Saltar navegación

Danza

O noso xeito de bailar

A imaxe representa un conxunto de persoas bailandoXa sabes o que é unha foliada, pero… animaríaste a participar nunha? Se es dos e das que se animan, xenial, segue gozando das nosas troulas, pero se es desas persoas ás que lles custa soltarse, hai que poñerlle remedio a iso! Hoxe toca bailar.

Xa coñeces a muiñeira, este ano aprenderás a bailar a xota.

Orixe da xota

A súa orixe é anterior ao século XVIII. Pénsase que procede de Aragón e Navarra e que chegou a Galicia a través dos segadores e segadoras galegas que volvían de traballar na sega da meseta.

A nivel musical, a xota interprétase de maneira parecida á muiñeira, tanto por grupos de pandeiretas como por gaita e percusión.

Partes da xota

A xota ten tres partes principais: 

Paseo
  • O paseo é a parte máis tranquila e sinxela. 
  • Serve para comezar o baile e para que as parellas ou grupos se coloquen e se despracen polo espazo.
  • Os pasos son suaves, case sempre camiñados, e non requiren moita técnica.
Punto
  • O punto é a parte máis técnica e vistosa do baile.
  • Aquí aparecen os pasos máis rápidos e elaborados, con pequenos saltos, voltas e xogos de pés.
  • É onde cada bailador/a ou parella amosa a súa habilidade e o estilo da zona xeográfica a que pertenza.
Volta ou "tablón"
  • Volta: organízase en forma de círculo e as parellas bailan xirando todas no mesmo sentido.
  • Tablón: as parellas bailan enfrontadas, normalmente facendo dúas filas, ou ben nunha especie de taboleiro recto. Un membro da parella avanza cara adiante e outro membro da parella retrocede cara atrás. 

      Exemplo

      Ides ver un vídeo no que se mostran unidas todas as partes dunha xota. Prestade atención para poder mesturar diferentes puntos e crear movementos máis completos e divertidos nos vosos ensaios posteriores.

      Queres saber máis?

      A xota galega ten un ritmo ternario (1-2-3 / 1-2-3). Este vai-vén regular é o que lle dá ese carácter vivo e saltado. 

      Ademais hai dúas variantes moi coñecidas: 

      • O maneo, que se recoñece porque os pasos van arrastrados.
      • O zapateado, onde se remarcan os cambios de cada parte golpeando o chan cos pés.


      A nosa xota

      Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

      Agora tócavos a vós, ides crear a vosa propia xota. Non esquezades:

      • Exercer o voso rol específico (lembrade que están explicados na Fase 2).
      • Ter á man a ficha de rexistro da xota (descárgase na páxina anterior).

      1. Escollede e analizade a música

      A continuación, ides visualizar catro vídeos de diferentes artistas galegos. Prestade atención, e pensade que movementos ou pasos poderían inspirarvos para a vosa xota.

      2. Visualizade e analizade paseos, puntos e voltas variados

      Agora é o momento de mirar con atención: visualizade nos seguintes vídeos distintos paseos, puntos e voltas, para comprender mellor os movementos e preparárdesvos para ensaiar a xota con precisión e estilo.

      Vídeo dos paseos
      Vídeo dos puntos
      Vídeo das voltas

      3. Creade 3 puntos

      Agora que xa analizastes paseos, puntos e voltas, é o momento de crear.

      Cada grupo deberá crear tres puntos de xota propios, mantendo o ritmo tradicional pero achegando o voso toque persoal. Poden ser combinacións de pasos vistos nos vídeos ou novas ideas que xurdan de vós: o importante é que respecten o compás e formen unha pequena secuencia con sentido.

      4. Unide os puntos con paseos

      Logo de ver os vídeos anteriores, tedes que crear unha pequena xota unindo as tres partes principais aprendidas. Mirade este exemplo:

      Para facer algo similar, seguide estes pasos:

      1. Decidide un paseo.
      2. Engadide os 3 puntos creados.
      3. Enlazade cada punto cunha volta.

      Preparados para darlle vida á vosa propia xota? 

      5. Ensaiade até dominar

      Agora, ides poñerlle ritmo e alegría á vosa xota! Ensaiade con ganas, sentide a música e deixade que o voso corpo conte a historia desta danza tradicional.

      6. Rexistrade a vosa creación 

      Cubride a ficha de rexistro da xota para reflectir o resultado da vosa creación. 

      Feito con eXeLearning (Nova xanela)