Sabías que o ciclo da auga está en continuo movemento grazas ao clima? A auga evapórase debido á calor, o frío contribúe a que se condense en nubes e a presión decide se choverá ou non. Así, o ciclo da auga conecta todo: mares, ríos, nubes e mesmo a nosa vida diaria. Observa o seguinte vídeo e fai un pequeno repaso:
Agora que xa coñeces o ciclo da auga, é importante ter en conta que para poder viaxar polo mundo, é preciso coñecer as diferentes zonas climáticas, xa que este coñecemento axudaranos a elixir os destinos máis axeitados segundo o clima que busquemos. Ao longo desta actividade, investigaredes en grupos as distintas zonas climáticas do planeta, descubrindo as súas características, como afectan á vida das persoas, plantas e animais, e que cambios están a experimentar debido ao impacto humano. Ao final, compartiredes os vosos descubrimentos co resto do grupo, ampliando a visión de todas as zonas climáticas que existen no mundo.
Obxectivo: Investigar a zona climática asignada e presentar conxuntamente as súas características clave, incluíndo clima, vexetación, fauna e a influencia humana.
Lectura facilitada
Agora xa coñeces o ciclo da auga.
Para viaxar polo mundo, precisas coñecer o clima.
Este coñecemento dos climas axudará a escoller o destino.
Nesta actividade investigaredes distintas zonas climáticas.
Coñecerás as características de cada unha delas.
Aprenderás como afecta a vida dos animais e das plantas.
Compartiredes co resto da clase, os vosos descubrimentos.
Guía do traballo grupal
Que tes que facer?
Investiga a túa zona climática utilizando libros, recursos dixitais ou artigos. Toma notas sobre as características clave relacionadas co teu rol.
Comparte os teus descubrimentos co grupo e discútelos. Asegúrate de que cada rol teña unha comprensión clara da zona climática no seu conxunto.
Podes empregar gráficos, mapas e fotos para facer que a túa presentación.
Prepara unha presentación conxunta co teu grupo onde cada membro do grupo presentará a súa parte.
Rol no grupo
Responsable do clima: será responsable de investigar as características do clima da zona (temperatura, precipitacións, estacións, etc.).
Responsable da vexetación: encargarase de investigar que tipos de plantas medran na zona climática e como se adaptan ao clima.
Responsable da fauna: a súa tarefa será investigar os animais que viven na zona, as súas adaptacións ao clima e como interactúan co entorno.
Responsable do impacto humano: analizará como as actividades humanas afectan á zona climática e que se pode facer para protexela.
Que zonas investigaremos?
Zona cálida
Ecuatorial
Tropical
Desértico cálido
Zona temperada
Oceánico
Mediterráneo
Continental
Desértico temperado
Zona fría
Polar
Montaña
Modelo de traballo
Descarga e completa o seguinte documento e pégao no teu caderno.