Saltar navegación

3.3. Terceira parada: Delta do Ganxes (tropical húmido - monzónico)

 

Glosario

Cadea trófica

Icona coa representación da cadea trófica con produtores, consumidores primarios, secundarios, terciarios e descompoñedoresDefinición: 

Proceso polo que a natureza se conecta e se une a través da alimentación de xeito circular.

Exemplo:

Na natureza todos os seres vivos estamos conectados a través da cadea trófica.

Curso

Icona con imaxe de montañas nevadas de fondo, e río que aflúe ata desembocar no mar.Definición:

O curso do río é o percorrido desde o seu nacemento ata a súa desembocadura.

Exemplo:

A lonxitude dun río depende da proximidade das montañas á costa.

Delta

Icona de Arasaac representando o curso do río e unha frecha sinalando o lugar da desembocadura no que se forma o delta

Definición: 

Sedimentos que o río leva ata a súa desembocadura. As súas terras son ricas en nutrientes.

Exemplo: 

Nos deltas pódese cultivar arroz, algodón e soia.

Glaciar

Icona representando grandes cantidades de xeoDefinición:

Río conxelado que se despraza lentamente en forma de lingua por un val.

Exemplo:

O río Ganxes nace nun glaciar.

Golfo

Icona de Arasaac na que se representa a parte de mar que entra na terra.Definición:

Parte do mar que entra na terra entre dous cabos.

Exemplo: 

Os barcos gorécense nos golfos cando hai marusía.

Nordés

Icona de Arasaac que representa un compás cos puntos cardinais e unha frecha vermella sinalando o punto medio entre o Norte e o LesteDefinición:

Vento que sopra desde un punto xeográfico entre o Norte e o Leste. 

Exemplo:

A mar está picada porque sopra o nordés.

Salario

Icona de Arasaac que representa ao fondo 2 monicreques: un picando pedra e outro escribindo sobre unha mesa e en primeiro plano unha man estende un billete de 5€ a outra manDefinición:

Cantidade recibida como pagamento dun traballo ou servizo.

Exemplo:

É xusto recibir un salario digno por todos os traballos que se realicen.

Ler

A viaxe

Man esquerda suxeita un compás analóxico que ten un estoxo de madeira.

A sensación de viaxar co compás máxico xa non te resulta tan extraña como as primeiras veces, pero aínda é moi axitada.

Esta vez alborótaseche o pelo e notas unha calor abafante que case non che permite respirar.

A suor condénsase nas túas cellas e algunha pinga chégate ata as pestanas. polo que mantés os ollos pechados.

A guía

Fotografía na que se ve un campo asolagado no que una persoa agachada está a colleitar arroz

De súpeto notas unha presenza ao teu carón. Unha muller cantaruxa unha melodía que semella oriental mentres está agachada recollendo feixes de herba. Levanta a cabeza e decátaste de que non saberías calcular a súa idade. Ten a pel moi engurrada pero os ollos moi escuros e vivos.

— Ola, son Begum! a túa guía.

Esta vez guiareite por unha zona particularmente húmida e calorosa.

O biótopo

Gráfica de liñas na que se representa en azul as precipitacións acumuladas nos meses de verán e en amarelo as temperaturas que permanecen todo o ano case invariables

— Que é este lugar? - preguntas.

— Estamos en Bangladesh, na desembocadura do río Ganxes. Este río nace nun glaciar da cordilleira do Himalaia, xusto aí é onde está o afamado monte Everest (o máis alto do planeta). Despois de percorrer un curso de 2500 km. O río Ganxes, desemboca no golfo de Bengala no Océano índico e forma este delta marabilloso no que estamos.

O clima aquí tamén contribúe a acumular humidade, xa que entre os meses de xuño e setembro chega o monzón! Os ventos alisios que normalmente sopran das terras do nordés, cambian de sentido e comezan a soprar desde o sur, onde está o Océano Índico, traendo á terra toda a humidade do mar en forma de precipitacións abundantes. Isto asolaga as nosas cidades, pobos e aldeas e provoca grandes catástrofes.

A biocenose

Fotografía vista de fronte dun tigre de Bengala camiñando coa boca aberta

Miras ao teu redor. Todo está cheo dunhas herbas verdes que te chegan ata o peito.

— E estas herbas? que son? — preguntas.

