Saltar navegación

Xogo

O noso xeito de xogar

Rapaz suxeitando unha barraSeguro que escoitastes falar da chave, da billarda ou dalgún tipo de birlos. Aquí tedes unha selección de xogos tradicionais e populares que deberedes incluír na emisión de Galegas polo mundo!

O teu grupo terá que escoller un para experimentar, dominar e amosar na emisión. Como veredes, o zurriagazo e o lanzamento de boina preséntanse xuntos. Isto significa que conxuntamente constitúen unha das posibles opcións que ten o teu grupo.

Cal vos apetece probar? 

A marqueta

É un xogo tradicional da zona da Costa da morte, popular na zona de Mazaricos. É un xogo de precisión.

Como xogar

O que precisas

Para xogar á marqueta, precísase:

  • A marqueta: pedra plana de forma rectangular, sobre a que se fai puntería. É o obxectivo do xogo.
  • O rebolo: pedra pequena e redonda, coa que os xogadores intentan golpear (guindar) a marqueta.

O espazo de xogo

O espazo de xogo será un terreo chan. Nun extremo estará colocada a marqueta, de xeito vertical e encima doutra pedra deitada. A uns 7 pasos dela trazarase unha liña dende a que se lanzarán os rebolos.

O desenvolvemento do xogo

Poden enfrontarse varios/as participantes e o xogo desenvólvese do seguinte xeito:

  1. Primeiro lanzamento para establecer a orde: os participantes lanzan un rebolo desde a marqueta cara á liña de lanzamento antes trazada e ten que caer antes desta liña, é dicir, a unha distancia máxima de 7 pasos e posteriormente o que quede máis lonxe da marqueta será primeiro en lanzar. De seguido, vólvese facer isto cos/coas participantes que quedan até que se consegue unha orde con todos/as.
  2. Segundo lanzamento para situarse: xa respectando a orde de lanzamento, vólvese a lanzar dende a marqueta sendo obrigatorio superar a liña dos 7 pasos (liña de distancia mínima para facer o lanzamento). Se o lanzamento non pasa esa distancia mínima, a liña, o xogador/a queda descualificado nesa quenda.
  3. Terceiro lanzamento para tirar a marqueta: efectuarase desde onde quedou o rebolo no segundo lanzamento co obxectivo de derrubar a marqueta.

A puntuación

Logra 10 puntos o primeiro que consegue guindar a marqueta e gaña a partida o que chegue a 100 puntos.  

Apoio visual

Infografía resumo do xogo da marqueta na que se inclúe información sobre o número de xogadores (máis de 2), a orixe (provincia A Coruña), o terreo de xogo, o material necesario, as regras e o criterio de puntuación

Os "bolos" ou birlos de Visuña

É un xogo tradicional e autóctono da zona de Visuña (O Courel). 

Como xogar?

O que precisas

Para xogar precísase o seguinte:

  • 3 birlos ou bolos.
  • Unha peza de madeira cilíndrica máis ancha que os bolos (tronco).

O espazo de xogo

O espazo de xogo será un terreo chairo no que se marcan 2 liñas que serán determinantes na puntuación, unha a 10 metros e outra a 20 metros. 

O desenvolvemento do xogo

O lanzamento do tronco cara aos bolos faise dende o mesmo punto no que se colocan os bolos. Os 3 bolos poden colocarse do xeito que o/a lanzador/a considere.

A puntuación

Como resultado do lanzamento do tronco establecerase a seguinte puntuación:

  • Os bolos que pasan a liña de 10 metros valerán 10 puntos.
  • Os bolos que pasa a liña de 20 metros valerán 40 puntos.
  • Para puntuar, é obrigatorio que o tronco co que se efectúa o lanzamento pase a liña de 10 metros. De non ser así, ningún bolo puntuará e a esta tirada chámase "a pocha".

Xógase a un número de lanzamentos previamente pactado.

Apoio visual

Infografía resumo do xogo dos birlos de Visuña na que se inclúe información sobre o número de xogadores/as (máis de 2), a orixe (O Courel), o terreo de xogo, o material necesario, as regras e o criterio de puntuación

O zurriagazo e lanzamento de boina

Agrupamos dous xogos neste apartado por ser sinxelos e fáciles de aplicar.

Como xogar ao Zurriagazo?

O que precisas

Para xogar precisamos:

  • Un saco cheo con material brando ou unha almofada.
  • Un elemento onde subir como por exemplo, un banco sueco.

O desenvolvemento do xogo

O obxectivo do xogo é derrubar ao contrario golpeando nas nádegas ou nas costas.

Como xogar ao lanzamento de boina?

O que precisas

Tan só precisas unha boina.

O desenvolvemento do xogo

Establécese unha zona de lanzamento facendo unha liña e dende aí efectúase dito lanzamento co obxectivo de chegar o máis lonxe posible.

