Saltar navegación

2.3 O ciclo das rochas

A Terra é un planeta dinámico, cos seus elementos en constante movemento e transformación. O relevo actual da Terra é o resultado da combinación das forzas internas, que o crean, e das externas, que o destrúen e modelan. Do mesmo xeito, as rochas cambian co paso do tempo, seguindo unha evolución coñecida como ciclo das rochas. O ciclo é continuo no tempo, é dicir, calquera tipo de rocha pode transformarse, se o tempo e as condicións o permiten, noutra distinta.

A orixe do ciclo son os procesos xeolóxicos externos e internos. Os procesos externos actúan sobre as rochas da superficie terrestre mediante meteorización, erosión, transporte e sedimentación, orixinando sedimentos, que tamén conteñen restos de seres vivos.

Nas zonas de subducción, á medida que os sedimentos se acumulan, o aumento da presión e da temperatura vai orixinando primeiro as rochas sedimentarias e, a profundidades maiores, as rochas metamórficas.

Ao continuar o afundimento, esas rochas poden chegar a fundirse, orixinando magma.

Parte do magma arrefece lentamente na profundidade e dá lugar a rochas plutónicas; outra parte escapa polos volcáns nos bordos das placas e dá lugar ás rochas volcánicas. Ambos os dous tipos inclúense nas rochas magmáticas.

Co tempo, e debido á dinámica da litosfera, os diversos tipos de rocas rematan na superficie terrestre, onde se someten aos procesos externos, co que comeza un novo ciclo.

 
 

Actividade resolta

Como poden as rochas de zonas profundas alcanzar a superficie?

Solución

As rochas plutónicas e metamórficas fórmanse a varios quilómetros de profundidade e co paso do tempo aparecen na superficie polo proceso de afloramento, que consiste na retirada das capas de rochas situadas por riba pola acción erosiva dos procesos externos.

Actividade proposta

S14. Faga un texto que inclúa as seguintes palabras: rochas magmáticas; sedimentos; erosión; rochas sedimentarias; magma; transporte; rochas metamórficas; axentes xeolóxicos externos.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0