Saltar navegación

2.1.3 Procesos xeolóxicos externos

A acción combinada dos axentes xeolóxicos e a gravidade orixina os procesos xeolóxicos externos que actúan sobre o relevo. Son os seguintes:

  • Meteorización: destrución das rochas superficiais dos continentes pola acción da atmosfera. Realízase mediante procesos físicos e químicos.

–      Meteorización física ou mecánica: consiste na rotura das rochas sen modificar a súa composición química. É característica de climas fríos, desérticos e de zonas costeiras. Pódese producir por varios procesos:

–      Dilatación-contracción da rocha, pola acción en cuña da auga ao conxelarse nas fendas. Este fenómeno se coñece como xelifracción.

–      Crecemento de cristais de sales disolvidos na auga en fendas das rochas

–      Acción dos seres vivos, como as raíces e os animais, que perforan a terra (miñocas, formigas ou toupas) e, especialmente, a actividade humana.

–      Meteorización química: consiste na alteración química das rochas debido ás reaccións químicas entre os gases atmosféricos e os minerais da rocha. É característica do clima ecuatorial e temperado húmido. Os principais procesos químicos son:

–      Hidratación, ou incorporación de moléculas de auga na estrutura cristalina dalgúns minerais.

–      Disolución, ou eliminación pola auga de compoñentes de rochas salinas, como o xeso ou a halita, que se disolven facilmente na auga.

–      Hidrólise, ou rotura da estrutura cristalina da rocha por efecto da auga disociada (H+, OH-).

–      Carbonatación ou acción do CO2 atmosférico co carbonato de calcio (CaCO3) nas rochas calcarias.

–      Oxidación ou acción do O2 atmosférico disolvido na auga sobre as rochas, como ocorre en aquelas que teñen un alto contido en ferro.

  • Erosión: desgaste e rotura das rochas superficiais pola acción dos axentes xeolóxicos externos.
  • Transporte: proceso mediante o que os fragmentos erosionados se transportan cara a zonas máis baixas. Pódeo realizar o mesmo axente que erosionou ou outro distinto. Pola natureza dos axentes responsables, o transporte sempre leva consigo erosión.
  • Sedimentación: depósito dos fragmentos e dos produtos resultantes da súa alteración en zonas baixas dos continentes e, sobre todo, nos océanos.

Os depósitos acumulados dan lugar a sedimentos, dispostos en capas xeralmente horizontais, denominadas estratos. Despois de millóns de anos os estratos han dar lugar ás rochas sedimentarias mediante un proceso coñecido como litificación ou diaxénese.

 

Os procesos externos destrúen o relevo, xa que contribúen a erosionar as zonas altas dos continentes, transportando os materiais e acumulándoos nas zonas baixas. O resultado co tempo é un relevo chan ou vello.

O solo

É o resultado da interacción da superficie rochosa, os axentes atmosféricos e os seres vivos. A formación dun solo é un proceso complexo e lento, que inclúe as seguintes fases:

  • Meteorización da rocha nai, pola acción dos axentes atmosféricos.
  • Instalación de seres vivos pioneiros (bacterias, algas, fungos e liques) e máis adiante de vexetais; todos eles achegan materia orgánica.
  • Transformación da materia orgánica en humus (mestura de materia mineral e materia orgánica descomposta).
  • Transporte en vertical dos compoñentes mediante a auga, coa formación dunha serie de capas horizontais ou horizontes.
 

O solo é un recurso imprescindible, lugar de asentamento de vexetais e descompoñedores que son a principal base para o alimento e reciclaxe de nutrientes dos ecosistemas.A desertización é a perda do solo orixinada por causas naturais (clima, relevo, etc.) ou derivadas da actividade humana (deforestación, minaría, agricultura e gandaría intensivas, contaminación, etc).

Cumpriron varios milleiros de anos para orixinárense os solos maduros e, porén, poden ser eliminados por unhas fortes chuvias torrenciais. É imprescindible adoptarmos medidas para protexer os solos pola súa importancia e fraxilidade.

 

Actividades resoltas

Describa os procesos de meteorización física dos seguintes debuxos:

 

 

Solución

Os debuxos representan o fenómeno de xelifracción.

  • A auga da chuvia introdúcese nas fendas e poros das rochas.

  • Ao diminuír a temperatura por debaixo de 0ºC, a auga conxélase.

  • O xeo así formado ocupa máis volume que a auga líquida e actúa como unha cuña, premendo as paredes das fendas

Indique algún tipo de rocha susceptible de sufrir oxidación.

Solución

As rochas ferruxinosas son susceptibles de oxidarse pola presenza de ferro. Este ao oxidarse cambia a composición química da rocha que perde consistencia e se rompe con máis facilidade.

Cite medidas que se deben adoptar para protexer os solos.

Solución

  • Repoboación forestal. De árbores e matos autóctonos (propios da zona), adaptados ao tipo de solo, especialmente nas zonas altas e ladeiras con fortes pendentes

  • Evitar a explotación excesiva causada por cultivos e pastoreo.

  • Facer regos contra a pendente nas zonas de cultivo..

 

 

Actividades propostas

S1. Indique a diferenza entre meteorización e erosión?

Habilitar JavaScript

 

S2. Observe os debuxo e complete a seguinte táboa relacionando as formas de relevo das augas continentais cos axentes xeolóxicos e cos procesos externos

 

Forma

Axente ou axentes responsables

Proceso predominante

Formas de relevo das augas continentais

Torrente

 imaxe

Fervenza


 

 

Cova

 

Meandro

 

Habilitar JavaScript

S3. Indique as principais causas da degradación e perda de solos e as consecuencias.

S4. Indique a relación entre a especie humana e os solos.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0