Saltar navegación

Investigamos sobre o clima Oceánico

Investigación documental

Duración:
20 minutos
Agrupamento:
Grupos de 4 ou 5 persoas

AsembleaAgora é a vosa quenda. Debedes investigar sobre o voso entorno para descubrir as características do clima Oceánico galego e a pegada humana en Galicia.

Utilizade a seguinte guía para reflexionar sobre diversos aspectos do ecosistema do que sodes parte.

Biótopo

Nesta sección reflexionade en equipo sobre a paisaxe da zona na que vivides. Podedes axudarvos dun mapa de xeografía física se o precisades. Prestade atención aos seguintes elementos naturais da paisaxe que vos poden guiar na vosa reflexión:

  1. Costa: Pensade se a vosa zona de costa é alta con montañas próximas que forman cantís ou baixa con praias. Desemboca algún río cerca? Hai algunha ría? Haia algunha illa próxima á costa?
  2. Interior: é unha zona chaira, con outeiros ou hai algún macizo montañoso?
  3. No caso de ter haber algún río achegado, investigade se é un río principal ou un afluente e que parte do curso do río discorre pola vosa zona.

Biocenose

Pensade en toda a vida natural que tendes ao voso redor. Neste punto debedes analizar:

  1. A vexetación: predominan árbores ou arbustos? coñeces algúns nomes? 
  2.  Que fauna coñecedes da vosa zona? Pensade na seguinte clasificación para facer unha análise máis completa.
  • Animais terrestres
  • Animais acuáticos (tanto mariños coma fluviais)
  • Animais aéreos

Medios de transporte

Hai algún medio de transporte típico que vos pareza importante mencionar?

Se estades nunha zona de costa podedes investigar sobre os diversos nomes das embarcacións de pesca. Son moi interesantes!

Pegada ecolóxica humana

Como xa observastes nesta fase, o ser humano é axente de cambio do entorno natural. Pero este cambio ás veces prexudica os ecosistemas gravemente.

Coñecedes algún efecto non desexado que o ser humano deixe na zona na que habitades?

Podedes reflexionar e comentar sobre:

  • Parques eólicos e o efecto dos aeroxeradores sobre a biodiversidade.
  • Caza, pesca e marisqueo furtivo e a necesidade de regulalo a través de normas.
  • Verteduras contaminantes ás augas (fluviais ou mariñas) de fábricas, granxas, ou outras procedencias.

Se precisas buscar información en rede, ten en conta as recomendacións desta GUÍA para a procura en internet.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)