A nosa cultura
Todos temos unha maleta coa que camiñamos pola vida. Esta maleta está cargada de soños, hábitos, valores, costumes… que moldean o noso xeito de ser e de ver o mundo.
Sabías que os vosos devanceiros emigrantes levaron as súas maletas cargadas de cultura galega? Pois si, tal era a súa morriña pola terra que crearon centros galegos no estranxeiro a través dos que reunirse, apoiarse e seguir gozando das tradicións galegas. A día de hoxe, aínda se pode sentir o son da gaita galega en Suíza ou bailar ao son da muiñeira en Edimburgo (Escocia). Fíxate no seguinte vídeo.
Pronto te converterás en emigrante de Galicia e espallarás o teu xeito de danzar e xogar polo mundo. Serás tan bo/a embaixador/a? Seguro que si!
Audio
Centros galegos no estranxeiro
Centro galego de Montevideo (Uruguai)
Naceu no ano 1879, sendo a institución galega máis antiga do mundo. A súa Sede Social, construída no 1923, alberga a salas adicadas a figuras galegas de renome como Valle Inclán, Rosalía de Castro ou Castelao, e conta con salas de xogos e ensaios que dan servizo aos abonados. Na súa páxina web podes atopar información sobre as actividades que organiza o centro, entre as que se inclúen clases de danza rexional e a práctica de diferentes deportes. Neste vídeo podes ver un fragmento da participación da asociación de danzas do centro no programa Got Talent de Uruguay.
Centro galego de Buenos Aires (Arxentina)
Data do ano 1907. Este centro xurdiu inicialmente para axudar aos emigrados galegos en Buenos Aires coas dificultades sociais, culturais e sanitarias que se atopaban ao chegar á Arxentina. Co tempo, foi evolucionando ata converterse nunha institución de referencia. Este centro foi -e continúa a ser- un punto de encontro de charlas, obras teatrais, exposicións de arte... que manteñen viva a cultura galega na distancia. Por este centro pasaron figuras como Ramón Otero Pedrayo ou Camilo José Cela.
Centro cultural As Xeitosiñas (Suíza)
Este centro é hoxe en día o "fogar" da Asociación Cultural As Xeitosiñas, que naceu nos anos 80 como a primeira agrupación de danza galega no cantón de Zürich (Suíza). Tras máis de 40 anos de traxectoria, esta asociación que tamén ten banda de gaitas, continúa a ser un referente para todas aquelas persoas que queiran achegarse á música, o cante e a danza galega. Na súa páxina web pódense consultar os eventos que realizan e as actividades que ofertan, entre outra información de interese.
Centro galego de Montreal (Canadá)
Fundouse no ano 1969 co gallo de organizar e desenvolver actividades culturais vencelladas a Galicia. O Centro conta cun Estatuto Social no que se recollen como obxectivos promover conferencias, exposicións e concertos de carácter galego ou manter a biblioteca actualizada, prestando especial interese aos libros de autoría galega.

