Saltar navegación

Irlanda

Migramos a Irlanda

Bandeira de IrlandaIrlanda é unha illa do noroeste de Europa, dividida entre a República de Irlanda, con capital en Dublín, e Irlanda do Norte que pertence ao Reino Unido. É coñecida polas súas paisaxes verdes, a súa herdanza celta, a música e as danzas tradicionais. As linguas principais son o inglés e o gaélico irlandés. 

Coñece máis de Irlanda!

Danzas e xogos

Danza: "Circassian Circle"

Circassian Circle é unha danza social tradicional irlandesa que se baila en grupo e adoita aparecer en ceiolís (festas de música e baile). É unha danza divertida, rápida e moi accesible para todos os niveis.

Xogo: "Rings"

É un xogo de lanzamento de precisión semellante aos dardos pero que se xoga con aros e un taboleiro no que se indican as puntuacións. Para xogar tan só precisades 6 aros, o taboleiro cuxo centro (nº 13) estará a unha altura de 1,75 m aproximadamente e unha liña marcada no chan chamada oche e que estará a uns 2,5 m. aproximadamente.

Respecto ás normas hai diferentes modalidades de xogo, pero a continuación indícase a modalidade chamada 121 up. Consiste en ir lanzando de xeito alterno os sets de 6 aros e sumando as puntuacións obtidas en cada lanzamento. O obxectivo é acadar de xeito exacto os 121 puntos. Pode incluírse como regra o feito de que o xogador que acerte 3 veces seguidas na mesma puntuación gaña directamente a partida, isto axuda para manter o interese no caso de que unha persoa se adiante moito no marcador. 

A imaxe amosa a unha persoa xogando ao Rings

Lectura facilitada

A danza irlandesa proposta chámase Circassian Circle.

É unha danza con música alegre e rápida.

O xogo irlandés proposto chámase Rings.

É un xogo de lanzamento e precisión.

Consiste en lanzar aros contra un taboleiro onde figuran as puntuacións.

Realízanse 6 lanzamentos por quenda.

Xogaredes á modalidade 121 up.

Esta modalidade ten por obxectivo acadar os 121 puntos de forma exacta.

Gañará a persoa que os consiga antes.

Tamén se gaña se conseguides acertar na mesma puntuación con 3 aros seguidos.

Practica e rexistra

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Agora que xa coñecedes o voso país de destino, toca afondar na súa cultura para logo decidir que ides amosar na emisión do programa. Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país. Non vos esquezades de:

  • Exercer o voso rol específico (lembrade que están explicados na Fase 2).
  • Ter á man as Fichas de rexistro de danza e xogo estranxeiro (descargástelas no apartado 3.2).

Lectura facilitada

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Xa coñecedes o voso país de destino.

Tócavos afondar na súa cultura.

Tedes dúas sesións para experimentar a danza e o xogo tradicional típico deste país.

Máis adiante escolleredes cal queredes representar na emisión.

Non esquezades:

  • Exercer o voso rol específico (están explicados na Fase 2).
  • Ter á man as Fichas de rexistro da danza e do xogo estranxeiro (descargadas no apartado 3.2).

Por onde comezar?

Imaxe cunha pista e unha frecha simulando o comezo dunha carreiraXogo ou danza? 

Tedes que experimentar os 2.

A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.

Dinámica para a danza

  1. Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza e prestade atención á música.
  2. Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
  3. Ensaiade os primeiros pasos e a medida que os dominedes ide sumando os seguintes.
  4. Cando xa teñades aprendidos todos os pasos, ensaiade até que dominedes a danza con soltura.
  5. Amosádelle a danza á persoa docente para verificar que está correcta.
  6. Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira.

Dinámica para o xogo

  1. Analizade ben as normas e a dinámica do xogo. 
  2. Identificade o material que precisades.
  3. Organizade o material e os equipos.
  4. Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
  5. Amosádelle o xogo á persoa docente para que verifique que está correcto.
  6. Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.

Lectura facilitada

Por onde comezar?

Xogo ou danza? 

Tedes que experimentar os 2.

A persoa docente indicaravos cal facer primeiro.

Dinámica para a danza

  1. Mirade o vídeo no que se amosa a representación da danza.
  2. Prestade atención á música.
  3. Fixádevos en cal é a disposición do grupo: círculo, parellas, outros agrupamentos...
  4. Ensaiade os primeiros pasos.
  5. Ide sumando os seguintes pasos.
  6. Ensaiade a danza completa ata dominala con soltura.
  7. Amosádelle a danza á persoa docente.
  8. Verificade que está correcta.
  9. Rexistrádea na folla de rexistro de danza estranxeira. 

Dinámica para o xogo

  1. Analizade ben as normas e a dinámica do xogo. 
  2. Identificade o material que precisades.
  3. Organizade o material e os equipos.
  4. Experimentade o xogo e practicade até dominalo.
  5. Amosádelle o xogo á persoa docente.
  6. Verificade que está correcto.
  7. Rexistrádeo na ficha de rexistro de xogo estranxeiro.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)