1.9.2 Prácticas culturais en discusión: ablación, matrimonios convidos
Non todas as prácticas culturais son aceptables nin respectables, por atacar directamente a dignidade humana, os dereitos humanos básicos, etc. Estas prácticas adoitan afectar fundamentalmente ás mulleres. Poderíamos destacar entre elas:
-
Mutilación xenital feminina (MXF), ou ablación de clítoris: consiste na mutilación dos xenitais femininos por motivos culturais, relixiosos, de saúde, estéticoas, de hixiene, sociolóxicos, ... mais non médicos. Esta práctica, non recollida por escrito, transgride os Dereitos Humanos, ao vulnerar o dereito á igualdade, á saúde, e supoñer maltrato, tortura, ...
A ablación xenital feminina causa importantes danos ás mulleres que a padecen:
-
Pode orixinar a morte da nena por infeccións, por colapso pola dor, hemorraxias...
-
Trauma psicolóxico.
-
Unha mala cicatrización ou formación de quistes, infeccións no conduto urinario, relacións sexuais dolorosas...
-
Aumento das probabilidades de contaxiar a SIDA, a hepatite ...
-
Infeccións frecuentes no aparello reprodutor e durante o parto (co conseguinte risco para a nai e o/a fillo/a).
-
Nenas obrigadas a casar: o matrimonio infantil viola os dereitos humanos, como forma de abuso sexual e explotación das nenas. Entre as súas consecuencias negativas están o illamento familiar das pequenas, así como dos seus amigos e do seu contorno, a falta de liberdade para se relacionaren con persoas da súa mesma idade e para participaren na vida comunitaria, e a mingua de posibilidades de saíren adiante por si mesmas na vida, ao careceren acceso á educación.
S20 Lea o seguinte documento e analice as causas e as consecuencias destas prácticas ancestrais, sexistas e discriminatorias contra a muller.
Unha ONG ofrece microcréditos a mulleres que practican a ablación en Kenia para dedicarse a outro traballo
A ONG World Vision puxo en marcha un proxecto para previr a mutilación xenital en nenas e adolescentes de Marigat (Kenia) e que inclúe a concesión de microcréditos ás mulleres que viven de realizar a ablación para que busquen outro modo de gañar a vida.
Nunha nota de prensa difundida con motivo do Día Internacional da Tolerancia Cero á Mutilación Xenital Feminina ou ablación do clítoris, que se celebra hoxe, esta ONG explica que Marigat, unha poboación ao oeste de Kenia onde conviven tres tribos que aínda realizan a mutilación xenital feminina, a pesar de que o goberno do país prohibiu esta práctica en 2001.
Para evitar que esta práctica continúe en Marigat, World Vision está a coordinar esforzos coas autoridades sanitarias, as asociacións de mulleres e as igrexas locais (que adoitan recibir as nenas que foxen desta situación) para realizar campañas e accións preventivas.
Así, realizaranse actividades como os "rituais alternativos", que permiten á poboación continuar a súa tradición, pero sen incluír a ablación.
Ademais, apóiase aos grupos de mulleres que se organizaron para loitar contra esta práctica e ofrécense microcréditos a aquelas que viven de realizar a ablación para que teñan outras opcións económicas.
O proxecto de prevención está dirixido a 12.000 persoas das tres etnias, especialmente aos máis novos e aos pais. Para que sexa efectivo, estableceuse contacto con todas as persoas representativas da comunidade.
En Marigat as nenas contraen matrimonio entre os 12 e os 14 anos, e segundo as crenzas das tribos, só unha muller circuncidada é digna de casar. Segundo World Vision, "as mozas senten unha gran presión social para participar do ritual de iniciación e ser sometidas á ablación".
Entre esta poboación predomina a idea de que o clítoris é "sucio" e impide o parto natural, cando o certo é que a mutilación xenital orixina infeccións e complicacións no parto que pon en risco a saúde da nai e dos fillos.
A mutilación xenital feminina é unha práctica que afecta cada ano a tres millóns de nenas no mundo.
-
Resuma as ideas fundamentais do texto: problemas suscitados e solucións achegadas
-
Na India os matrimonios con nenas acórdanse con tres ou catro anos. É antes que en África. Semella unha tradición discriminatoria? Por que?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0