Begum, a túa guía, sácate de dúbidas:

— Estamos nun delta formado na desembocadura polos sedimentos que arrastra a auga do río e tamén polas sales da auga mariña. Este ecosistema chámase Zona húmida. É un lugar moi rico para o cultivo. Os habitantes desta zona, aproveitamos estes recursos naturais para o cultivo de arroz, e soia que nos serven de alimento. Tamén cultivamos algodón co que facemos tecidos.

Os cultivos que ves aquí son moi importante para o equilibrio ecolóxico. Son lugares nos que a vida medra en todas as súas formas! Agardo que teñas a man o repelente de insectos xa que aquí hai moitos! Tamén verás anfibios e réptiles que se alimentan dos insectos. Ademais, hai moitos peixes e aves que aniñan cerca para asegurarlle o alimento aos seus pitos. Por suposto, tamén hai grandes depredadores coma o Tigre de Bengala (que leva o mesmo nome que o noso golfo!) Neste lugar podes ver a fermosa cadea trófica en cada recuncho.

Ademais tamén nos dedicamos á gandería xa que esta terra tan fértil produce abundante pasto.

Os medios de transporte

Fotografía dun medio de transporte tirado por unha persoa que consiste nun asento que se move sobre dúas rodas.

— Imaxino que os animais tamén vos serven de medio de transporte, non si? — comentas tras o aprendido nas túas paradas anteriores.

—  Por suposto! Aquí nos pobos e as aldeas utilizamos búfalos de auga, camelos e incluso elefantes para desprazarnos. As vacas son un animal sagrado e non poden realizar traballos do campo. Pero ademais, as persoas tamén somos o motor ecolóxico dos rickshaw, un medio de transporte moi típico de todos os países asiáticos. Por último, como non podía ser doutra forma, temos embarcacións chamadas “dingui” que utilizamos para a pesca.

Pero as grandes cidades están cheas de vehículos de motor circulando entre peóns e vehículos de tracción animal... Nalgúns lugares temos un verdadeiro problema de seguridade viaria. O número de accidentes de circulación é moi superior ao desexable!

A pegada ecolóxica humana

Fotografía en primeira plana dunha máquina de coser manual na que traballa unha nena.

Para a nosa economía e a nosa alimentación a agricultura, a gandería e a pesca sempre foron as fontes de recursos máis importantes. Pero nestes últimos anos, a xente nova traballa nas fábricas sen descanso e por moi pouco salario. Os que quedamos aquí no campo, enfermamos e a medicina “natural ayurveda” non nos funciona. Precisamos farmacias  e doutores, non podemos pagalos cos salarios que recibimos. Moi poucos cidadáns pagan impostos e o estado non pode asumir servizos públicos tan importantes como sanidade, educación ou mantemento das vías públicas.

— Por que enferman?

— As augas xa non están limpas. O río transporta nos sedimentos os nutrientes dos que che falei, pero tamén o lixo das fábricas téxtiles. Ata o delta chegan velenos que contaminan os nosos cultivos e a nosa comida. Os nosos netos e bisnetos cada vez traballan cada vez máis e máis horas e dende máis novos nesas fábricas tinguindo os tecidos e cosendo a roupa á mesma velocidade á que a moda vai cambiando! As teas xa non se fan con algodón, senón que se elaboran con derivados do petróleo coma o poliéster, a microfibra ou a poliamida. Todo iso tamén chega á auga e a todo o ciclo da vida.

Despedida

Agradecendo a Begum as súas ensinanzas e con todas as fotos da túa estancia en Bangladesh agarras con forza o compás máxico intrigado por saber que te deparará a túa vindeira parada.

Lectura facilitada

A viaxe

A sensación de viaxar co compás máxico xa non che parece tan rara como ao principio, pero aínda é moi intensa.

Esta vez remóveche o pelo e sentes un calor abafante que case non che deixa respirar.

O suor acumúlase nas cellas e algunha pinga cae ata as pestanas, por iso mantés os ollos pechados.

A guía

De repente, notas que hai alguén ao teu lado.

É unha muller que canta unha melodía diferente mentres recolle herba.

Levanta a cabeza e ves que non sabes a súa idade.

A súa pel está moi engurrada, pero os ollos son escuros e brillantes.

— Ola, son Begum, a túa guía!

