Saltar navegación

2.5.3 O caso galego

O aumento da poboación en Galicia non derivou nun proceso de industrialización, ao quedar illada das redes ferroviarias peninsulares. Por iso, a mediados do século XIX, produciuse unha emigración masiva cara a América que continuará durante o século XX. O noso país vivirá casos puntuais de industrialización, en moitos casos vinculados ás cidades de Vigo, A Coruña e Ferrol. Cómpre destacar a industria conserveira, herdeira da tradicional industria pesqueira, impulsada por capital e empresariado foráneo. O pulo da actividade conserveira impulsou outros sectores, sempre en relación co mar, como o da construción de barcos, a comercialización da produción e, en xeral, as actividades portuarias.

Na segunda metade do XIX esmoreceu progresivamente a fidalguía, grupo social dominante durante o Antigo Réxime. Houbo un crecemento progresivo da burguesía e dos obreiros asalariados, mais a principios do s. XX aínda máis da metade da poboación do noso país eran campesiños que vivían no rural dedicados ás tradicionais tarefas agrícolas.

Actividades propostas

S25. A novelista Emilia Pardo Bazán situou a súa novela A tribuna na Coruña de 1868. Boa parte da acción transcorre na fábrica de tabacos desa cidade. Para observar o ambiente conviviu coas traballadoras semanas enteiras. Aquí ten un fragmento en que describe a actividade na sala de picado das follas de tabaco.

“Dentro dunha habitación caleada, pero ennegrecida xa por todas partes, onde a penas se filtraba a luz a través dos vidros sucios da alta ventá, viron as dúas rapazas ata vinte homes vestidos con cirolas de lenzo moi arremangados e camisa de estoupa moi aberta, brincando sen cesar. O tabaco rodeábaos; algúns estaban metidos nel ata media perna; a todos voáballes polos ombros, pescozo e mans, e na atmosfera flotaban remuíños del. Os traballadores estribaban na punta dos pés, e o que se movía brincando era o resto do corpo, grazas ao repetido e automático esforzo dos músculos; o punto de apoio permanecía fixo. Cada dous homes tiñan diante deles unha mesa ou taboleiro, e mentres un, brincando con rapidez, subía e baixaba a coitela picando na folla, o outro, cos brazos soterrados no tabaco, revolvíao para que o xa picado fora esvarando e ficara na mesa só o enteiro, operación que precisaba gran axilidade e tino, porque era doado que, ao caer a coitela, segase os dedos da man que atopara ao seu alcance. Como se traballaba a traballo feito, os picadores non se daban punto de repouso: corría a suor de tódolos poros do seu miserable corpo, e a lixeireza do traxe e a violencia das actitudes deixaban clara a delgadeza dos seus membros, o afondamento do bafexante esterno, a pobreza das delgadas canelas, a cor de terra das consumidas carnes. Dende a porta, o primeiro golpe de vista era singular: aqueles homes, medio espidos, da cor do tabaco e rebotando como pelotas, semellaban indios cumprindo algunha cerimonia ou rito dos seus estraños cultos. A Amparo non se lle ocorreu este símil, pero berrou”. [...]

Emilia Pardo Bazán. A tribuna

 

 A fábrica de tabacos da Coruña a comezos do século XX

A fábrica de tabacos da Coruña a comezos do século XX

  • Comente o contido do texto anterior: personaxes que interveñen, feitos que se narran, condicións de traballo desas persoas, etc.
  • Procure información en internet e nos libros dispoñibles: era a fábrica de tabacos da Coruña unha manufactura

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0