Apoio visual

Amósase unha imaxe-resumo do xogo lanzamento de boina onde se indica o material que se precisa e o desenvolvemento do mesmo.

Amósase unha infografía do zurriagazo onde se indica o que se precisa para xogar e o desenvolvemento do mesmo.

O ferrón

Xogo de precisión, semellante a outros como o da chave.

Como xogar?

O que precisas

Para xogar precisas:

  • Un obxecto cilíndrico duns 50 cm de longo aproximadamente que se chanta no chan e queda en posición vertical. Tradicionalmente usábase un pau de ferro. Este pau ten na base un mecanismo que xira arredor del e que permite establecer 2 circunferencias o que á súa vez permite asignar outras puntuacións menores aos lanzamentos que queden preto, pero que non se introducisen.
  • Un obxecto circular e oco no centro, pode ser unha argola. Tradicionalmente usábanse ferraduras ou ferróns.

O espazo de xogo

O espazo de xogo adoita ser un terreo chairo, aberto e normalmente de terra, para poder chantar o pau. Debe ter polo menos uns 15 metros, pois a distancia de lanzamento será de 12 metros.

O desenvolvemento do xogo

O obxectivo do xogo é lanzar a ferradura, co fin de introducila dentro do pau. Cada xogador/a tira a peza ou ferradura 10 veces. A orde de tirada establécese mediante sorteo, antes de comezar a partida.

A puntuación

A puntuación dos lanzamentos será a seguinte:

  • 5 puntos polas ferraduras introducidas.
  • 2 puntos polas ferraduras que queden a unha distancia dunha cuarta aproximadamente (1ª circunferencia). Tradicionalmente isto medíase co mecanismo que permitía facer a circunferencia ao redor do ferrón.
  • 1 punto polas ferraduras que queden a unha distancia de dúas cuartas aproximadamente (2ª circunferencia).

Normalmente xógase por equipos de 2 ou 3 persoas e páctanse con anterioridade un límite de puntos ou un límite de rondas.

Apoio visual

Amósase unha infografía coa información que se precisa para xogar ao Ferrón: espazo, material, desenvolvemento e puntuación

As sete e media

Xogo de precisión.

Como xogar?

O que precisas

Para xogar precisas:

  • Un xiz ou semellante para debuxar o terreo de xogo. Dependerá da superficie na que se xogue.
  • 4 ou 5 pedras.

O espazo de xogo

O espazo de xogo adoita ser un terreo chairo e aberto. Pode ser de terra, onde se debuxa o terreo cun pau ou ben noutro tipo de superficie onde se pode empregar un xiz.

Para o terreo de xogo hai dúas modalidades:

  • Debuxar oito cadros, sete deles numerados do 1 ao 7 e outro máis pequeno onde se indique 1/2 (media).
  • Debuxar 7 cadros, numerados do 1 ao 7, dos que tamén contarán as liñas que valerán media.

Márcase unha liña como zona de lanzamento que estará a 3 metros aproximadamente do cadro 1 e 2.

O desenvolvemento do xogo

O obxectivo do xogo é acadar unha puntuación de 7 e medio antes que os/as rivais. Comeza lanzando un/ha xogador/a e irá obtendo tantos puntos como os cadros nos que cae a pedra e no momento en que supere a puntuación de 7 e medio a súa quenda remata sen ter conseguido o obxectivo. Neste momento pasa a quenda ao seguinte participante.

O número de participantes é ilimitado e poden organizarse en equipos.

Apoio visual

Amósase unha infografía do xogo As sete e media onde se resume o que se precisa, o espazo e o desenvolvemento do xogo.

O noso xogo

Duración: 1 sesión Agrupamento: Pequeno grupo

Agora que o voso grupo ten un xogo asignado, toca practicalo. Non esquezades:

  • Exercer o voso rol específico (lembrade que están explicados na Fase 2).
  • Ter a man a ficha de rexistro de xogo galego (descargástela no apartado 3.1).

1. Situádevos no voso espazo

Preguntade á vosa ou ao voso docente en que lugar vos debedes situar. Asignaravos un espazo en función das necesidades do xogo.

2. Organizade o material que precisedes

En función do xogo precisaredes un tipo de material diferente. O voso docente proporcionaravolo.

O/A técnico/a encargarase da súa xestión e recollida.

3. Lede ben as normas e a dinámica do xogo

É fundamental que entendades ben como se debe desenvolver o xogo. Tedes vídeos e apoio visual que vos axudarán a comprendelo mellor.

A persoa coordinadora poderá preguntar as dúbidas que teñades ao/á docente. 

4. Poñédeo en práctica até que o dominedes

A persoa instrutora liderará as explicacións e a posta en escena.

5. Avisade ao profesor/a para que verifique que está correcto

A persoa docente daravos o visto e prace.

6. Rexistrade o xogo na ficha correspondente

Anotade o resultado da práctica na ficha de rexistro de xogo galego.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)