O noso concello

Neste mapa político aparecen delimitados os concellos da zona na que ides traballar. Como poderedes observar, trátase dunha zona preto do mar na que os concellos son de tamaños heteroxéneos. E xusto no centro do mapa atopamos o concello de Viladouro. Este concello debido a certas problemáticas económicas e demográficas, planea fusionarse con algún dos concellos limítrofes co obxectivo de solucionar a actual problemática. Tódolos concellos limítrofes son candidatos a dita fusión, pero son tan diferentes que é moi difícil saber cal sería o mellor candidato.
Cómpre lembrar que tanto o concello de Viladouro como o resto dos concellos cos que traballaredes son ficticios así como o mapa que podedes apreciar na marxe dereita.
Este concello que busca fusionarse, o concello de Viladouro, caracterízase por ser un lugar de paso para os concellos veciños, mais este concello non conta coas vantaxes que poidan ter o resto deles. Os catro concellos que imos estudar son: Xanil, Val do Vento, Lagonovo e Portoxanela.
Agora reflexionade sobre as diferentes características destes concellos e a zona na que están situados. En que provincia galega podería estar situado este mapa? Crees que coñeces o sitio? A continuación coñeceredes tódolos concellos coas súas características.
Lectura facilitada
- Situación: un pobo con problemas quere unirse a outro.
- Obxectivo: encontrar o mellor pobo para unirse.
- Opcións: hai catro pobos para elixir.
- Tarefa: analizar as características de cada pobo.
- Aclaración: os lugares non son reais.




