práctica totalidade dos axentes xeolóxicos internos.

Os procesos internos constrúen o relevo ao introducir diferenzas de altura (cordilleiras, fosas, etc.) O resultado co tempo é un relevo abrupto ou novo.

A deriva continental

A teoría da deriva continental propúxoa en 1912 Alfred Wegener, como primeira explicación científica coherente para explicar os procesos xeolóxicos internos.

Para Wegener inicialmente existía un único supercontinente chamado Panxea, que esvaraba horizontalmente e, durante a era secundaria, partiuse en dous: Laurasia ao norte e Gondwana ao sur. Do continente Laurasia procederían por fragmentación a actual América do Norte, Groenlandia e Eurasia; e o continente Gondwana daría lugar a Sudamérica, a Antártida, Australia e África.

Para apoiar a súa hipótese Wegener reuniu unha cantidade impresionante de datos, entre os que destacaban:

  • Probas xeográficas. A coincidencia das liñas de costa entre os actuais continentes, como no caso de Sudamérica e África, que encaixan como as pezas dun crebacabezas.
  • Probas petrolóxicas e estruturais. Como a coincidencia dos tipos de rochas e cadeas montañosas a ambos os dous lados do Atlántico. O mesmo sucedía entre a India, Australia, Sudamérica e sur de África.
  • Probas paleontolóxicas. A distribución de fósiles en diversos continentes, como é o caso do mesosaurus (réptil de auga doce) común no Sur de África e Sudamérica.
     

Pérmico (hai 225 millóns de anos)

Triásico (hai 200 millóns de anos)

Xurásico (hai 135 millóns de anos)

   

Cretáceo (hai 65 millóns de anos)

Na actualidade

Wegener propuxo dous posibles mecanismos para explicar a deriva: as forzas gravitacionais do Sol e da Lúa e a forza centrífuga da rotación terrestre, que arrastrarían os continentes sobre un manto fixo. Nin as probas, nin as explicacións de Wegener convenceron aos seus detractores e a hipótese foi abandonada.

A expansión do fondo oceánico

A interpretación definitiva da deriva dos continentes chegou, na década dos anos 60, coa teoría da expansión do fondo oceánico de Vine, Matthews e Hess. Para estes investigadores a codia oceánica créase nas dorsais oceánicas, concretamente no rift valley, por onde ascende e aflora material fundido procedente do manto que se deposita a ambos lados da dorsal, de maneira que despraza o material liberado e consolidado anteriormente.

A teoría elaborouse a partir dos estudos do fondo oceánico, que puxeron de manifesto:

  • A existencia no medio dos océanos de dorsais (elevacións volcánicas submarinas) que presentan unha simetría case perfecta con respecto a unha fosa central, chamada rift-valley.

  • Que a idade das rochas do fondo oceánico son moito máis novas cas da codia continental que aumenta dende o centro das dorsais cara as zonas máis afastadas.

  • O paleomagnetismo, bandas magnéticas paralelas e simétricas a ámbolos lados das dorsais.

 

A teoría da tectónica de placas

O estudo dous fondos oceánicos, así como o realizado sobre a localización dos focos sísmicos constatou que, nas zonas onde existen fosas, os focos dos terremotos parecen describir un plano inclinado uns 45º con respecto aos continentes. É o plano de Benioff. A súa descuberta, xunto coas probas das dúas teorías anteriores, deron paso á teoría definitiva que explica os procesos internos, a Tectónica de Placas (1967). Segundo ela, a litosfera está “rota” en placas ríxidas que descansan sobre unha capa de rocha quente, densa e plástica, a astenosfera, que flúe lentamente e arrastra co seu movemento as placas. Para o seu estudo, os límites das placas clasifícanse en tres tipos:

  • Límites construtivos. Corresponden ás dorsais oceánicas onde se crea continuamente litosfera oceánica, o que leva consigo a expansión do fondo oceánico e a separación dos continentes. Chámaselles tamén, por esta razón, bordos diverxentes.
 

O proceso comeza na astenosfera, onde correntes convectivas ascendentes, ao chegaren á superficie, empurran a litosfera cara a arriba e aos lados, podéndose chegar á súa ruptura. Nos fondos oceánicos, onde a litosfera é máis delgada, as placas sepáranse formando o rift-valley, que se enche con magma da astenosfera. O magma en superficie perde gases, entanto que se vai arrefriando, e se converte en nova litosfera oceánica.

A nova litosfera máis densa é arrastrada cara aos lados do rift e deixa lugar para que ascenda máis material fundido do manto que empurra o material que ten enriba, o que dá lugar a cadeas de volcáns submarinos que se elevan sobre o nivel medio do fondo. Son as dorsais oceánicas

  • Límites destrutivos. A formación de novo fondo oceánico nas dorsais debe ser compensada mediante a destrución de superficie antiga. Segundo a tectónica de Placas as zonas de subducción destrúen continuamente litosfera oceánica.

