Ler o guión
Antes de comezar o storyboard, é esencial que comprendades completamente a historia e o guión. Isto facilitaravos visualizar como se pode traducir cada escena a imaxes.
Deseñar as viñetas
Comezade a debuxar cada escena nun cadrado ou viñeta (non é necesario que sexan obras de arte, só bosquexos). Cada viñeta debe representar unha acción importante ou un momento clave da historia. Premede aquí para descargar un modelo para editar ou premede aquí para descargar un modelo en pdf.
Plano xeral: amosa o escenario completo e a localización dos personaxes.

Plano medio: trátase de ver ao personaxe ou obxecto nunha posición máis próxima.

Primeiro plano: enfoca os detalles importantes, como os rostros dos personaxes ou un obxecto significativo.

Plano aéreo: preséntase unha visión da escena desde unha posición elevada.

Plano picado: enfócase pola parte superior da liña de visión do personaxe, desde arriba.

Plano contrapicado: a cámara fíxase na parte inferior da liña de visión do personaxe. 
Incluír notas adicionais
Asegurádevos de engadir notas para calquera detalle importante para a produción.
Estas notas poden incluír:
- Instrucións de cámara (por exemplo, "cámara en man", "movemento de cámara", "zoom"...).
- Indicacións de iluminación ou efectos especiais.
- Detalles de son ou música, se son importantes para a narrativa visual.
Organizar o storyboard
Cada viñeta debe ter un número ou identificación para que poidades ordenalas segundo o fluxo da historia. Os storyboards xeralmente organízanse de forma secuencial e a miúdo colócanse nunha cuadrícula, cun espazo para cada escena ou toma.
Revisar e axustar
Unha vez que creedes o voso storyboard, é importante revisalo para asegurarvos de que flúe ben e segue o guión de maneira coherente. Asegurádevos de que os movementos de cámara, as transicións entre escenas e os tempos de acción estean claros e sexan factibles.