Saltar navegación

2.4.1 Os ecosistemas e as interaccións neles

Ecosistema

Un ecosistema está formado por unha comunidade de seres vivos (biocenose) e polo medio físico onde viven (biótopo), ademais inclúe as relacións entre todos eles.

  • Biocenose. A biocenose está formada por todos os seres vivos de diferentes especies que viven nunha zona ao mesmo tempo e en interacción.
  • Biótopo. É o espazo físico natural ocupado pola biocenose xunto cos factores fisicoquímicos ou abióticos (humidade, contido en osíxeno, salinidade, temperatura, etc) que son característicos do medio.

Interaccións nos ecosistemas

  • Entre o biótopo e a biocenose:

–      Os factores abióticos inflúen sobre os seres vivos ata o punto de condicionaren a súa presenza nunha zona. As especies adáptanse ao medio como resultado dun proceso evolutivo.

–      A biocenose inflúe localmente sobre os factores abióticos do biótopo e, considerando que en realidade a Terra enteira funciona como un único ecosistema, poden participar en cambios ambientais que afectan a nivel global. Por exemplo, a atmosfera sufriu alteracións na súa composición debido basicamente á acción dos seres vivos. Hoxe en día sabemos cos gases invernadoiro das actividades humanas están a provocar un cambio climático.

  • Entre os seres vivos da comunidade:

–      Intraespecíficas: establecidas entre organismos da mesma especie, como as de competición ou as de cooperación (familias, sociedades, etc.).

–      Interespecíficas: establecidas entre organismos de distintas especies, como a depredación, o mutualismo, a simbiose ou o parasitismo. Un caso especial de relación interespecífica é a relación trófica.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0