Transformación económicas e sociais no século XIX
2.4.1 Fases da Revolución Industrial
A revolución industrial caracterizouse por unha serie de transformacións que afectaron ás técnicas, ás fontes de enerxía e ás formas de organización de traballo. A suma destas características dá lugar a distintas fases no proceso revolucionario:
- Primeira fase (1732-1869): desenvolvida en Gran Bretaña, onde a mecanización substituíu o traballo manual nas industrias téxtiles e dos procesos do ferro. Naceu así a produción en serie. O comercio espallouse grazas ás melloras no transporte, especialmente co nacemento do ferrocarril e do barco a vapor. As innovacións tecnolóxicas máis importantes foron: a máquina de vapor e a Spinning Jenny (fiadora de múltiples bobinas). As principais fontes de enerxía foron o carbón de coque e a enerxía hidráulica.
- Segunda fase (1870-1914): durante esta fase o carbón segue a ser a fonte de enerxía máis empregada, aínda que se lle engaden a electricidade e o petróleo. As industrias que se desenvolven son a química, a eléctrica, a do petróleo e do aceiro. Nos transportes, introdúcese o motor de combustión interna, desenvólvese o aeroplano e comercialízanse os automóbiles. Aparece tamén a refrixeración mecánica e o teléfono. Igualmente aparece a produción en serie (taylorismo) de bens de consumo.
- Terceira fase (1945 ata hoxe): caracterízase pola crise do capitalismo, co encarecemento dos recursos enerxéticos e das materias primas. Aumenta a protesta social, entre outras razóns polo deterioro do medio natural. Coincide co chamado estado de benestar; as empresas transnacionalízanse; redúcese o uso de produtos naturais e os novos sectores industriais son os da microelectrónica, informática, biotecnoloxía e a robótica.
S14. Defina as seguintes palabras e expresións: fiadura, Water Frame, máquina de vapor, división do traballo, forno siderúrxico.
S15. Todas estas imaxes teñen que ver coa primeira Revolución Industrial en Inglaterra. Trate de identificalas.
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0




