Saltar navegación

3. Resumo de contidos

  • Na segunda metade do século XVIII dáse en Inglaterra unha fonda transformación nas formas de traballo e na estrutura social; un cambio económico e social radical que dá orixe á sociedade capitalista e que se denomina Revolución Industrial. Abriuse paso un novo sistema de produción, o sistema industrial, baseado na división do traballo, no uso de máquinas eficaces e no aproveitamento de novas fontes de enerxía.
  • A Revolución Industrial foi o cambio máis radical que viviu a humanidade dende a invención da agricultura e da gandaría no Neolítico. A poboación mundial vai comezar a crecer, ao descender drasticamente á mortalidade; as cidades van medrar, froito da chegada de traballadores para a industria, e o sistema económico vai mudar completamente, consecuencia do desenvolvemento da industria.
  • A agricultura vai sufrir unha transformación radical, froito da mecanización e das melloras técnicas, do cambio do sistema de cultivo (rotación) e do sistema de propiedade (pechamentos), que van permitir un aumento considerable da produción, cunha necesidade moito menor de man de obra. A actividade agrícola dará alimentos á poboación crecente, man de obra a industria e capital ás novas actividades económicas.
  • Coa Revolución Industrial nace a nova sociedade de clases, aberta e baseada nos principios de igualdade fiscal e de dereitos, onde a posición dunha persoa nun grupo social dependerá do seu nivel de riqueza. Malia a desaparición dos privilexios continuarán a existir desigualdades e inxustizas sociais. A burguesía ocupará o posto predominante, beneficiándose da riqueza xurdida coas novas actividades industriais e comerciais.
  • A aparición do proletariado industrial é a gran transformación social deste período. O proletariado compúñano nun primeiro momento agricultores expulsados do medio rural por falta de traballo, que chegan á cidade na busca dunha ocupación na industria. Pouco a pouco irá tomando conciencia da súa singularidade e comeza a reclamar dereitos, mellores condicións laborais e de vida, xurdindo deste xeito o movemento obreiro.
  • Coa Revolución Industrial vai aparecer por primeira vez un mercado autenticamente mundial. Foi posible grazas á revolución dos transportes, coa mellora das vías de comunicación, mais fundamentalmente pola aplicación da máquina de vapor aos medios de transporte. Deste xeito aparece o ferrocarril, verdadeiro símbolo da Revolución Industrial e o barco a vapor, que van permitir unha multiplicación do comercio e un pulo ao resto das actividades económicas.
  • A industrialización foi un fenómeno que se estendeu desde Gran Bretaña, única protagonista na fin do s. XVIII, ata a Europa occidental e central, durante o s. XIX. Na segunda metade do s. XIX continuarán as innovacións técnicas, utilizaranse novas fontes de enerxía (petróleo e electricidade), e gañarán peso específico países extraeuropeos, como os EE.UU. e Xapón.
  • España tivo un crecemento económico e un proceso industrial lento, incompleto e moi tardío, xa que no s. XIX continuou a primar o mundo rural fronte ao urbano. Só destacaron Cataluña (sector téxtil) e o País Vasco (siderometalurxia). A burguesía careceu do peso social necesario para impulsar o sector industrial e utilizou moito do seu capital para se facer coas terras postas en venda cos procesos da desamortización.
  • En Galicia a industrialización foi moi feble, ficando illada ferroviariamente do resto do país. Produciuse unha emigración masiva a mediados do s. XIX cara a América. A única industria existente estaba vinculada ao sector marítimo.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0