Saltar navegación

1.1. Abrindo camiño

 

Glosario

Deseño

Pictograma dunha man que está debuxando un plano.

Definición:

É un proceso creativo que se utiliza para dar forma ás ideas e crear produtos útiles e/ou atractivos.

Exemplo:

Este programa de televisión ten un deseño diferente e orixinal.

Embaixador/a

Pictograma dunha persoa sentada nun despacho.

Definición:

Persoa que está a cargo dunha embaixada e que é representante dun estado nunha nación estranxeira.

Exemplo:

Unha embaixadora representa e conta ao mundo a súa cultura.

Emigrante

Pictograma dunha persoa que se despraza cunha maleta a outro país

Definición:

Persoa que marcha do seu país ou lugar para vivir noutro sitio.

Exemplo:

Meu tío é emigrante porque foi traballar a outro país.

Emisión

Pictograma dunha persoa sentada diante de tres televisións.

Definición:

Programa que se transmite en directo ou gravado para que o vexa ou escoite o público.

Exemplo:

A emisión comezou ás cinco e todos vimos o programa en directo.

Tradición

Pictograma de dúas persoas bailando un baile con vestimenta tradicional.

Definición:

Conxunto de costumes, crenzas e coñecementos que se transmiten de xeración en xeración, ao longo do tempo, e que conforman a identidade propia dun pobo ou grupo de persoas.

Exemplo:

O entroido é unha tradición na nosa familia.

Socializar

Pictograma dun grupo de persoas falando e divertíndose e outra persoa en soidade.

Definición:

Refírese a interactuar e relacionarse con outras persoas.

Exemplo:

Unha boa forma de socializar é practicar un deporte de equipo.

Non hai fronteiras

Existen linguaxes que todo o mundo entende sen necesidade de palabras. A danza, o baile e o xogo son algunhas delas. A través do corpo, do ritmo e do movemento, podemos expresarnos, comunicarnos e sentir todas as persoas xuntas... Sexamos de onde sexamos!

Quérelo ver?

Lectura facilitada

Existen linguaxes que non teñen palabras.

A danza, o baile e o xogo son linguaxes que todo o mundo entende.

A través de:

  • o corpo,
  • o ritmo,
  • e o movemento,

podemos:

  • expresarnos,
  • comunicarnos,
  • e sentir todas as persoas xuntas...

Sexamos de onde sexamos!

Quérelo ver?

O reto

Pictograma dunha persoa sendo entrevistada a través da televisión.Preparádevos para viaxar a través das danzas e xogos populares doutros países e redescubrir as vosas propias tradicións porque acabades de ser seleccionados/as para facer o programa Galegas polo mundo!

O voso reto consiste en deseñar e organizar unha emisión en directo dende a vosa aula. Traballaredes por grupos, simulando vivir nunha parte do mundo dende a que representaredes o baile e o xogo galego que mellor vos identifica. Ademais, aproveitaredes para compartir co resto da audiencia as tradicións dese lugar.

Quen sabe… quizais máis pronto do que pensades teñades que poñer en práctica o voso papel de persoas embaixadoras da cultura galega: nunha viaxe de fin de curso, nun proxecto Erasmus ou mesmo nunha festa do instituto.

Luces, cámara, acción! Que comece: Galegas polo mundo!

Lectura facilitada

Acabades de ser seleccionados/as para facer o programa Galegas polo mundo!

Viaxaredes a través das danzas e xogos populares doutros países.

Volveredes descubrir as vosas propias tradicións.

O voso reto consiste en organizar unha emisión en directo dende a vosa aula.

Traballaredes por grupos.

Simularedes vivir nunha parte do mundo.

Representaredes o baile e o xogo galego que mellor vos identifica.

Compartiredes co resto da audiencia as tradicións dun lugar estranxeiro.

Algún día poñeredes en práctica o voso papel de persoas embaixadoras da cultura galega:

  • nunha viaxe de fin de curso,
  • nun proxecto Erasmus,
  • ou mesmo nunha festa do instituto.

Luces, cámara, acción!

Que comece: Galegas polo mundo!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)