Saltar navegación

2.5.2 Características rexionais e principais industrias

Mentres en Europa un amplo mercado e fortes investimentos en tecnoloxía alimentaron a Revolución Industrial, en España a industrialización foi moi lenta, ficando o país moi atrasado industrialmente a fins do s. XIX. Varias foron as causas deste atraso: a inexistencia dun mercado único pola falta de comunicacións, a escasa relación entre a produción industrial e os consumidores, a incapacidade de exportar e o irregular funcionamento da banca.

Os sectores industriais

Só dúas rexións experimentaron unha acumulación de capital, que se investiu na banca e na industria: o País Vasco e Cataluña.

  • Industria téxtil: desenvolveuse esencialmente en Cataluña, pois contaba coa demanda interna e a das colonias. Cando se perden definitivamente estas, centráronse no mercado interior, amparados por medidas proteccionistas.
    A industrialización comezou coa fabricación de tecidos de algodón denominados indianas en teares agrupados en fábricas. Primeiro aproveitouse a forza hidráulica dos ríos Ter e Llobregat e axiña se aplicaron as novidades técnicas inglesas. En 1832 instalouse a primeira máquina de vapor en Barcelona e a mediados de século xa existían no conxunto de Cataluña máis de trescentas fábricas. A industria catalá sempre tivo dous grandes problemas: o enerxético e o do mercado. O carbón español era caro e había que importalo de Inglaterra; por outra parte, os tecidos cataláns non podían competir en calidade cos ingleses e vendíanse só en España.
  • Industria siderometalúrxica: en España desenvolveuse en diferentes etapas:
    • Hexemonía andaluza (1830-1861): en Marbella e Cazalla de la Sierra funcionaron os primeiros fornos, que explotaban o ferro da zona, empregando carbón vexetal.
    • Hexemonía asturiana (1861-1879): en 1861 xorde un novo núcleo siderúrxico en Asturias; os seus altos fornos empregaban o carbón mineral da rexión (máis enerxético e barato) o que permitiu restar importancia ao foco andaluz.
    •  Hexemonía vasca (1880-90): a fins do XIX consolidouse a industria bilbaína e a fin do núcleo malagueño. En Bilbao nace a siderúrxica grazas á abundancia de ferro de calidade e á acumulación de capital en mans de empresas bilbaínas, que aproveitaban os fretes para exportar ferro de boa calidade e importar facilmente coque inglés.
  • Metalurxia de transformación: desde 1880, Cataluña e Biscaia dan os primeiros pasos para a creación dunha industria metalúrxica de transformación. Ata esta data, todos os materiais que se empregaban en España eran importados. Primeiro Cataluña e despois Euskadi convertéronse nos primeiros centros produtores do país, grazas á política do Goberno que fixaba altos aranceis para os produtos estranxeiros e a eliminación do privilexio de importar materiais foráneos para o ferrocarril.

Os transportes

Nos anos 40 do século XIX prodúcese un avance nas comunicacións coa construción das primeiras estradas nacionais cun plan radial (centro en Madrid). Mais é o ferrocarril o que marca a pauta do progreso económico.

Os primeiros proxectos españois póñense en marcha entre 1829 e 1833 no sur do país, pero non se fan realidade ata 1844 (cando se regula o tendido da rede ferroviaria) e, especialmente, coa Lei xeral de ferrocarrís de 1855.

Actividades propostas

S24. No seguinte mapa pode analizar a evolución do trazado ferroviario español durante o século XIX.

 Trazado ferroviario no século XIX
  • Cales foron as primeiras liñas férreas?
  • Cando chegou a Galicia? Que cidades unía?
  • Describa as características do trazado viario españo

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0