2.2.2 Estrutura da Terra
Capas da Terra
As capas que forman a Terra pódense clasificar atendendo a dous criterios:
- Unidades xeoquímicas: o criterio é a composición química dos materiais. Esta clasificación xurdiu de estudos de propagación de ondas sísmicas, que poñen de manifesto a existencia de tres descontinuidades sísmicas ou cambios na velocidade de propagación das ondas (que depende, a súa vez, do medio que atravesan). Inclúe tres capas: codia, manto e núcleo.
– Codia: a capa máis externa e delgada da Terra; esténdese desde a superficie ata a descontinuidade de Mohorovicic. Nela distínguense unha codia continental, moi heteroxénea e formada por rochas sedimentarias, magmáticas e metamórficas; e unha codia oceánica, estratificada en sedimentos, basaltos e unha capa de gabros.
– Manto: zona abranguida entre as descontinuidades de Mohorovicic e de Gutenberg. Presenta dúas descontinuidades secundarias, que o dividen en manto superior e manto inferior. A súa composición é similar á rocha peridotita.
– Núcleo: sitúase debaixo da descontinuidade de Gutenberg e nel diferéncianse dúas subcapas, separadas pola descontinuidade de Lehman: o núcleo externo fluído, con ferro, níquel, xofre, silicio e osíxeno; e o núcleo interno sólido, cunha aliaxe de ferro e níquel.
- Unidades dinámicas: o criterio é o comportamento mecánico (ríxido ou plástico) de cada zona. Son a litosfera, a astenosfera, a mesosfera e a endosfera.
– Litosfera: correspóndese coa codia e unha parte do manto superior. Trátase dunha capa ríxida, dividida en placas. A litosfera que se atopa baixo os océanos é a litosfera oceánica e nos continentes a litosfera continental.
– Astenosfera: entre 100 km e 300 km de profundidade, corresponde a unha porción do manto superior. É unha capa plástica non uniforme con correntes convectivas. Hoxe en día cuestionada como capa independente.
– Mesosfera: corresponde a unha parte do manto superior e a todo o manto inferior. Na súa base está a capa D, onde se acumula a calor do núcleo. A enerxía libérase ao exterior e orixina correntes de convección e plumas de magma (correntes en chorro ascendente), polo que se comporta de forma plástica, aínda estando en estado sólido.
– Endosfera: correspóndese co núcleo. Na parte externa atópase en estado líquido, axitado por correntes de convección que levan a calor cara á capa D. A zona que corresponde ao núcleo interno é sólida.
As placas litosféricas
-
Unha placa litosférica é un anaco de litosfera limitado, na súa superficie, por límites de placa que poden ser de tres tipos: dorsais oceánicas; zonas de subducción e fallas de transformación. As placas experimentan movementos en vertical e en horizontal.
A litosfera está dividida en catorce grandes placas: Pacífica, de Nazca, Norteamericana, Sudamericana, Eurasiática, Africana, Indo-australiana, Antártica, Escocesa, Filipina, arábica, do Caribe, de Cocos e Xoán de Fuca

-
Movementos verticais das placas
Movementos horizontais das placas
Débense á flotabilidade das placas sobre o manto superior, máis denso, mantendo un equilibrio de flotación ou isostase, de maneira que cada placa flota como un anaco de xeo sobre a auga. Ao producírense variacións de carga nos bloques litosféricos (por exemplo por erosión) xéranse movementos verticais lentos e continuos; se a carga é menor respecto do equilibrio inicial, producirase un movemento ascendente da superficie terrestre, e un movemento descendente no caso contrario, ata alcanzar de novo o equilibrio
A liberación do calor do interior terrestre cara ao exterior orixina correntes de convección que arrastran, co seu movemento, as placas que escorregan sobre a astenosfera, de xeito semellante ao movemento dunha cinta transportadora.
Actividades propostas
S5. Indique a diferenza entre litosfera e codia.
S6. Relacione o termo da columna da esquerda coa afirmación da dereita, colocando a letra no lugar axeitado:
S7. A península de Escandinavia está a experimentar un lento pero continuo movemento ascendente por causa da isostase. Pode explicar por que?
S8. Observe o debuxo das placas tectónicas e cite unha que inclúa só superficie oceánica, outra que só inclúa superficie continental e unha terceira mixta.
S9. Compare a imaxe da esquerda sobre as placas litosféricas da dereita sobre a distribución dos volcáns e conteste: Existen coincidencias entre as dúas imaxes?
![]() |
|
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0

