Saltar navegación

7. Glosario

 

A

  • Alto forno

Construción pensada para efectuar a fusión e redución de minerais de ferro para elaborar a fundición. Durante a primeira fase da revolución industrial a súa aplicación foi un dos grandes motores do cambio.

  • Asociacións obreiras

Organización de obreiros, xurdida a partir de 1840, que recollía a tradicional organización gremial, agrupando traballadores do mesmo oficio e localidade, con fins de axuda mutua, en caso de doenza, necesidade ou folga; ademais, defendía o dereito de asociación e melloras laborais. De espírito cooperativista, promoveron escolas e ateneos ou outros centros culturais para obreiros.

 

 

B

  • Burguesía industrial

Grupo social, que en España se desenvolve especialmente en Cataluña (Barcelona) de tendencia proteccionista no económico e politicamente moderada.

  • Burguesía terratenente

Especuladores latifundistas, na súa maior parte absentistas, que aproveitaron as desamortizacións para acaparar gran parte das terras vendidas en poxa pública.

  • Burguesía urbana

Clase media das cidades, formada por profesionais liberais e por pequenos comerciantes enriquecidos en talleres ou en fábricas.

 

C

  • Convertedor Bessemer

Retorta de revestimento ácido no que o arrabio fundido se transforma en aceiro por insuflación de aire a presión. Debe o seu nome a Henry Bessemer (1813-1898), industrial británico. Este método de obtención de aceiro reduciu os custos da produción e propagouse rapidamente polos centros industriais.

 

D

  • Desamortización

Consistiu en pór no mercado, mediante unha poxa pública, as terras e bens non produtivos en poder das chamadas «mans mortas», case sempre a Igrexa católica ou as ordes relixiosas e territorios nobiliarios, que os acumularon como habituais beneficiarias de doazóns e testamentos. A súa finalidade foi acrecentar a riqueza nacional e crear unha burguesía e clase media de labradores propietarios. Ademais, o estado obtiña uns ingresos extraordinarios cos que se pretendían amortizar os títulos de débeda pública.

 

 

F

  • Falansterios

No sistema industrial de Fourier, ampla asociación de produción, na que os traballadores vivían en comunidade.

 

I

  • Indiano

Emigrante que volve rico de América e que, en moitos casos, inviste parte do seu capital na súa terra natal, nomeadamente na creación de escolas de primeiras letras, formación profesional (escolas americanas), sanidade e cultura en xeral.

 

L
  • Ludismo

Nome co que se define historicamente, no movemento obreiro, as primeiras manifestacións de resistencia contra o emprego de maquinarias polos empresarios. Debe o seu nome ao capitán Ludd, lendario obreiro téxtil inglés de finais do século XVIII, ao que se lle atribúe a destrución de teares. Consideraban que as máquinas eran culpables do aumento do paro e do descenso dos salarios.

 

P

  • PSOE

Siglas do Partido Socialista Obreiro Español. Partido fundado polo tipógrafo Pablo Iglesias, cando foi expulsado –xunto con outro colectivo de obreiros de Madrid– da FRE (1872). Ese núcleo marxista de traballadores fundou o PSOE en 1879 e empregou a asociación de tipógrafos, creada por Iglesias, para crear un sindicato afín, a Unión Xeral de Traballadores.

 

U

  • UXT

Unión Xeral de Traballadores. Sindicato afín ao PSOE constituído co impulso da asociación de tipógrafos, fundada por Pablo Iglesias. Nutriuse de obreiros cualificados e urbanos que, á súa vez, formaban parte das sociedades de oficio.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0