Saltar navegación

1.6.1 Movementos migratorios

Causas

Os movementos migratorios teñen motivacións moi diversas:

  • Naturais: como as características do espazo natural en que habitan os seres humanos: a súa salubridade, o clima, as catástrofes naturais (terremotos, erupcións volcánicas, etc.).

  • Sociais: guerras; persecucións relixiosas, sociais, políticas ou étnicas; o crecemento excesivo da poboación que non atopa recursos no seu espazo vital.

  • Económicas: as diferenzas entre o nivel de vida e de oportunidades entre hemisferios, continentes, países, rexións, o paro ou a busca de mellores empregos.

Clasificación

Estes desprazamentos humanos adoitan clasificarse así:

  • Pola súa duración: temporais e definitivos.

  • Pola súa forma: voluntarios ou forzosos.

  • Pola súa legalidade: controlados e apoiados polos países de destino, ou clandestinos.

  • Polo lugar de destino:

    • Migracións internas: desprazamentos que se producen dentro dun Estado. Éxodo rural: emigración dos habitantes do rural ás cidades (nomeadamente no século XVIII). Na actualidade subsiste no Terceiro Mundo. As súas consecuencias son: o despoboamento dos campos e o rápido crecemento da poboación urbana.

    • As migracións externas: desprazamentos que traspasan as fronteiras dun Estado, non libres de grandes dificultades, xa que adoitan cubrir longas distancias, hai unha grande dificultade para acceder aos medios de transporte e tamén é difícil a integración nos lugares de destino.

Actividades propostas

S3 O 3 % da poboación mundial non vive no lugar onde naceu. Tendo en conta que en decembro de 2008 vivían no mundo 6.741.072.120 persoas, calcule cantos cidadáns viven fóra da súa patria.

S4 Nos medios de comunicación empréganse con frecuencia incorrectamente os termos refuxiados, emigrantes por motivos económicos e desprazados internos. Busque información e defina cada un destes termos axeitadamente.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0