Saltar navegación

2.1.1 Antecedentes

O Antigo Réxime é considerado un período de transición entre o feudalismo medieval e o capitalismo moderno. Durante ese período a agricultura era a principal actividade económica, da que dependía a escasa actividade artesanal. As actividades económicas apenas estaban mecanizadas e a división do traballo estaba pouco desenvolvida. Entre as actividades artesanais podían distinguirse varios tipos::

  • Industria artesanal nas cidades: actividades gremiais nas que aínda non funcionaban as ideas de beneficio e competencia.
  • Industria doméstica rural (relacionada coa agricultura): o comerciante entregaba aos labregos a materia prima, que estes elaboraban nas súas casas e cobraban en función do número de pezas realizadas. As máis importantes eran as téxtiles.
  • Manufacturas reais (Reais Fábricas): por primeira vez os obreiros xúntanse en edificios específicos para fabricar produtos elaborados, organizándose nun sistema semellante ao das fábricas, mais con escasas máquinas e cunha produción non dirixida ao mercado senón a abastecer os pazos reais e da alta nobreza (espellos, tapices, lámpadas, mobles, louza...). Son pouco rendibles e supoñen unha carga para o Estado.

A esta escasa industria engadíase un case inexistente mercado nacional, que soportaba grandes atrancos, como os seguintes:

  • Existencia de alfándegas interiores: entre rexións ou territorios do mesmo país.
  • Escaso ou nulo poder adquisitivo da maior parte da poboación.
  • Poucos e lentos transportes terrestres para o movemento das mercadorías e das persoas.


Actividades propostas

S1.            En 1775, prohibiuse en España a importación de artigos de ferro para favorecer as ferrarías do País Vasco e de Navarra. Un exemplo desta política foi a creación da Real Fábrica de Orbaiceta. Lea e analice o seguinte documento:

...determinouse construíla, segundo o informe “nun lugar baixo, con auga abondo que lle faciliten dúas canles, unha para transportar a leña e o outra para o movemento das máquinas... está poboado de montes para o abasto de carbóns e subsistencia dun forno permanente... e ademais, os termos de Valcarnos e San Xoán de Pé de Porto posúen minerais de moi boa calidade... sendo o seu territorio rico en pedra, cal, area, terras aptas para facer moldes”.

A fábrica planificouse como unha sucesión de edificios dispostos en forma de aliñamentos paralelos, nos que se teñen en conta non só o sector de produción, é dicir, a fábrica, senón tamén a residencia e os servizos de aprovisionamento, de defensa e espirituais.

Tratábase, en realidade, dun alto forno duns sete metros de alto. A súa forma era bitroncocónica e funcionaba con carbón vexetal; ao ser máis alto e ter un sistema de aire insuflado por dous potentes foles, a súa temperatura era moi superior e provocaba a fusión do mineral transformándoo en líquido. Isto é o que chamamos ferro “coado” ou fundido. A enerxía que movía os foles proviña dunha roda que facía xirar a auga dunha canle.”

Proxecto Didáctico Quirón. Ediciones de la Torre. Grupo 13-16. Fotos MR

 

    • Coa axuda dun dicionario ou internet, defina os termos marcados en negra: minerais, alto forno, carbón vexetal e ferro coado ou fundido.
    • Que características ten o lugar elixido para situar a Real Fábrica de Orbaiceta.
    • Describa as tres imaxes que ilustran o documento.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0