2.5.1 Os fósiles
Os fósiles son restos de seres vivos que viviron en épocas xeolóxicas pasadas. A ciencia que se dedica ao seu estudo é a paleontoloxía. Xeralmente os fósiles atópanse en rochas sedimentarias, porque este tipo de rochas non sufriu procesos, como poden ser altas temperaturas e fortes presións, que provocarían a destrución dos fósiles.
A fosilización é o proceso polo que se conservan restos de seres vivos ou das súas actividades vitais nas rochas. En esencia, o que debe suceder para que un organismo, ou polo menos unha parte del, se conserve, é que os restos orgánicos queden protexidos do xeito máis rápido posible nunha área de sedimentación. Mediante a mineralización substitúense os compostos orgánicos do organismo morto por substancias inorgánicas.
-
Coñécense unhas 300 000 especies fósiles, un número moi escaso se consideramos que o rexistro fósil abrangue desde hai 3 500 millóns de anos ata hoxe. Se a conservación dos fósiles fose aceptablemente boa, sería previsible que o número de especies fósiles superase en moito o número das especies actuais.
Destacan os chamados fósiles-guía que, polas súas especiais características achegan información sobre a idade dos sedimentos en que se produciu a fosilización. Exemplos son:
-
-
Trilobites: un grupo de artrópodos mariños que viviu durante toda a era primaria ou Paleozoico (uns 300 millóns de anos). Son o grupo fósil máis diverso e nel inclúense arredor de 5 000 especies coñecidas.

-
Ammonites: foron moluscos cefalópodos, como os polbos e as luras, con cunchas externas enrodeladas e de simetría bilateral. Viviron nos mares paleozoicos e mesozicos (na era secundaria), desde o Devónico ata o Cretáceo, nadando e cazando lentamente nas augas pouco profundas.
-
Nummulites: eran grandes foraminíferos (un tipo de protozoos) cunha cuncha formada por un disco plano de dous a catro centímetros de diámetro. Viviron nos mares quentes do hemisferio norte durante o Mioceno (período da era terciaria).

-
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0