Saltar navegación

1.6.2 Consecuencias das migracións

Os movementos migratorios teñen consecuencias, tanto para os países receptores como para os países emisores:

  • Para os países de saída (normalmente subdesenvolvidos). O máis importante é que se modifica a estrutura da poboación. Emigra a xente nova e normalmente de sexo masculino, orixinando un forte desequilibrio entre homes e mulleres, limitando a formación de familias e empobrecendo o futuro dos seus países. Tamén é certo que deixan de ser unha carga económica para os seus veciños ao non ter que xerar postos de traballo para eles.

Un aspecto positivo é que eses emigrantes envían periodicamente cartos ás súas familias, o que mellora a calidade de vida dos que quedaron.

  • Para os países receptores (normalmente desenvolvidos). Aínda que os inmigrantes son traballadores pouco cualificados, que se ocupan en tarefas infravaloradas, con longas xornadas e mal pagados, non sempre son ben recibidos polos habitantes dos países receptores onde son considerados como competencia.

Outros problemas que se suscitan son os seguintes: con frecuencia viven en guetos ou barrios marxinais das grandes cidades; as dificultades dalgúns inmigrantes para adaptarse aos costumes do país receptor; as condutas racistas ou xenófobas por parte de certos sectores sociais, ...

Como contrapartida, aumenta a poboación nova e melloran os índices de natalidade dos países receptores, que adoitan ter unha poboación moi avellentada; os inmigrantes tamén contribúen ao crecemento económico do país co seu traballo e, ao colaborar no pagamento de impostos, colaboran no financiamento das pensións e dos servizos sociais.

Actividades propostas

S5  A Península Ibérica e o seu territorio insular son meta das rutas de migración do Sur ao Norte procedentes de África. As embarcacións, os asaltos aos valados de Ceuta e Melilla, os baixos de camións ou as adegas de barcos son moitos dos medios empregados para chegar a estas costas e, desde elas, introducirse en Europa. Lea o seguinte artigo periodístico e analíceo.

 

Esta mesma mañá localizouse ao sur de Tenerife un barco pesqueiro cuns 100 inmigrantes a bordo, entre eles dúas persoas mortas e outras 30 en estado grave. O barco 'negreiro', avistado por un buque escola estadounidense, foi conducido ao porto tinerfeño dos Cristiáns.

Nunha recente resposta parlamentaria, recollida por Europa Press, o executivo socialista sinalou que as principais rutas da inmigración ilegal cara ás Canarias son nove, e que "todas elas terminan no Aiún (Sahara) como último destino de territorio estranxeiro, tendo cada unha delas puntos de tránsito distintos, dependendo do país onde se orixinen e o itinerario a seguir".

Neste sentido, menciónanse as nove rutas. Desde Senegal parte unha que cruza Mauritania. Desde a veciña Malí xorden tres vías que pasan por Mauritania, Alxeria e Marrocos. Por último, desde Nixeria saen o resto: a primeira cruza Malí e Mauritania, a segunda é vía Níxer, a terceira a través de Alxeria e, finalmente, as dúas últimas entran por Marrocos.

O Goberno marroquí insistiu n o esforzo realizado na interceptación de barcas e na detención de inmigrantes ilegais e patróns de embarcacións. Neste sentido, reforzou a vixilancia do seu litoral cunha dotación de 1.020 novos axentes de seguridade, cuxo proceso de incorporación iniciouse efectivamente no mes de agosto de 2004.Ata o 30 de abril deste ano retivéronse 121 embarcacións, fronte ás 148 de 2004 no mesmo período. Así mesmo, interceptáronse 2.726 inmigrantes ilegais, cando en 2004 foron 3.168 nos primeiros catro meses.

Marrocos asegura ter a "firme determinación" de proseguir as súas accións de loita común á vista dos "resultados extremadamente interesantes" que se produciron ultimamente. "Constatamos un descenso extremadamente importante en 2004, e nos cinco primeiros meses de 2005, houbo aínda resultados máis importantes", manifestou o primeiro ministro marroquí, Dris Jettu, na súa última visita a España. En concreto, mencionou un descenso do fluxo de inmigrantes ilegais a España do 20 por cento a nivel global e do 40 por cento no caso das Illas Canarias."

Senegal, Mali e Mauritania: a orixe. Europa Press. 2008

  • Que clase de migración está descrita no artigo?

  • Cal é a capital administrativa sahariana?

  • Que transportes se empregan para os movementos migratorios dende África?

  • Cantas rutas de peregrinación hai cara a Europa dende África?

  • Que problemas orixinan os movementos migratorios clandestinos?

  • Trace no seguinte mapa do norte de África, coa axuda dun atlas, as nove rutas de migración reflectidas no texto. Escriba tamén os nomes dos países emisores e dos receptores.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0