Saltar navegación

2.1. Sintonizando coñecementos

 

Glosario

Interculturalidade

Pictograma que representa persoas de diferentes culturas e territorios

Definición:

Convivencia e interacción entre persoas de distintas culturas que se realiza nun contexto de respecto, colaboración e igualdade.

Exemplo:

A interculturalidade axúdanos a coñecer, comprender e respectar culturas diferentes.

Rol

Conxunto de persoas onde se designan roles de organización

Definición:

É a función ou tarefa que cada persoa ten dentro dun grupo para que todo funcione correctamente.

Exemplo:

Cada persoa no equipo ten un rol que lle permite colaborar e que o grupo funcione mellor.

Sintonizar

Pictograma que representa persoas falando e compartindo ideas

Definición:

Poñerse en contacto ou en harmonía con algo ou alguén, entendendo ou conectando co que se comparte.

Exemplo:

Para traballar en equipo, é importante sintonizar coas ideas e sentimentos dos compañeiros e compañeiras.

O ritmo que vos une

Duración: 15 minutos Agrupamento: Gran grupo
Na imaxe podemos observar persoas distribuíndose en equipos

Antes de comezar a revisión do guión, seguro que te preguntas quen serán os teus compañeiros e compañeiras de aventura. Pois deixa que sexa o ritmo quen vos una!

Logo de que a persoa docente prepare o espazo, colocando no chan as bandeiras de Xapón, Irlanda, Kenya e Bolivia e lle dea ao play, comezarás a moverte libremente mentres escoitas e intentas recoñecer fragmentos de diferentes estilos musicais.

Sigue o ritmo e imita os movementos característicos de cada música. Podes inventar pasos, xestos ou pequenas coreografías inspiradas na cultura que representa cada son. En calquera momento, a música deixará de soar... e nese intre debes xuntarte con dúas persoas máis que se atopen preto de ti. Formaredes un trío e, cando a música volva soar, bailaredes xuntos, combinando os vosos movementos e creando algo novo entre os tres. Cando a música volva deterse de novo, os tríos buscarán outro grupo próximo ata formar grupos de seis

O xogo rematará cando esteades mesturados en equipos de seis, bailando ao ritmo de diferentes culturas do mundo.

Preparados e preparadas? Que o ritmo vos faga equipo!

Lectura facilitada

Duración: 15 minutos Agrupamento: Gran grupo

A persoa docente colocará no chan bandeiras de diferentes países (Xapón, Irlanda, Kenya e Bolivia).

  • Cando soe a música:
    • Móvete polo espazo.
    • Intenta recoñecer o estilo musical.
    • Sigue o ritmo da música.
    • Imita movementos ou inventa pasos.
  • Cando a música pare: 
    • Xúntate con dúas persoas que estean próximas a ti.
    • Debes formar un grupo de tres.
  • Cando a música volva soar:
    • Bailaredes xuntas esas tres persoas.
    • Crearedes outros pasos e xestos novos.
  • Cando a música pare outra vez:
    • Xuntarédesvos dous grupos de tres para forman un grupo de seis persoas. 

A actividade remata cando esteades en equipos de seis, bailando músicas de diferentes culturas do mundo.

Preparados e preparadas?

O ritmo uniravos como equipo!

Quen se encargará de....?

Duración: 10 minutos Agrupamento: Pequeno grupo
Pictograma dun organigrama con persoas en diferentes niveis de responsabilidade

Xa coñeces as persoas coas que traballarás na organización e desenvolvemento da emisión de Galegas polo mundo!

Cando se traballa en equipo, ademais de achegar esforzo individual, é importante acordar certas dinámicas para asegurarse que o traballo está cuberto e ben coordinado. Por exemplo, que sucede se o grupo ten que responder por escrito a unha tarefa grupal? Estaredes de acordo en que non é operativo que todos e todas escribades o mesmo ao tempo. Resulta máis eficiente que haxa responsables que teñan funcións específicas. 

Por iso, cada un de vós vai asumir un rol. Quen se encargará de...? Decidídeo!

Lectura facilitada

Duración: 10 minutos Agrupamento: Pequeno grupo

Vas traballar en equipo na actividade Galegas polo mundo!

Traballar en equipo significa:

  • Colaborar co grupo.
  • Falar entre todos e todas.
  • Poñerse de acordo cos compañeiros/as.
  • Organizarse ben.
  • Repartir tarefas.

Cada persoa terá unha tarefa diferente.

Repartide roles e decidide quen se encarga de cada cousa!

Preme para desbloquear os roles do teu equipo

Coordinador/a

Pictograma dun grupo de persoas onde unha coordina ao resto

Hai alguén no voso grupo que escoite ben as ideas dos demais, faga suxestións útiles e teña don de organizador/a? Pois esa persoa é perfecta para ser o/a coordinador/a do equipo, asegurándose de que todos e todas traballedes xuntos e a actuación saia á perfección.

Se es o/a coordinador/a, as túas funcións na Fase 3 e 4 serán: ser o nexo de comunicación entre o equipo e o docente e mediar para a resolución de conflitos e o bo funcionamento do grupo.

Técnico/a 

Pictograma dun grupo de persoas onde unha persoa organiza a outras

Un baile sen música e sen vestiario non é un baile… e un xogo sen o material axeitado tampouco funciona! Quen do voso grupo quere ser a persoa encargada de vestiario, son e material? A vosa función é clave para que a emisión sexa crible e capaz de transportar ao público ao país elixido. Ademais de preparar músicas e estilo, tamén deberedes recoller, organizar e comprobar que o material dos xogos está listo e en bo estado. 