    Os tipos de bordos destrutivos dependen da natureza de cada unha das placas que choquen. Trátase, en realidade, de diferentes etapas da subducción:

Converxencia de dous límites oceánicos de placas

Se o contacto se produce entre dous bordos oceánicos pero un deles se acha preto dun continente, este afúndese baixo o outro, e orixínanse fosas oceánicas. Aparecen «arcos de illas» ao ascender os magmas, e entre o continente e estas novas illas un mar interior, como é o caso de Xapón ou das illas Kuril. Ademais fórmase un plano inclinado de focos sísmicos coa placa próxima ao continente, denominado plano de Benioff, responsable da maior parte dos terremotos.

 

Converxencia dun límite continental e un oceánico.

Cando os límites de placas é un continental e outro oceánico, como na placa de Naza e a Sudamericana, a placa oceánica, ao ser máis densa, afúndese baixo a continental e xera magmas que, ao regresaren ao manto, forman correntes convectivas descendentes. Entre as placas queda unha fonda fosa oceánica onde se depositan sedimentos, achegados sobre todo do continente, que se van comprimir por efecto das presións laterais, provocando levantamentos de cordilleiras perioceánicas como os Andes. Neste camiño de descenso da placa oceánica, fórmase o plano de Benioff.

 

Converxencia de dous límites continentais

Cando, ao avanzar a subducción, o océano situado entre dous continentes desaparece, prodúcese a colisión entre eles. Neste choque as masas de sedimentos acumulados entre as marxes de ambos os continentes comprímense e elévanse, co que xeran cordilleiras non volcánicas con intenso pregamento, como é o caso da cordilleira do Himalaia, por colisión entre a placa hindú e a euroasiática. Posteriormente cesa a subducción.

 
  • Límites conservativos. Son zonas de límite de placas onde nin se crea nin se destrúe litosfera. Nelas desenvólvense fallas de transformación que corresponden a esgazaduras do terreo que aparecen en zonas sometidas a pulos distintos.

As fallas de transformación

Poden atoparse cortando transversalmente o eixe das dorsais e nos bordos das placas onde dúas placas esvaran en sentidos contrarios, o que xera unha actividade sísmica importante, mais sen vulcanismo. Neste caso nin se crea nin se destrúe litosfera.

 

 

O motor da tectónica de placas

O concepto da teoría da tectónica de placas é simple: a calor ascende. O magma da astenosfera é menos denso que as rochas sólidas da superficie, e inicia o seu ascenso. Ao arrefriar forma correntes diverxentes nas dorsais, e xera litosfera oceánica, entanto que a materia fría e dura do fondo oceánico se afunde, e faino dentro do manto nas zonas de subducción. Ao afundir e alcanzar elevadas temperaturas fúndese, e comeza a ascender outra vez. Este movemento continuo e en certa forma circular (ou en celas), denomínase convección.

 

 

Actividades propostas

S10. Os esquemas representan tres zonas do Planeta con distinto grao de evolución na formación dun océano. Órdeneos e describa a súa posible evolución.

 imaxe
 

S11. Localice as seguintes zonas e relacione as dúas columnas:

Zona onde se crea litosfera oceánica:
Cordilleiras de volcáns nos bordos dos continentes:
Zona onde dúas placas chocan:
Zona con actividade sísmica pero non volcánica:
Zona con actividade volcánica e sísmica de orixe profunda:
Zona onde dúas placas oceánicas se separan:
Zona de fosas oceánicas ás veces limitadas por illas en arco:
Zona onde dúas placas esvaran en sentido contrario:
Zona con cordilleiras de volcáns submarinos:

Habilitar JavaScript

 

S12. Localice as seguintes zonas e relacione as dúas columnas:

Illas de Sumatra, Xava e Balí:
Falla de Santo André (California):
Illa de Islandia:
Montañas Rochosas:
Fosa das Marianas:
Os Andes:

Habilitar JavaScript

 

S13. Cales foron os acertos e os erros da teoría da deriva dos continentes?

    • Existía un único supercontinente chamado Panxea. Co tempo, partiríase en dous: Laurasia ao norte e Gondwana ao sur:
    • Os continentes non ían á deriva, senón que a litosfera esvaraba sobre a astenosfera empurrada polas correntes de convección e non por forzas gravitatorias:
    • Do continente Laurasia procederían por fragmentación a actual América do Norte, Groenlandia e Eurasia; e o continente Gondwana daría lugar a Sudamérica, a Antártida, Australia e África:

Habilitar JavaScript

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0