1.8.3 Organismos internacionais
Os Estados relaciónanse entre si, xa que os problemas que se suscitan no mundo actual lles afectan a todos, e só actuando conxuntamente poderán resolverse. Para resolver eses problemas asínanse tratados, convenios ou declaracións internacionais, e créanse organizacións supraestatais nas que os países membros delegan certas funcións.
Organización das Nacións Unidas (ONU)
A Organización de Nacións Unidas (ONU) fundouse en 1945 para favorecer a paz, o desenvolvemento e a cooperación internacional. Na súa orixe estivo constituída por 51 estados e conta na actualidade con 192 membros.

|
ONU |
Páxina oficial: http://www.un.org |
![]() |
As linguas oficiais na ONU son o árabe, o chinés, o español, o francés, o inglés e o ruso. Nas reunións deste organismo tradúcense as conversas simultaneamente a estas linguas e todos os documentos escritos tamén deben redactarse nelas.
Entre as actividades organizadas polas Nacións Unidas destacan as seguintes:
-
Celebración de eventos internacionais: o Cumio da Terra (1992), coa Axenda 21.
-
Mantemento da paz: mediante as súas forzas de paz, coñecidas como cascos azuis.
- Control de armas e desarmamento: a ONU creou varios foros, como o Primeiro Comité da Asemblea Xeral de Nacións Unidas sobre Desarmamento e Seguridade internacional, para propiciar o uso pacífico da enerxía atómica e a eliminación das armas atómicas e de destrución masiva.
-
Preocupación polos dereitos humanos: vela polo seu cumprimento a través do Consello de Dereitos Humanos da ONU.
O final da política de bloques dos 90 parecía darlle á ONU un papel importante na resolución de conflitos. Pero na práctica o seu papel quedou relegado a un segundo plano na escena política internacional. Desde 1991 as misións de paz das Nacións Unidas deixaron de ter só un carácter militar, e convertéronse en garantes do funcionamento de institucións civís, como os procesos de eleccións en países de dubidosa legalidade.
Forzas de Pacificación. Resolución de conflitos
Os cascos azuis son as forzas de paz da ONU, enviadas a diversos puntos conflitivos do planeta, en misións de paz, para intentaren facer cumprir os acordos de paz e impediren que volvan iniciarse as hostilidades entre as faccións ou os bandos enfrontados. Concretamente, as súas funcións son:
-
Supervisar o uso do alto o fogo.
-
Desarmar e inmobilizar os combatentes.
-
Protexer a poboación civil.
-
Asegurar o mantemento da lei e da orde e adestrar unha forza local de policía.
-
Limpar de minas os territorios.
Este exército fórmase por forzas militares voluntarias proporcionadas polos países membros da ONU. O goberno de cada país é libre de enviar ou retirar os seus continxentes humanos se o considera oportuno, así como de todo o referido ao pagamento e ás cuestións disciplinarias ou de índole persoal. No ano 2001 recibiron o Premio Nobel da Paz polo seu traballo por un mellor mundo organizado e máis pacífico.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0
