Saltar navegación

3.1. Primeira parada: Alert (clima polar)

 

Glosario

Caiac

Imaxe dun caic no marDefinición: 

Embarcación de orixe esquimó fabricada tradicionalmente con pel de foca e cunha abertura na cuberta que se axusta ao corpo da persoa que a tripula.

Exemplo:

Os esquimós empregan o caiac para a pesca e a caza.

Estación meteorolóxica

Debuxo dunha Estación meteorolóxica Definición:

Instalación destinada a medir e rexistrar datos meteorolóxicos. Estes datos utilízanse para realizar predicións e estudos sobre o clima dun lugar ou rexión.

Exemplo:

A estación meteorolóxica rexistrou temperaturas moi altas para estas datas do ano.

Setentrional

Imaxe que indica o norte ou Setentrional

Definición: 

Que está no Norte ou procede do Norte. O antónimo é meridional.

Exemplo: 

Canto sopra o vento setentrional vai moito frío. Cando sopra meridional, chove.

Tundra

Imaxe dunha TundraDefinición:

Terreo propio do Ártico, no que o solo está xeado a meirande parte do ano. A súa vexetación son liques e carrizas.

Exemplo:

Na tundra non hai árbores e hai moi poucos arbustos baixos.

Zorra

Imaxe do medio de transporte polar ZorraDefinición:

Especie de caixón que se desliza para transportar cousas e/ou persoas.

Exemplo: 

Os inuit viaxan en zorras tiradas por cans.

Ler

A viaxe

Man esquerda suxeita un compás analóxico que ten un estoxo de madeira.

Viaxar co compás máxico será a túa oportunidade para coñecer os diferentes ecosistemas en primeira persoa. O primeiro que experimentarás será de clima polar.

O compás máxico achegarate ao asentamento humano máis setentrional do planeta. Alí hai unha estación de investigación meteorolóxica na que os científicos tentan coñecer mellor o clima como está a cambiar nos últimos anos.

A guía

Fotografía retrato dunha persoa con gorro e capucha de pelo con copos de neve

A túa guía pertence a unha tribo inuit. Acércase paseniño e podes observala ben. É unha muller miúda, e vai vestida con roupa que semella de pel. Só deixa ao descuberto uns ollos riscados, escuros coas pestanas branqueadas pola xeada. Na súa mirada ten o escintileo da sabedoría que lle  transmitiron os seus devanceiros.

- Ola, chámome Sila.

- Bonito nome - respostas mentres intentas torpemente saudala coa man.

- Moitas grazas, puxéronmo en honor dun dos nosos "inua".

- Inua? que é un inua?

- Na nosa cultura respectamos tanto as forzas da natureza que as personificamos e poñémoslles nome. Os inua son as forzas naturais que protexen o mar, a lúa e o clima.

O biótopo

Chaira xeada co solpor ao fondo na que destaca unha manda de cans de tiro

Ensinareite a nosa rexión. Con Sila viaxas nunha zorra tirada por cans pero pronto te decatas de que a paisaxe é moi monótona. O biótopo caracterízase por ter grandes chairas cubertas de neve. O mar debe estar cerca, xa que podes escoitar as ondas.

Escápate un aceno de incredulidade coa mirada ao ver unha paisaxe tan monótona e Sila, moi observadora, resposta de contado:

- A tundra é así a meirande parte do ano. Só ves cores brancas ata onde alcanza a túa vista.

Moi ao lonxe divisas unha cordilleira.

- Nesas montañas os ríos están xeados e chámanse Glaciares. Ás veces cando chegan ao mar despréndense partes do xeo e forman os iceberg.

A biocenose

Fotografía de ave palmípede de plumaxe branco e negro e un peteiro semellante a un papagaio

Sila tamén te fala sobre a vida na tundra:

- Nos meses de verán a temperatura sube de 0ºC e se derrete parte desa neve. Así desfrutamos da vexetación típica: carrizas, liques e algún arbusto baixo que lles serven de alimento aos animais herbívoros coma esa lebre ártica que podes ver ao lonxe  saltando. O animal desaparece ao pararse camuflada entre tanto branco. Cerca da lebre parécete divisar un raposo ártico e levantando a vista un bufo das neves silandeiro que merodean sobre a zona na procura de alimento.

A costa está moi preto! Ao lonxe xa podes escoitar as ondas do mar e o chío dunha bandada de alegres aves de cor branca e negra. A mirada de Sila vólvese divertida:

- Todas as persoas que viaxan ata aquí agardan atopar pingüíns, pero xa ves! estes son arao-papagaio e aqueles carráns árticos. Os pingüíns non voan e viven no hemisferio sur!

Se nos acercamos ao ecosistema mariño tamén podemos ver candorcas ou algún narval nadando tras os cardumes de peixiños. Hai moita vida nas augas do noso Océano Ártico!

Os medios de transporte

Fotografía dunha zorra de madeira que porta un caiac de cor azul

Sila vai guiando a uns cans que tiran dunha zorra e sobre ela, transporta unha embarcación semellante a unha canoa.

- Que medios de transporte utilizades aquí?

