Saltar navegación

2.4.2 Relacións tróficas nos ecosistemas

Un nivel trófico está formado por todos os organismos dun ecosistema que teñen unha fonte semellante de alimento Os niveis tróficos son os seguintes:

  • Produtores primarios: son os autótrofos (vexetais, algas, fitoplancto e bacterias), aqueles organismos que producen materia orgánica primariamente, partindo de inorgánica, por fotosíntese ou quimiosíntese.
  • Consumidores: son os heterótrofos (animais, fungos, protozoos e bacterias), aqueles organismos que fabrican materia orgánica propia partindo da materia orgánica que obteñen doutros seres vivos. Os consumidores pódense clasificar en:

–      Consumidores primarios: aliméntanse directamente dos produtores. O concepto inclúe os herbívoros.

–      Consumidores secundarios: aliméntanse, dos consumidores primarios. Chámase especificamente carnívoros.

–      Consumidores terciarios: aliméntanse de consumidores secundarios.

–     Dependendo da enerxía e da materia dispoñible pode haber máis niveis de consumidores. Chámanse preeiros (como por exemplo o voitre) os que se alimentan de restos de animais ou vexetais mortos; os detritívoros (como por exemplo a miñoca) aliméntanse de pequenos restos descompostos de materia orgánica.

  • Descompoñedores: son aqueles seres vivos (a maioría microscópicos como fungos, protozoos e bacterias) que transforman a materia orgánica en materia inorgánica. Este proceso permite a reciclaxe da materia que foi pasando duns organismos a outros para que poida ser utilizada de novo polos produtores.

Deste xeito péchase o ciclo de materia no ecosistema, o que permite que o mesmo átomo se poida reutilizar un número ilimitado de veces. Nada permite, non obstante, que a enerxía que xa circulou a través da cadea trófica poida volver a utilizarse, xa que en cada nivel trófico se libera o medio parte da súa enerxía, en forma de calor.

Cadeas e redes tróficas

  • Cadea trófica: está formada por organismos de distintos niveis tróficos, entre os que se produce o fluxo de materia e enerxía desde os produtores ata os descompoñedores.
  • Rede trófica: é o conxunto de cadeas tróficas interconectadas dunha biocenose.
  • Pirámide trófica: é unha representación gráfica da biocenose onde cada nivel trófico se representa mediante barras horizontais superpostas. A superficie da barra é proporcional á magnitude considerada, xeralmente número de individuos, enerxía ou biomasa (cantidade de materia orgánica fabricada e acumulada polos organismos).
 

Pirámide trófica e niveis tróficos dun ecosistema

Actividades propostas

S15. Indique dous exemplos de adaptación dun organismo ao seu medio.

S16. O seguinte gráfico amosa dúas pirámides tróficas dun mesmo ecosistema, unha de número de individuos e outra de biomasa.

bio biomasa 
    • Que é a biomasa?
    • Por que o aspecto das pirámides é diferente?

S17. Sobre que nivel ou niveis tróficos actúan os descompoñedores?

 

S18. Clasifique os seguintes exemplos en relacións intraespecíficas ou interespecíficas: colmea de abellas; pulga e can; vermes intestinais; flor e bolboreta; raposo e coello; bandada de aves migratorias.

    • Vermes intestinais:
    • Flor e bolboreta:
    • Colmea de abellas:
    • Bandada de aves migratorias:         
    • Pulga e can:
    • Raposo e coello:

Habilitar JavaScript

S19. Conteste ás preguntas sobre este ecosistema:

 imaxe
  • Cal é a biocenose?

  • Cal é o biótopo?

  • Constrúa unha cadea trófica cos seguintes organismos: peixe; plancto, corvo mariño. A que nivel trófico pertence cada un?

  • Constrúa unha cadea trófica con outros tres organismos.

  • Pode facer agora unha rede trófica cos seres vivos da imaxe.

  • Indique algunha posible relación intraespecífica dos organismos representados.

  • Indique algunha posible relación interespecífica dos organismos representados.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0