Saltar navegación

2.4.5 A sociedade burguesa e a resposta obreira

Acabouse coa sociedade estamental, de grupos sociais pechados diferenciados por privilexios (desigualdade legal), e xorde a sociedade aberta, fundada na igualdade legal e fiscal, onde a posición virá determinada pola riqueza. A burguesía (empresarios industriais, banqueiros, médicos, avogados, comerciantes e pequenos empresarios), impuxo a súa forma de vida, os seus costumes e os seus valores, que xiraban arredor da riqueza, do aforro, da constancia no traballo e do respecto pola orde establecida. O campesiñado, expulsado do campo pola crecente mecanización das actividades agrícolas, marchou cara ás cidades a traballar no sector fabril, constituíndo unha nova clase social: o proletariado obreiro.

O inicio do movemento obreiro: as protestas obreiras

As persoas que viven nas cidades e van traballar á industria constitúen un novo grupo social: o proletariado. A súa supervivencia depende da percepción dun salario polo traballo realizado nas fábricas. Separados do rural, vivindo en barrios que xorden arredor dos centros industriais, terán condicións de vida moi duras e novos problemas que solucionar. Vanse decatando de que as duras condicións de traballo e de vida non son un problema persoal, senón unha realidade común a todos os traballadores e ante o que teñen que responder como grupo. Mais a organización do movemento obreiro foi lenta e complexa. Ata ben entrado o século XIX o proletariado non estivo unido. Por outra banda, existía unha falta de liberdade e represión dos gobernos. Como mostra, a lexislación británica (1799 e 1800), que prohibía as asociacións obreiras ao considerar que as reivindicacións obreiras entraban en conflito co espírito do liberalismo económico (debía ser o mercado quen fixase os salarios e non as presións sindicais). Algúns fitos do movemento obreiro foron:

  • Movemento ludita ou ludismo: nun primeiro momento obreiros e artesáns consideraron ás máquinas as causantes da perda do seu emprego. Por isto tomaron a iniciativa de destruír as fábricas e as máquinas. Un movemento que fracasou, reprimido violentamente polos gobernos, mais sobre todo porque as súas accións non traían ningunha solución aos problemas do proletario.
  • Sociedades de Socorro Mutuo: asociacións creadas polos traballadores para se axudar nas reivindicacións. Decatáronse de que formaban parte dunha mesma clase social e necesitaban mecanismos de apoio para en caso de doenza ou desemprego.
  • Nacemento dos sindicatos: a partir de 1824 as leis británicas autorizan o asociacionismo obreiro e xorden as Trade Unions. Ao principio só asociaban traballadores dun mesmo oficio e acabaron por se unir e conformar os primeiros sindicatos. Os traballadores comprobaron a súa importancia para mellorar as súas condicións laborais e de vida a través da folga, a negociación colectiva pacífica e a participación política.
  • Asociación Internacional de Traballadores (AIT): xurdiron sindicatos vinculados á ideoloxía marxista: socialistas e anarquistas. Non tiveron unha grande repercusión en Gran Bretaña, mais triunfaron en Francia e Alemaña.
  • A participación política: o proletariado entendeu que unicamente coas reivindicacións laborais dentro das empresas non podería mellorar as súas condicións de vida. Aparece así a necesidade de ter unha participación política. Deste xeito nace en Gran Bretaña o movemento cartista, desenvolvido entre 1837 e a metade dese século, e que debe o seu nome á Carta do Pobo, documento firmado por centos de milleiros de obreiros no que se pedía ao Parlamento o sufraxio universal, o voto secreto, a igualdade no valor dos votos, etc., é dicir, a democratización do sistema político británico. No continente van ter moita repercusión os partidos de ideoloxía marxista, é dicir, os partidos socialistas.

Actividades propostas

S20. Procure información en internet e na biblioteca sobre o pensador Adam Smith (1723-1790). Realice despois un resumo breve do seu pensamento.

S21. No cadro aparecen resumidos algúns aspectos relacionados co nacemento da clase obreira na primeira revolución industrial. Interpréteo.

 Industrialización

S22. Este texto está tomado dunha lei británica contra as asociacións de obreiros.

III. Todo obreiro (...) que despois da aprobación desta lei ingrese en calquera asociación coa finalidade de conseguir un aumento do salario, ou para reducir ou alterar as horas de traballo, ou para reducir a cantidade deste (...), ou que por medio de diñeiro ou por procedementos de persuasión ou intimidación, ou calquera outro medio, se esforce con premeditación ou maldade en apartar a un obreiro (...) dunha industria, comercio ou empresa, ou impida que outra persoa que queira empregarse en dita industria, comercio ou empresa, poida ser contratada por un industrial, comerciante ou persoa que dirixe esa empresa (...) será condenado por ditos xuíces a prisión por un período non superior a tres meses solares (...).

Anti-combination Act, 1800

  • Que prohibe esta lei?
  • Compare o contido dese texto con estoutro tomado da Constitución Española.

Artigo 7. Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios. A súa creación e o exercicio da súa actividade son libres dentro do respecto á Constitución e á lei. A súa estrutura interna e funcionamento deberán ser democráticos.

Artigo 28. 1. Todos teñen dereito a sindicarse libremente... A liberdade sindical comprende o dereito a fundar sindicatos e a afiliarse ao do seu elección, así como o dereito dos sindicatos a formar confederacións e a formar organizacións sindicais internacionais ou a afiliarse ás mesmas. Ninguén poderá ser obrigado a afiliarse a un sindicato.

2. Recoñécese o dereito á folga dos traballadores para a defensa dos seus intereses. A lei que regule o exercicio deste dereito establecerá as garantías precisas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da comunidade.

Constitución española, 1978

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0