- O transporte terrestre dos inuit é unha zorra á que chamamos Qamutiik. Os cans son o seu motor ecolóxico! e para pescar utilizamos o Caiac. Ás veces transportamos os caiac sobre os qamutiik.

A pegada ecolóxica humana

Sinal de tráfico de prohibido circular con zorras

Tras unha longa xornada, un sinal de circulación indica a prohibición de circular con zorras. Sila aparca nun estacionamento adecuado e botades a camiñar dun xeito moi especial. Sila é quen de recoñecer o grosor da capa de neve pola súa cor. E non só iso! tamén sabe se debaixo hai terra ou auga. Tes que seguila coidadosamente para evitar accidentes que poderían custarvos caro.

- As persoas que traballan na estación meteorolóxica de Alert falan de que o efecto invernadoiro aumenta a temperatura do planeta e contribúe ao desxeo. Os inuit temos sorte de saber recoñecer o grosor do xeo polos distintos tons de branco. Algúns animais coma os osos polares están perdendo o seu hábitat, por causa deste desxeo. Cada vez é máis raro ver algún oso polar.

A tristeza de Sila pode notarse no silencio que corta o xélido aire.

Despedida

Agradecendo as ensinanzas de Sila e con todas as fotografías do aprendido metidas na mochila, botas man ao peto para agarrar con forza o compás e seguir a túa viaxe.

Lectura facilitada

A viaxe

Viaxando co compás máxico descubrirás os tipos de natureza que hai no mundo.

Esto son os ecosistemas.

A primeira parada será nun lugar moi frío con clima polar.

O compás levarate ata o pobo onde viven as persoas máis ao norte do planeta.

Alí hai un grupo de científicos que estuda o tempo e como está a cambiar o clima nos últimos anos.

A guía

A túa guía é dunha tribo inuit.

É unha muller miúda.

Vai tan abrigada que só lle ves os ollos.

Ten as pestanas xeadas. 

- Chámome Sila.

- Bonito nome - respostas.

- Moitas grazas, puxéronmo en honor dun "inua".

- Que é un inua?

- Son as forzas naturais que protexen o mar, a lúa e o clima.

O biótopo

Sila e máis ti viaxades nunha zorra tirada por cans.

A paisaxe é sempre igual: grandes chairas nevadas.

Escoitas o son das ondas.

O mar debe estar preto.

Miras ao redor sorprendido porque a paisaxe non cambia.

Sila decátase e explícache:

— Aquí a tundra é así case todo o ano.

— Ás veces vese algunha montaña lonxe con ríos de xeo.

— Chámanse glaciares.

— Cando chegan ao mar algúns anacos deses ríos de xeo forman os icebergs.

A biocenose

Sila cóntache como é a vida na tundra:

— No verán parte da neve derrétese e vense carrizas, liques e algúns arbustos baixos.

— Estes serven de alimento a animais herbívoros, como a lebre ártica.

— Tamén vive aquí o raposo ártico.

— O bufo das neves busca comida voando en silencio.

A costa está moi preto e escoitas o chío dunhas aves brancas e negras. Sila di:

— Aquí non hai pingüíns.

— Esas aves brancas e negras son arao-papagaios e carráns árticos.

— Os pingüíns non voan e viven no hemisferio sur!

Sila continúa:

— Se nos achegamos ao mar poderemos ver candorcas e narvais nadando.

— Hai moita vida nas augas do noso Océano Ártico!

Os medios de transporte

Sila leva uns cans que tiran dunha zorra. Sobre a zorra vai unha barca parecida a unha canoa.

— Que medios de transporte usades aquí?

— No inverno, usamos unha zorra que chamamos Qamutiik.

Móvese grazas aos cans! Para pescar, usamos o Caiac.

A pegada ecolóxica humana

Despois da longa viaxe, atopades un sinal que prohibe o paso de zorras.

Sila aparca nun lugar permitido e comezades a camiñar dunha maneira especial.

Sila distingue o grosor da neve segundo a cor.

Tamén sabe se debaixo hai terra ou auga.

Debes seguir a Sila con coidado para evitar perigos.

— As persoas da estación meteorolóxica de Alert din que o efecto invernadoiro quenta o planeta e fai que o xeo se derreta.

— Os inuit temos a sorte de saber ver o grosor do xeo polos diferentes tons de branco.

— Algúns animais, como os osos polares, están perdendo o seu fogar por culpa deste desxeo.

— Cada vez é máis raro ver un oso polar.

A tristeza de Sila nótase no silencio que corta o frío aire.

Despedida

Agradeces as ensinanzas de Sila.

Levas todas as fotografías do aprendido na mochila.

Botas man ao peto para agarrar con forza o compás e seguir a túa viaxe.

Audio

A viaxe

Viaxe
Alert-viaxe

A guía

Guía
Alert-guía

O biotopo

Biotopo
Alert-biotopo

A biocenose

Biocenose
Alert-biocenose

Os medios de transporte

Transporte
Alert-Transporte

A pegada ecolóxica

Pegada ecolóxica
Alert-Pegada ecolóxica

Despedida

Despedida
Alert-Despedida

Apoio visual

Apoio visual do clima polar con pictogramas

Feito con eXeLearning (Nova xanela)