Saltar navegación

1.1 Descrición da unidade didáctica

A Terra cambia. Esta realidade resúltanos obvia ao vermos os efectos producidos por unha erupción volcánica, por un tsunami, por unha tormenta ou por unha riada. Para se adaptaren a unha Terra en continuo cambio, os seus habitantes, os seres vivos, tamén deben cambiar, evolucionando ao longo do tempo nun proceso de aparición e desaparición de especies. Hoxe en día empezamos a descubrir que a influencia é recíproca, e que a presenza de vida tamén condiciona (de xeito imprescindible, aínda que menos evidente) os procesos naturais do noso planeta.Para o estudo da enorme complexidade destes cambios convén diferenciarmos a súa natureza, que abordaremos en cada parte da unidade:

  • O relevo destrúese debido á acción dos axentes xeolóxicos externos, activados pola enerxía do Sol.

  • O relevo constrúese pola acción dos axentes xeolóxicos internos, orixinados pola enerxía do interior da Terra.

  • O relevo e os seres vivos forman a paisaxe. Mutuamente condiciónanse e modifícanse. A enerxía que empregan os seres vivos procede do Sol.

  • Os seres vivos cambian e evolucionan, adaptándose a un medio sempre cambiante

Analízanse nesta unidade os efectos dos axentes xeolóxicos externos e internos, a tectónica de placas e o ciclo das rochas. A existencia de fósiles introduce a cuestión da evolución das especies e as teorías que intentan explicala. As redes tróficas nos ecosistemas e a súa xestión sustentable completan a unidade didáctica.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0