Se es o/a técnico/a, a túa función na Fase 3 será: organizar e recoller os materiais empregados; na Fase 4: preparar vestiario, música e materiais para a representación do baile/danza ou xogo.

Reporteiro/a

Pictograma dunha persoa falando cun micrófono

Quen do voso grupo ten facilidade de palabra e sae sen medo diante da cámara? Escollede quen será a persoa reporteira!  Ademais de falar con naturalidade durante a conexión en directo, esta persoa tomará notas, completará o guión, anotará cambios e asegurarase de que toda a información quede ben organizada para a emisión. Este rol pode ser asumido por ata un máximo de dúas persoas no equipo.

Se es o/a reporteiro/a, a túa función na Fase 3 será: cubrir os rexistros das actividades; na Fase 4: personalizar o guión xeral da emisión en directo.

Instrutor/a

Pictograma dunha persoa dirixindo a un grupo de xente

Quen vai ser a persoa coreógrafa ou encargada de dirixir o xogo? Esta persoa terá un papel clave, porque dirixirá os ensaios da danza e dos xogos e liderará os movementos na actuación en directo. Durante os ensaios, supervisará os cambios e combinará as achegas do resto do equipo para que a actuación final sexa espectacular. Este rol pode ser asumido por ata un máximo de dúas persoas no equipo.

Se es a persoa instrutora, a túa función na Fase 3 será: dirixir as actividades de danza e xogo; na Fase 4: dirixir os ensaios da danza e do xogo escollidos.

Lectura facilitada

Coordinador/a

Unha persoa do grupo será o coordinador/a. Na fase tres e catro terá as funcións de:

  • Comunicarse co profesor ou coa profesora e transmitir a información ao grupo.
  • Axudar a resolver conflitos.
  • Coidar o bo funcionamento do equipo.

Técnico/a 

No grupo precisaredes dun técnico/a que se encargue do vestiario, da música e do material.

Na fase tres terá as funcións de: organizar os materiais e recoller todo ao rematar.

Na fase catro terá as funcións de: preparar vestiario, música e os materiais para o baile, a danza ou o xogo.

Reporteiro/a

No grupo precisaredes dun ou dous/dúas reporteiros/as que se encarguen de tomar notas, completar o guión e organizar a información para a emisión.

Na fase tres terán a función de: cubrir os rexistros das actividades.

Na fase catro terán a función de: personalizar o guión da emisión en directo

Instrutor/a

No grupo precisaredes dun instrutor/a que se encarguen de dirixir os bailes e xogos e organizar os ensaios guiando os movementos.

Na fase tres terá a función de: dirixir as actividades de danza e xogo.

Na fase catro terá a función de: dirixir os ensaios da danza e do xogo escollido.

Primeiros axustes

Duración: 20 minutos Agrupamento: Pequeno grupo

Reúnete co grupo que acabas de formar para sintonizar dúas canles de coñecementos base: a dos xogos e a das danzas. Esforzádevos, porque ao final amosaredes o resultado e compartiredes a vosa experiencia co resto da aula.

Canle 1: En xogo! 

Pictograma de dúas persoas con bocadillos de diálogo e unha lámpada representando que están a compartir ideasPara sintonizar a primeira canle, ides facer unha choiva de ideas no encerado na que cada coordinador/a do equipo, escribirá os xogos que lembrades da vosa infancia ou que coñezades a través da vosa familia, amizades ou comunidade.

A continuación, faredes a seguinte análise de cada xogo:

  • De onde procede ou en que contexto se xogaba?
  • Quen vos ensinou e en que ocasións se practicaba ese xogo?
  • Coñeces xogos semellantes noutros países?

Cal será o grupo que consiga recuperar o maior número de xogos? Imos aló!

Canle 2: En danza! 

Icona dun mapa do mundo e un marcador de localización vermello, que simboliza a idea de localización.Para sintonizar a canle 2 sobre danzas do mundo, cada coordinador/a do equipo situará os post-it que vos entregue o/a voso/a docente, en diferentes zonas dun mapamundi que atoparedes na aula. Fixádevos ben nos nomes das danzas ou estilos de baile que conteñen os post-it para identificar se son propios ou de diferentes países ou rexións do mundo. 

Cando vos avise o/a docente, responderedes oralmente en posta en común ás seguintes cuestións:

  • É un baile formal ou informal?
  • É un baile de grupo, en parella ou individual?
  • É agarrado ou solto?
  • Que tipo de música acompaña este baile?
  • En que ocasións se baila (festas, cerimonias, rituais, competicións…)?

Lectura facilitada

Duración: 20 minutos Agrupamento: Pequeno grupo

Reúnete co teu grupo.

Repasaredes sobre xogos e danzas.

Canle 1: En xogo! 

Ides facer unha choiva de ideas no encerado. 

Cada coordinador ou coordinadora do equipo escribirá:

  • Xogos que lembrades da vosa infancia.
  • Xogos que coñezades pola familia, amizades ou comunidade

Cal será o grupo que consiga recuperar o maior número de xogos? Imos aló!

Canle 2: En danza! 

Na aula teredes un mapamundi.

A persoa docente vos entregaravos post-it.

Cada coordinador/a colocará post-it no mapamundi.

Fixádevos nos nomes das danzas ou estilos de baile.

Fixádevos en se son do voso país ou doutra parte do mundo.

Responderedes en grupo a estas preguntas:

  • É un baile formal ou informal?
  • É un baile de grupo, en parella ou individual?
  • É agarrado ou solto?
  • Que tipo de música acompaña este baile?
  • En que ocasións se baila (festas, cerimonias, rituais, competicións…)?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)