Signo en forma de debuxo sinxelo que representa o que se quere comunicar.
Exemplo:
Utilizou tres pictogramas para pedir unha pelota para xogar ao baloncesto.
Xesto
Definición:
Movemento que se empregar para expresar algo.
Exemplo:
Cando ía dicir a resposta a mestra fíxome un xesto para que calara.
Todos nos comunicamos igual?
Sabías que non todas as persoas nos comunicamos usando a lingua oral ou escrita? Sendo certo que son os xeitos máis comúns, hai moitas máis maneiras de expresar ideas, pensamentos e emocións.
Por diversos motivos, moita xente non pode empregar a fala ou a escritura, como dificultades físicas, sensoriais ou cognitivas. Isto non significa que non se comuniquen coas demais persoas, senón que empregan outros sistemas.
Algúns sistemas alternativos á linguaxe verbal son estes:
Lingua de signos
Emprégana especialmente persoas xordas, pero tamén aquelas que teñen dificultades para articular a fala. É unha linguaxe completa que, ademais de empregar as mans, tamén se empregan os xestos, as expresións faciais e o corpo. Cada país ten a súa propia lingua de signos, como é o caso da Lingua de Signos Española (LSE).
Braille
Neste caso, trátase dun sistema de puntos en relevo no que cada combinación é unha letra, un número ou un signo de puntuación e lese coa punta dos dedos. É empregado por persoas cegas ou con perda visual.
Sistemas aumentativos e alternativos de comunicación (SAAC)
Son ferramentas ou métodos que axudan a comunicarse a persoas con dificultades graves para falar ou escribir.
Adoitan empregar comunicadores electrónicos (tableta ou dispositivo que emite palabras cando a persoas selecciona imaxes ou palabras) ou taboleiros de comunicación (taboleiros con símbolos, debuxos ou pictogramas que as persoas sinalan para expresar o que desexen).
Lectura facilitada
Non todas as persoas nos comunicamos falando ou escribindo.
Hai moitas maneiras de expresar as ideas, pensamentos e emocións.
Hai xente que non pode falar ou escribir e empregan outros sistemas.
Algúns sistemas alternativos son:
Lingua de signos
Úsana persoas xordas e persoas con dificultades para falar.
Empregan as mans, os xesto, as expresións faciais e o corpo.
Cada país ten a súa propia lingua de signos, como é o caso da Lingua de Signos Española (LSE).
Sistemas aumentativos e alternativos da comunicación (SAAC)
Estas imaxes que se presentan chámanse pictogramas.
Os pictogramas son imaxes que representan a realidade de xeito sinxelo.
Que queren dicir estas estruturas?
Audio
Imos ver se somos capaces de comunicarnos, en pequenos grupos faremos as seguintes actividades multinivel.
Opción A
1. Probade a signar os vosos nomes e os dos vosos compañeiros. Podes mirar polo alfabeto.
2. Crea unha palabra en braille.
3. Que queren dicir estas estruturas?
Opción B
1. Un compañeiro/a dirá escollerá unha palabra, outro/a debe signala (mirando polo alfabeto) e un terceiro/a debe identificala.
2. Crea unha mensaxe secreta en braille.
3. Que queren dicir estas estruturas?
Opción C
1. Unha persoa escollerá unha palabra, outra debe signala (sen o alfabeto) e unha terceira debe identificala.
2. Identifica as mensaxes secretas que escriben os teus compañeiros/as.
3. Que queren dicir estas estruturas?
Pero ollo!
Incluso as persoas que empregan a fala e a escritura para comunicarse, fano de xeito moi diferente. Hai multitude de linguas (como o galego ou o castelán), pero dentro delas hai moitas variedades, os dialectos.
Non se fala igual o castelán en todo España, pero tampouco se fala igual o galego en todo o territorio de Galicia, onde existen tres bloques dialectais.
Aquí podes ver polo miúdo un mapa coa división dos bloques dialectais, ti en cal te atopas?
Estas son as principais características de cada un dos bloques dialectais:
Bloque occidental
Plural en palabras rematadas en -n: como a norma (can — cans).
Gheada: (gato — ghato).
Seseo: cambio do fonema c/z ao s (cine — sine).
Bloque central
Plural en palabras rematadas en -n: eliminan o -n e engaden -s (cans — cas).
Sufixo -án: cambian a -au. (irmán — irmau).
Bloque oriental
Plural en palabras rematadas en -n: eliminan o -n e engaden -is (cans — cais).
Sufixo -iño: rematan en -ín (pequeniño - pequenín).
Inclusión do grupo -ua- (catro — cuatro).
Ademais destas diferenzas morfosintácticas e fonéticas, tamén existen moitas diferenzas semánticas. É dicir, dependendo do lugar onde vivas, empregarás unhas palabras ou outras para referirte a unha mesma cousa.
Lectura facilitada
Incluso as persoas que empregan a fala e a escritura para comunicarse, fano de xeito moi diferente.
Hai multitude de linguas (como o galego ou o castelán), pero dentro delas hai moitas variedades, os dialectos.
Non se fala igual o castelán en todo España. Tampouco se fala igual o galego en todo o territorio de Galicia, onde existen tres bloques dialectais.