2.2.3 Os cambios sociais
Formación dunha moderna sociedade de clases
No século XVIII obsérvase unha progresiva transformación social. A sociedade agraria do antigo Réxime vai esvaecendo froito da lexislación liberal e do crecemento económico, ata se perfilar a moderna sociedade de clases, cuns trazos diferentes da anterior:
- Desaparición dos estamentos. A sociedade non vai estar estruturada en grupos sociais pechados aos que se pertence por nacemento, e que están separados entre eles por diferenzas legais: uns privilexiados e outros non privilexiados. Será a riqueza o aspecto fundamental para situar a unha persoa na sociedade.
- Descenso da poboación rural e aumento da urbana, dedicada ao sector industrial e ao terciario.
- Transformación da poboación agraria, ao aumentar o número de propietarios e xornaleiros.
- Incremento demográfico das clases medias, e mantemento ou baixa das inferiores.
- Desenvolvemento da burguesía, con conciencia de clase e cun xeito propio de vida.
- Aparición do proletariado industrial, que toma conciencia de formar unha clase social (a clase obreira) e comeza a se mobilizar.
- Descenso da poboación eclesiástica, por mor da exclaustración (consecuencia das sucesivas desamortizacións).
- Aumento das profesións vinculadas ao desenvolvemento do Estado, da política e culturalmente activas.
As clases sociais
Pouco a pouco aparece unha sociedade moderna de clases, entre as que destacan:
- Clases altas: viven de rendas e controlan o poder político, con ideoloxía conservadora.
- Nobreza: mantén o seu poder económico, político, aínda que perde os privilexios. A alta burguesía accederá aos títulos nobiliarios, mediante os matrimonios, na procura de relacións políticas e económicas.
- Gran burguesía: grupo heteroxéneo que pasará a formar parte da nobreza (grandes comerciantes, terratenentes agrarios, especuladores financeiros, a minoría industrial e propietarios varios). Imitarán o xeito de vida da nobreza (ostentosa, cultural, exclusivista, de moral tradicional, católica, etc.).
- Clases medias: reducido grupo que irá incrementando a súa presenza social ao longo dos séculos XIX e XX. Está conformado por burgueses e propietarios medios, empregados da administración, profesionais liberais do dereito ou da sanidade, profesores, xornalistas, etc. Forma un grupo moi tradicional, que se move entre o apoliticismo, o republicanismo e o liberalismo progresista.
- Clases baixas: son a maior parte da poboación. O feito de que fose un grupo analfabeto, de forte relixiosidade, illado e cunha grande dependencia caciquil limitou moito a súa capacidade de actuación política. Mais a aparición do movemento obreiro é unha boa proba da súa capacidade de organización e de transformación.
- Xornaleiros: con traballos estacionais que os manteñen no límite da pobreza. Coas desamortizacións tiveron que mendigar traballos ou emigrar.
- Pequenos agricultores.
- Clases baixas urbanas: son criados domésticos, mozos de comercio, tendeiros, autónomos, artesáns, etc.
- Proletariado industrial: grupo que xorde co desenvolvemento económico industrial das cidades. Homes, mulleres e nenos traballaban longas xornadas, en pésimas condicións laborais e lonxe do seu país ou vila. Inclúense no grupo obreiros da construción, mineiros, ferroviarios, mariñeiros, etc.
Actividades propostas
S9. Observe o gráfico seguinte e logo conteste ás preguntas.
![]() |
|
A xornada laboral dos obreiros ao comezo da Revolución Industrial |
- Cantas horas diarias dedicaba un obreiro ao traballo, cantas ao descanso e cantas aos desprazamentos?
- Cantas horas cre que traballa hoxe como media un traballador por conta allea? E comparable co da gráfica?
S10. O traballo de mulleres e nenos. Lea estes dous textos sobre as condicións de vida dos obreiros na Revolución Industrial.
|
“Betty Harris, 37 anos. Casei aos 23 anos... Non sei ler nin escribir...Arrastro vagonetas de carbón e traballo dende as seis da mañá ás seis da tarde...Teño posto un cinto e unha cadea que me pasa entre as pernas e avanzo coas mans e cos pés Nos pozos onde eu traballo hai seis mulleres e media ducia de nenos e nenas..." Tiña sete anos cando empecei a traballar na fábrica, de cinco da mañá a oito da noite, cun descanso de trinta minutos ao mediodía para descansar e xantar. Nesta fábrica hai cincuenta rapaces da miña idade. De cotío caían enfermos a causa do traballo. ¡A golpes de látego era como mantiñan os rapaces traballando!” |
|
Testemuñas dunha obreira e dun obreiro inglés da época |
|
Alimentación diaria dunha familia obreira con dous fillos (1856) |
|
|
– 1,2 quilogramos para os pais. – 0,8 quilogramos para os cativos. |
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0
