Sabías que...?

Por que os habitantes de Santiago de Compostela son coñecidos como "picheleiros/as", os de Vigo se denominan "portugueses/as", ou aos de Ourense se lles chama "paraugueiros"?
Estes nomes son os alcumes, unha parte da toponimia que é non oficial. Os alcumes foron orixinados hai moitos anos cando se nomeaban coloquialmente ás persoas tendo en conta as súas características físicas e morais ou as súas circunstancias vitais. Estes nomes pasaron de xeración en xeración ata chegar a nós. Trátase dun trazo característico do entorno rural, onde as familias se coñecen por medio dos alcumes.
Imaxina: O tataravó de Sabela chamábase Manuel e era o home máis alto na aldea. Por esta razón dende mozo foi alcumado "Manuel o largo". Cando casou coa tataravoa de Sabela, que se chamaba María, esta tomou o alcume do seu marido e pasou a ser coñecida na aldea como "María a do largo". Cando Manuel e María tiveron fillos, os veciños/as da aldea referíanse aos cativos como "os do largo" e así se foi trasladando sucesivamente o alcume xeración tras xeración ata chegar aos seus tataranetos/as.
Lectura facilitada
Os alcumes son nomes coloquiais que se dan ás persoas tendo en conta as súas características físicas e morais ou as súas circunstancias vitais.
Estes nomes pasaron de xeración en xeración ata chegar a nós.
É un trazo característico das contornas rurais.