2.1.1 A enerxía do Sol
O relevo modifícase á medida que se alteran as rochas debido á acción dos axentes xeolóxicos externos (a auga nos seus estados, os seres vivos e os axentes atmosféricos). O nome de axentes externos refírese á orixe da fonte que os activa, a enerxía do Sol, externa á Terra. A enerxía solar é a responsable destes axentes ao incidir os raios solares con distinta inclinación (e por tanto con distinta intensidade) segundo a latitude, provocando un desequilibrio térmico.
-
O desequilibrio térmico tende a ser compensado polos movementos que se producen na atmosfera (movementos do aire) e na hidrosfera (movementos das augas), que mobilizan a enerxía desde as zonas máis cálidas ás máis frías, estes movementos, activados pola enerxía solar e impulsados coa forza da gravidade, constitúen os axentes xeolóxicos externos.

Actividade resolta
Relacione a orixe dos axentes xeolóxicos externos e o desequilibrio térmico xerado pola incidencia dos raios solares en distintas latitudes da Terra.
-
Solución
Ao ser a Terra redonda, algunhas zonas reciben máis enerxía que outras. Por exemplo, nos Polos, os raios solares inciden sobre a superficie da Terra de forma inclinada e quentan menos, entanto que no Ecuador son case verticais e quentan máis. Este desequilibrio térmico vai ser compensado polos movementos que reparten a enerxía desde as zonas máis cálidas ás máis frías, e constitúen os axentes xeolóxicos externos, na atmosfera (o vento) e na hidrosfera (chuvia, ríos mares etc).
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0