Agora levareite por un lugar moi húmido e caloroso.

O biótopo

— Onde estamos? — preguntas.

— Estamos en Bangladesh, na desembocadura do río Ganxes.

Este río comeza nun glaciar das montañas do Himalaia, onde tamén está o famoso monte Everest, o máis alto do mundo.

O Ganxes percorre 2500 km e desemboca no golfo de Bengala, no Océano Índico, formando este incrible delta.

O clima aquí é moi húmido porque, entre xuño e setembro, chega o monzón!

Os ventos cambian de dirección: en vez de vir da terra, veñen do océano e traen moita humidade.

Chove tanto que as cidades, pobos e aldeas quedan inundados, causando moitos problemas.

A biocenose

Miras ao teu redor e ves que todo está cheo de herbas verdes que che chegan ata o peito.

— E estas herbas? Que son? — preguntas.

Begum, a túa guía, explícache:

— Estamos nun delta, formado polos sedimentos que trae o río e polas sales da auga do mar.

Este lugar é unha Zona húmida, un ecosistema moi rico.

Aquí cultivamos arroz e soia, que nos serven de alimento, e tamén algodón para facer tecidos.

As plantas que ves son moi importantes para a natureza.

Aquí hai moita vida: insectos, anfibios, réptiles, peixes e aves que viven e se alimentan neste lugar.

Tamén hai grandes animais, como o Tigre de Bengala, un dos depredadores máis coñecidos desta zona.

A vida aquí está conectada: uns seres aliméntanse doutros, e todo está en equilibrio.

Tamén aproveitamos o pasto que medra aquí para a gandería, xa que esta terra é moi fértil.

Os medios de transporte

— Supoño que tamén usades os animais para desprazarvos, non? — preguntas, lembrando o que aprendiches antes.

— Claro que si!

Nos pobos e aldeas usamos búfalos de auga, camelos e incluso elefantes como medio de transporte.

As vacas, que son animais sagrados, non poden traballar no campo.

Ademais, tamén usamos os “rickshaws”, uns carros tirados por persoas, que son moi típicos en Asia.

Tamén temos barcas chamadas “dingui”, que empregamos para pescar.

Nas grandes cidades, hai moitos vehículos de motor circulando entre peóns e carros tirados por animais. Nalgúns sitios, isto crea problemas de seguridade, porque hai demasiados accidentes de tráfico.

A pegada ecolóxica humana

A agricultura, a gandería e a pesca sempre foron moi importantes para nós, tanto para a economía como para alimentarnos.

Pero agora, moita xente nova traballa nas fábricas sen descanso e por un salario moi baixo.

Os que quedamos no campo estamos enfermando, e a medicina natural, chamada “ayurveda”, xa non nos serve.

Necesitamos farmacias e médicos, pero non os podemos pagar cos poucos cartos que gañamos.

Ademais, case ninguén paga impostos, polo que o estado non pode ofrecer servizos importantes como sanidade, escolas ou o mantemento das estradas.

— Por que enferman? — preguntas.

— Porque as augas xa non están limpas.

O río trae nutrientes, pero tamén lixo das fábricas de roupa.

Este lixo contamina os cultivos e a comida.

Os nosos netos teñen que traballar máis horas e desde moi novos, facendo tecidos e cosendo roupa ao ritmo da moda.

Xa non usamos algodón para as teas; agora fabrícanse con materiais derivados do petróleo, como poliéster, microfibra ou poliamida.

Todo isto tamén chega á auga e afecta a toda a vida neste lugar.

Despedida

Dáslle as grazas a Begum por todo o que che ensinou.

Con todas as fotos da túa viaxe a Bangladesh, agarras ben forte o compás máxico, con curiosidade por saber cal será o teu próximo destino.

Audio

A viaxe

Viaxe
Bangladesh-Viaxe

A guía

Guía
Bangladesh-Guía

O biotopo

Biotopo
Bangladesh-Biotopo

A biocenose

Biocenose
Bangladesh-Biocenose

Os medios de transporte

Transporte
Bangladesh-Transporte

A pegada ecolóxica

Pegada ecolóxica
Bangladesh-Pegada ecolóxica

Despedida

Despedida
Bangladesh-Despedida

Apoio visual

Apoio visual do clima monzónico con pictogramas

Feito con eXeLearning (Nova xanela)